Mostrando entradas con la etiqueta PSdeG. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PSdeG. Mostrar todas las entradas

sábado, 24 de noviembre de 2012

25 NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Todos os anos, o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero recordamos ás vítimas, porque aínda queda moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por este terrorismo machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas e psicolóxicas, seguen vivindo, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar. E berramos que o machismo mata. Non obstante este ano, 2012, o berro debe ser maior, porque a violencia de xénero está a caer no esquecemento. Agora, o Goberno non condena os asasinatos, non sensibiliza, está a deixar de prestar apoio ás vítimas

Hai un ano que o Partido Popular gañou as eleccións e España xa retrocedeu 14 postos no Índice do Foro Económico Mundial. Catorce postos que se traducen nun record de pasos atrás. Cada día as mulleres españolas teñen máis dificultades para ter un emprego, para facer compatible a súa vida laboral e familiar, para acceder á educación, a sanidade, ou a atención social, para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, para incorporarse a espazos de participación e toma de decisións.

O máis sangrante de todos estes pasos atrás é o que afecta ao dereito das mulleres a vivir sen Violencia de Xénero. No primeiro comunicado oficial da Ministra responsable, Ana Mato, tratouse como "violencia no ámbito familiar" o asasinato machista dunha muller ás mans da súa parella. Acababa de empezar a marcha atrás. Fai unhas semanas, unha nai e un pai esnaquizados enterraron unha nena de 13 anos, cuxa proxenitora denunciara o perigo que o axexaba e non obtivo a protección suficiente, un fallo claro do sistema.

Mentres se daban estes e outros moitos gravísimos feitos, asistimos a unha serie de recortes. Os primeiros empezaron en Galicia co Goberno de Núñez Feijóo con: drásticos recortes nos orzamento da Xunta de Galicia destinados a políticas de Igualdade de 79,5 % nas acción para a igualdade protección e promoción da muller, importantes retrocesos lexislativos, supresión de estruturas como o SGI ou debilitamento dos Centros de Información á Muller (CIM,S), clara perversión na execución do orzamento destinando unha boa parte a apoio de redes ultraconservadoras que traballan na contra dos dereitos das mulleres, etc. En definitiva, unha clara política regresiva que pon en perigo os avances acadados nos últimos anos na loita contra a violencia de xénero.

A todos estes recortes e retrocesos que se deron en Galicia, súmanse neste último ano outros  realizados polo Goberno presidido por Rajoy Brey que mesmo ten calificado de propaganda as campañas de sensibilización social. A prevención e a sensibilización son fundamentais para conseguir a complicidade da sociedade e do ámbito, como son imprescindibles para que as mulleres poidan reunir forzas abondo e afrontar a denuncia da violencia que sofren. A prevención é o inicio do camiño para saír da violencia, e, a partir de aquí, as Administracións Públicas deben poñer en marcha todos os recursos necesarios para protexer e apoiar a súa decisión.

Dende o ano 2011 o Presuposto do Goberno do Estado para a prevención integral da violencia de xénero viuse reducido nun 27%, máis de 8 millóns de euros. Nos presupostos para o 2013, mesmo o Goberno recortou nun millón de euros os Programas de asistencia social para mulleres vítimas e menores expostos á violencia. O Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial xa fixo unha seria advertencia: os recortes son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia, posto encóntranse nunha situación de desprotección tras presentala. Polo tanto, podemos afirmar que estes recortes en políticas de igualdade están a poñer en situación de risco as mulleres e, con elas, as súas fillas e os seus fillos.

Denunciamos os significativos recortes en prevención, sensibilización e protección das mulleres, e das súas fillas e fillos, fronte á violencia de xénero, e invita ás organizacións e aos outros partidos políticos a defender, de forma conxunta, que non se reduzan os presupostos e recursos necesarios para poder seguir realizando campañas de prevención, sensibilización e apoio ás mulleres; ademais, cremos imprescindible que se desenvolva un plan específico de actuacións para protexer aos e as menores fronte á violencia de xénero que sofren xunto ás súas nais.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS
  1. Este Concello comprométese a non reducir presupostos, servizos nin recursos para combater a violencia de xénero.
  2. Instar á Xunta de Galicia a:
a. Axilizar os trámites necesarios para a inmediata posta en fucionamento do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas da violencia de xénero, una obrigación incluída na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero
b. Impulsar os órganos consultivos e de participación da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que cada órgano estea regulado de forma independente para garantir a súa comprensión e facilitar o control das súas actividades. Incorporando á composición dos tres órganos a representación de asociacións profesionais de igualdade e persoal técnico especializado en igualdade, así como profesionais que estean  traballando no ámbito do tratamento da violencia de xénero, que son quen está a desenvolver no día a día o traballo técnico relacionado co igualdade de mulleres e homes.
c.  Definir a estratexia da Xunta de Galicia no ámbito da sensibilización e da prevención en contra da Violencia de Xénero.
d. Promover acordos para a formación de profesionais dos Medios de Comunicación para a mellora do tratamento informativo das situacións de violencia contra as mulleres.
e. Incidir en mecanismos de apoio de prevención e apoio ás vítimas para que as mulleres non se vexan forzadas a retirar a denuncia.
f.   Mellorar a coordinación entre os órganos xudiciais e os organismos que deben procurar as medidas de asistencia e protección social reforzando o Punto de Coordinación das Ordes de Protección.
g. Reforzar os servizos de atención a menores vítimas directas e indirectas da violencia de xénero na súa atención e a recuperación das súas secuelas, ao obxecto de romper o círculo da transmisión interxeneracional da violencia.
h. Que as axudas económicas recollidas na lei galega sexan abonadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero, que acrediten formalmente as condicións establecidas, nun prazo non superior a 15 días.
i.   Crear un programa específico para mulleres discapacitadas que sofren violencia de xénero, debido a súa situación de especial vulnerabilidade
j.   Promover a responsabilidade social corporativa das empresas a fin de lograr unha alianza empresarial contra a violencia de xénero.
  1. Así mesmo, instamos á Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado que non reduza os presupostos, os programas, actuacións nin servizos dirixidos a combater a violencia de xénero e atender ás mulleres.
A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2012

