sábado, 26 de junio de 2010

UNHA WEB PARA A POBRA ¡¡XA MESMO, MACEIRAS!!

Tras facer un percorrido polos Concellos a través das súas páxinas web podemos observar que o Concello de A Pobra do Caramiñal é dos poucos de Galicia que, non só non está inmerso na sociedade da información, senón que nin sequera ten unha PÁXINA WEB onde se poda ofrecer a información básica aos veciños e veciñas, así como a aquelas persoas que por un ou por outro motivo buscan a través de Internet obter datos do noso Concello (números de teléfono de interese do Concello, os membros da Corporación Local, actos, novas, cursiños, exposicións,....).


Do percorrido pola rede se extrae a seguinte información:

Dos 315 concellos que hai en Galicia non contan con páxina web a día de hoxe un total de 18.

  • A Pobra é O ÚNICO da provincia da Coruña QUE NON TEN WEB PROPIA

Polo tanto, a Pobra do Caramiñal é o único Concello da Provincia de A Coruña que non ten páxina web. Consideramos un atraso enorme que no ano 2010, cando o mundo globalizado se comunica a través de internet, un Concello da importancia turística da Pobra de Caramiñal non teña unha páxina web propia, relegándonos deste modo a unha situación de desvantaxe con respecto aos demais Concellos de Galicia á hora de ofrecer información e participación cidadán, e, en especial aos concellos veciños que si están provistos destas ferramentas.

Por este motivo o grupo municipal do PSdeG, a través da súa voceira Teresa Gullán, ven de presentar unha MOCIÓN para o seu debate no vindeiro pleno instando ao Concello da Pobra a poñer en marcha este recurso tan importante hoxendía.


Teresa Gullán pide a adopción dos segintes ACORDOS:


1.- Elabore unha páxina web, que proporcione información aos veciños e veciñas da Pobra do Caramiñal, na que se plasme as características propias deste concello a nivel turístico, gastronómico.... e que permita que o noso concello saia do atraso no que está inmerso dende o punto de vista tecnolóxico.

2.- Que se leve a cabo a transformación necesaria dende o Concello para que a Pobra do Caramiñal entre na sociedade da información e pase a ser un concello 2.0.


¡¡Esto resulta INCRÍBLE!! Non ter páxina web a estas alturas ¿Ou non?

Pero non desesperedes que o luns dirán que ¡¡¡XA A ESTÁN FACENDO!!!

martes, 15 de junio de 2010

POLAS ELECCIÓNS, ONDE O ALCALDE DIXO DIGO AGORA DI DIEGO


POBRA.- 14/06/10.- Estamos perplexos ca forma de actuar do goberno municipal da Pobra. O último xoves de maio tivemos un Pleno no que os socialistas solicitabamos que se arranxaran os accesos a praia da Mercé, facendo para elo as xestións necesarias para a obtención dos permisos pertinentes. Pedíamos accesos duradeiros e con larga vida útil.
Hai pouco máis de 15 días o PP da Pobra votaba en contra desta proposta, argumentando o seu voceiro que xa o Alcalde falara cos veciños.
É propio dun Alcalde que reciba e escoite aos veciños pero tamén é necesario que informe a corporación Municipal das actuacións que están a levar a cabo, tendo en conta que o Pleno é o órgano de máxima representación política dos cidadáns. Consideramos que a forma de actuar do Sr. Isaac é propia dos caciques impoñendo o control absoluto e abusando do seu poder e autoridade.
Esta cuestión parece que o Partido Popular da Pobra lle importa pouco caendo sempre na incoherencia e no nulo respecto aos veciños a través dos seus representantes.
Estamos a día 14 de xuño e arranxaron minimamente os accesos que lle solicitabamos cando hai uns días votaban en contra dese arranxo. Descoñecemos a procedencia dos fondos utilizados para esta obra, si solicitaron e obtiveron os permisos de Costas, cando hai pouco tempo o argumento que utilizaba o Sr. Alcalde cando os veciños requirían a súa atención, era precisamente que esta actuación estaba no dominio de Costas.
Debido a opacidade e o despotismo utilizado polo Sr. Isaac descoñecemos si xa finalizou esta actuación porque para os veciños e para nós está incompleta. Falta
• que se pavimente a estrada que une a AC-305 ca punta da Mercé, (está esnaquizada e intransitable).
• que se fagan uns muros de contención nas escaleiras de acceso a praia, (cando chova un pouco quedarán completamente aterradas).
• Que se recupere o tránsito polo camiño que vai dende o pazo da Mercé ata a punta da Mercé, sen deixar nas mans privadas ningunha negociación ca Demarcación de Costas do Estado. Recuperar os camiños públicos é unha cuestión que atinxe a Administración.

martes, 8 de junio de 2010

MACEIRAS NON RECOÑECE AS INVERSIÓNS DO GOBERNO DE ESPAÑA




AS OBRAS DE SANEAMENTO TAN CACAREADAS POLO SR. ISAAC, CON UNHA INVERSIÓN DE 3,4 MILLÓNS DE EUROS, 2,6 MILLÓNS CORRESPONDEN Ó FONDO ESTATAL PARA O EMPREGO E A SOSTENIBILIDADE LOCAL.

Para unha inversión de 2,6 millóns de euros, o concello da Pobra non achega nin un céntimo procedente da afogada contabilidade municipal. Os 800.000 euros restantes achégaos a Xunta.

Pobra.- 08 de xuño de 2010.- A incoherencia , a falta de vergoña, o todo vale é a premisa que impera no PP da Pobra. No pasado Pleno o voceiro do PP pediu a dimisión do Presidente do Goberno de España, chegou a dicir que o Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local, non valía para nada, que era un despropósito, a conclusión: que ese equipo de goberno estaba en desacordo cas inversións do Goberno de España na Pobra.

Pasaron uns días e foi o Sr. Isaac o que nos medios de comunicación saíu relatando as obras que se están facendo neste pobo, incidiu nas de saneamento que a excepción de dúas o resto están financiadas polo Plan E.

Este equipo de goberno, liderado polo Sr. Isaac, son infinitamente desagradecidos pois estas obras supoñen ofrecer servicios moi demandados, o actual rexedor sería incapaz de dotar as parroquias de saneamento se o Plan E non existise.

Á Pobra correspondeulle o ano 2009 (polo plan E) un total de 1.756.255, e para este ano 1.073.938 euros. A suma destas cantidades supón unha inversión neste pobo de 2.830.193 euros.

As obras que por un lado desprezan os responsables do PP da Pobra e que benefician a numerosos veciños, son:

Saneamento do camiño dos Cons, Lomba: abastecemento e saneamento no lugar de Xunqueiras; actuación medioambiental na Mirandela; actuación no Campo da Angustia; saneamento na rua Venecia; remodelación polideportivo; acondicionamento escolas unitarias; rede de saneamento en Pedrinas (Santa Cruz); saneamento en Rego; saneamento, auga e asfaltado desde Torre de Xunqueiras a Pontenaveira; abastecemento e saneamento en Pontes-Hórreo; abastecemento e saneamento no lugar do Pozo; saneamento e bombeo na Banda; urbanización de Fraga Iribarne; remodelación e acondicionamento de rúa Unión, tramo I e II; remodelación e acondicionamento Tetuán tramo I e II.

O conxunto de todas estas obras quedarían sen facer se non son financiadas polo Goberno de España, aínda que o PP critique duramente esta financiación e por outro lado as faga súas, presumindo o Alcalde delas. En definitiva, o Presidente do Goberno de España, é o mellor alcalde da Pobra.

Estes fondos cumpriron os obxectivos para o que foron deseñados, porque permitiron mellorar os servicios básicos a poboación, que aínda sendo imprescindibles e despois de gobernar 11 anos o Sr. Isaac, se non se fai co Plan para o Emprego, os veciños continuarían sen obter os servicios pero pagando relixiosamente impostos como si se lle prestaran.

É necesario recoñecer a procedencia dos fondos, e que non se adxudique o Sr. Isaac méritos inexistentes.

domingo, 30 de mayo de 2010

HOMENAXE A GENOVEVA, MANOLO E ÁNGEL.



Queremos hoxe render un homenaxe solidario e merecido aos nosos compañeiros Genoveva, Manolo e Ángel, persoas humildes e sinxelas que o deron todo, que puxeron os seus días, as súas forzas, o seu entusiasmo ó servicio dos ideais socialistas.

Non podemos resarcir as súas familias e os seus amigos por todo o tempo dedicado, pero si podemos recoñecer o seu enorme sacrificio. Independentemente dos tempos difíciles vividos dentro do seo da nosa Agrupación, eles firmaron un contrato inquebrantable de lealdade cas persoas que estiveron en cada momento ó fronte deste partido.

Podemos dicirlles as súas familias, que os socialistas da Pobra estamos orgullosos de eles, do que fixeron e do que continúan facendo.
Eles son os primeiros que sempre están, inagotable a resistencia que demostran e a defensa dos ideais do socialismo democrático. Estamos orgullosos de vos, e que a vosa constancia sexa o espello onde nos miremos. Esto si que temos que dicilo.

Queremos destacar algúns aspectos da súas traxectorias.
De Genoveva, que está convalecente e hoxe non nos pode acompañar, é o exemplo de moitas mulleres que houberon de sacar adiante aos seus fillos traballando nunha fábrica de conservas mentres Juan, o seu home, militante desta casa ata a súa morte andaba embarcado. Genoveva, poderíamos dicir que é unha desas nais coraxe que con moito esforzo, nuns anos de penuria souberon loitar por manter unha posición hexemónica de reivindicación do dereitos das mulleres nunha sociedade patriarcal.

Manolo...
tes sido ante todo un traballador e un loitador durante toda a vida. Xunto co apoio incondicional da túa muller, Lolita, a quen queremos dedicarlle un recordo moi especial, fostes dos primeiros en ver nas bateas e no sector mexilloeiro, unha ferramenta para unha vida mellor. Traballachedes incansablemente nelas, ademais de compatibilizar este duro traballo cunha pensión que rexentabades na casa dos Areos. Grazas ó voso traballo, á vosa iniciativa, á familia non lle faltou nunca nada. Inculcaron tanto ós seus fillos como ós netos uns valores fundamentais: traballo, constancia, honestidade e moito respecto polos demais. Valores inherentes ao socialismo que Manolo leva defendendo toda su vida, incluso nos momentos máis difíciles pero sen renunciar ós ideais nin perder a fe na xente A duras penas ás veces, Manolo e Lolita conseguiron sacar adiante a toda a familia e os educaron co exemplo na solidariedade e no apoio ós mais desfavorecidos, e o seu fillo Manolito foi o paradigma claro desa dedicación ós demais, Todos os aquí presentes o sabemos e recordamos, e aí está ÁMBAR como resultado dun proxecto colectivo no que a familia de Manolo tivo un gran protagonismo.... exento, valga a redundancia, de protagonismo persoal... Manolo: Sempre cara adiante e con respeto,

Ángel... o apelido Ouviña nesta casa ten sempre unha gran carga emotiva. Fostes os fundadores desta agrupación, un CLAN OUVIÑA cheo de honradez e honestidade, traballo e loita permanente tamén. Ángel, é o mais pequeno dos irmáns.. José e Ricardo fundaron no ano 1977 esta agrupación e aí empezaches a militar, xunto con eles, e a loitar contra o dictador que rexeu esta vila durante anos. Sempre Ángel ao lado do partido, non das persoas senón do partido, das ideas, dos cimentos do socialismo, encaixando golpes duros pero tamén disfrutando das victorias. Corenta anos de franquismo ás costas, Ángel tamén foi un temprano traballador. Ós 12 Anos xa andaba á faneca que vendía a súa nai. Ós 18 xa era navegante no Gran Sol, nos anos da contenda mundial. Algún susto déronche os avións alemás ¿eh Ángel?
Emigraches a Venezuela coa túa muller nos anos 60 e estiveches alí como traballador de Heinecken seis anos . Despois o regreso a España, outra vez a navegar ó Gran Sol e a Canadá.


Me alegra especialmente que o noso S. X. Pachi Vázquez, os parlamentarios autonómicos así como os compañeiros da Executiva Provincial non dubidaran en acompañarnos para compartir con nós este momento entrañable e de recoñecemento de Genoveva, Manolo e Ángel, comprometidos sempre ca defensa duns valores e uns principios que merecen a pena.

Esta executiva, que represento, se esforza e se esforzará en seguir traballando, buscando solucións ós problemas de todos, para facer realidade esa esperanza depositada en nós, e para ser dignos da vosa confianza. O futuro depende do que cada un de nós fagamos.

Ás veces ocorre que hai frases manidas, repetidas ata a saciedade, pero que son necesarias para describir unha traxectoria. Quero traer aquí as fermosas verbas que Castelao deixounos naquel Sempre en Galiza e que din que “o verdadeiro heroísmo e trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”. Ou nas de Pablo Iglesias: Sodes socialistas, non para amar en silencio as vosas ideas nin para recrearvos coa súa grandeza no espíritu de xustiza que as anima, senón para levalas a todas partes. Ambas definen a Genoveva, a Manolo e a Ángel.

O noso enorme agradecemento a eles, e ós que como eles creron neste proxecto solidario e democrático e a todos e todas os presentes por acompañarnos.

martes, 25 de mayo de 2010

ESIXIMOS MÁIS E MELLORES SERVICIOS SANITARIOS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a solicitar a Xunta de Galicia que manteña o posto de Radiólogo de garda no Hospital do Barbanza..

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A Sanidade é un dos piares básicos do Estado do Benestar, un ben e un servicio que deberá mellorar e crecer, día a día, especialmente a Sanidade Pública, xa que está ó servicio directo de tódolos cidadáns.

As prestacións sanitarias a través dun servicio público de calidade ten sido sempre unha aspiración dos socialistas como factor fundamental de cohesión e de benestar social.

Froito diso impulsouse por parte dun Goberno socialista e aprobouse pola Cortes Xerais a Lei Xeral de Sanidade no ano 1986, o que universalizou en España a sanidade pública e gratuíta para o conxunto da poboación.

A iniciativa formulada pola Xunta de Galicia para que os hospitais comarcais do Salnés, Barbanza e Cee, compartan radiólogo de garda, nos parece unha medida que deteriora claramente a calidade asistencial, ademais de ser inxusta a distribución dos recursos, é que penaliza ós usuarios dos mesmos en relación cos hospitais das grandes urbes.

Considerando a importancia dos estudios radiolóxicos e o desenrolo das distintas técnicas, así como a utilización en medicina de urxencias da TAC, (Tomografía Axial Computarizada), para o diagnóstico entre outros de traumatismos craniais e accidentes vasculares cerebrais. A ECOGRAFÍA, (técnica que necesita a presencia física do radiólogo xa que ó usar os ultrasóns, non se obteñen imaxes que podan enviarse de forma telemática) e a súa capacidade de resolución para o diagnóstico diferencial nas patoloxías de orixe renal, biliar, pancreática e xinecolóxica é importante e decisiva.

Tendo en conta a importancia diagnóstica nas primeiras horas das enfermidades anteriormente descritas e que a falta de radiólogos en presencia física leva consigo a que no noso hospital en ningún momento se puideran mellorar as súas prestacións sanitarias, xa que a radioloxía intervencionista, básica en enfermidades do sistema circulatorio periférico, sería imposible de realizar.

A labor dun radiólogo consiste en supervisar o exame radiolóxico e interpretar a imaxe médica.

Considerando a gravidade de patoloxías como os hematomas cerebrais, hemorraxias subaracnoideas, zonas de contusión cerebral, presencia de corpos estraños e fracturas óseas craniais de difícil localización, a especificidade e a importancia diagnostica do TAC, para as mesmas, resalta a necesidade da presencia física do especialista en radioloxía.

Un técnico en imaxe non ten a formación específica para determinar que tempo e cortes se descartan ou son necesarios para chegar a un diagnóstico, xa que a técnica TAC consiste en múltiples cortes milimétricos tanto no plano saxital como transversal. Posiblemente esa falta de pericia profesional poda atrasar e diminuír a eficiencia da calidade asistencial, prexudicando ao paciente estudiado e os que permanezan en espera.

Non entendemos esta falta de sensibilidade da Xunta de Galicia cos habitantes da área de influencia do Hospital do Barbanza, cando existen centros de atención primaria dotados de equipos de radioloxía e ecografía.

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

Instar a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Sanidade a manter a presencia física nas gardas hospitalarias do Radiólogo no Hospital do Barbanza co obxecto de non recortar as prestacións sanitarias na nosa Comarca.

Pobra do Caramiñal, a 12 de maio de 2010

sábado, 22 de mayo de 2010

O DETERIORO DA SANIDADE NO HOSPITAL DO BARBANZA

Estes días o xerente do hospital comarcal do Barbanza nos daba unha nova na que o Sergas habilitaba no ambulatorio de Ribeira unha consulta de xinecoloxía.
Outra proba máis do abandono da sanidade pública por parte da Consellería de sanidade do PP. A mostra son as declaracións do director médico dicindo que para xestionar a lista de espera en xinecoloxía designa unha matrona para que realice a toma de mostras de citoloxía do cuello do útero.

A matrona é unha enfermeira especializada a través da realización dunha residencia clínica, sempre sole traballar acompañada por outros profesionais da medicina, (xinecólogo e obstetra) e en ningún caso pode substituílos.

Queremos recordar que unha matrona non ten a formación suficiente para suplir a consulta en saúde dun médico especialista en xinecoloxía, nin dispón dos medios complementarios adecuados para unha exploración xinecolóxica.

Dende o PSOE non paramos de escandalizarnos, e este profesional médico non debería facer propaganda, senón que a súa obriga é informar a poboación na procura da adquisición de bos hábitos en saúde, ca finalidade da prevención. Unha exploración xinecolóxica se compón ademais da citada citoloxía, da exploración de mamas e axilas, da exploración da vaxina, do corpo do útero, das trompas e dos ovarios co fin de diagnosticar as patoloxías inflamatorias, infecciosas e tumorais que poidan aparecer.

Como recomenda a SEGO (Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia), as mulleres deberíamos facernos un exame xinecolóxico completo anualmente, polo tanto poñer unha matrona a disposición das mulleres do Barbanza non é máis que un mínima e incompleta revisión que non suple a do xinecólogo.

Pola saúde de todas, acudan o xinecólogo aínda que o PP queira facernos crer que ca matrona é suficiente, da mesma maneira que vamos ó médico de familia cando o estimamos convite e este si o considera nos desvía ó/a ATS. A primeira opción cando temos síntomas dalgunha enfermidade é pedir cita para o médico, non para o enfermeiro/a.

En aras dunha atención adecuada solicitámoslle ó Sergas poña a disposición das mulleres do Barbanza un xinecólogo nesa consulta de nova creación en Ribeira, mentres non sexa posible esa incorporación non desaparezan das listas de espera a esas 3.000 mulleres que teñen que facer revisión.

miércoles, 21 de abril de 2010

@S VECIÑOS ACUDIRON A ENTERARSE QUE É O POL

O PSdeG solicitará no Parlamento a prórroga da moratoria dos cincocentos metros de protección do litoral.

Foron moitos os veciños que se deron cita no salón de actos do ISM para asistir á charla convocada polo PSOE da Pobra sobre o Plan de Ordenación do Litoral. Os deputados autonómicos, Mar Barcón e Xosé Manuel Lage, expuxeron a visión dos socialistas sobre o documento elaborado pola Xunta ó que cualificaron de escuro e farragoso ademais da inseguridade xurídica que establece.

Por estes motivos, dende o PSdeG solicitarán a prórroga da protección dos cincocentos metros de protección do litoral posto que non sería razoable tomar decisións en virtude dun plan que presenta numerosos erros e xerou unha gran contestación social por parte dos concellos.

No caso concreto da Pobra, os socialistas solicitarán que tanto este como os demais concellos cos Plans Municipais adaptados á normativa urbanísitica non teñan que modificalos en función do Plan de Ordenación do Litoral.

Neste sentido, o deputado Xosé Manuel Lage instou ó alcalde da Pobra a defender os intereses dos seus veciños en lugar de pregarse ós ditados dun goberno autonómico que comparte a súa mesma cor política.

Esa posición construtiva pasa precisamente por manter a sostenibilidade do territorio de xeito compatible cun desenvolvemento urbanísitco ordeado.