lunes, 2 de enero de 2012

MOCIÓN ARRANXO INMEDIATO DO CENTRO DE SAÚDE

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando mellorar as múltiples deficiencias do centro de saúde.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde novembro do ano 2007 que o grupo municipal socialista ven solicitando que se faga o mantemento adecuado do centro de saúde xa que todos recoñecemos os graves defectos e deficiencias que presenta e que o grupo de goberno deste concello, ten que darlle unha solución urxente a todas esas carencias,(da maneira que sexa, finalizando a cesión do centro ao Servizo Galego de Saúde ou con outras formulas).

Neste inmoble non se traballa con obxectos nin con mercadorías, tratase de persoas e vidas humanas e que os graves defectos denunciados poden ocasionar incluso prexuízos na saúde laboral dos traballadores e un malestar crecente nos mesmos podendo interferir na adecuada prestación dos servizos aos usuarios.

É incomprensible que en doce anos de goberno non se fixera un Plan de necesidades do Centro, existindo unha desatención permanente e que continuemos falando de limpeza deficiente; falta de auga quente, desde fai anos, en tódolos despachos da planta superior; de humidades na sala de extraccións; de pintura descorchada tanto nas consultas como en urxencias; de que contan con dous baños e case sempre están avariados; de que as fiestras e cristais non se limparon en doce anos,…, ademais do estado deplorable do exterior do edificio e da baixada de calidade do material funxible..

Este goberno se ocupou de ofrecer a poboación un edificio novo en base a unhas expectativas partidistas esquecéndose de que o centro de saúde debería ofrecer un servizo de calidade e que os pacientes tiveran cumpridas tódalas expectativas como usuarios.

Recentemente recibiron no centro a visita dos técnicos de Prevención de Riscos Laborais, os cales quedaron abraiados polas deficiencias das instalacións e das condicións en que se presta a atención sanitaria. Se confeccionará un informe que elevarán aos seus superiores pero que ó non ser vinculante seguramente quedará arquivado en algún caixón.

Non só nos afectan as deficiencias estruturais senón que tamén nos prexudican os recortes que se veñen impoñendo desde a Comunidade Autónoma tales como a deficiente calidade do material de enfermería, desde as gasas ata a falta de otoscopio nalgún despacho, tendo que ir dunha consulta a outra, no caso de ter que explorar un oído ou unha garganta.

Tampouco se cobren as baixas e vacacións dos médicos e enfermeiros/as chegando a coincidir a totalidade do cadro de persoal médico 6 días durante 6 meses. Durante a pasada lexislatura, mentres o goberno socialista prevía o incremento da plantilla e a mellora do equipamento tecnolóxico, o PP masifica a atención primaria e paraliza as substitucións de profesionais para baixas ou permisos.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Que de maneira urxente se arranxen os desperfectos, tales como as humidades da sala de extraccións, a deficiente limpeza incluíndo as fiestras e cristais, a pintura de consultas e urxencias, os baños, dótese de auga quente os despachos da primeira planta,…., posto que tales deficiencias involucran a saúde dos pacientes.

2.- Instar a Xunta de Galicia para que adopte as medidas oportunas para que os usuarios da sanidade pública non vexan minguados os seus dereitos asistenciais.

A Pobra do Caramiñal, 02 de xaneiro de 2012.

martes, 31 de mayo de 2011

¡¡GRACIAS A TOD@S!! E GRACIAS TERESA POLO TEU TRABALLO

A ASAMBLEA SOCIALISTA AVALA POR ACLAMACIÓN A CONTINUIDADE DE TERESA GARCÍA.

Así manifestámonos o venres pola tarde os militantes, que abarrotamos a sede socialista para analizar o resultado das eleccións municipais e dar resposta a decisión de Teresa de poñer á disposición da militancia a súa acta de concelleira.

Na análise coincidimos todos en que os malos resultados habidos no conxunto do estado, nos teñen afectado, a pesar de que o resultado segue a ser inamovible respecto de 2007 e que no caso de ter que escoller 17 actas en lugar de 13, o reparto sería o mesmo do anterior mandato, é dicir 9, 6 y 2. Así, o resultado arroxa unha alta participación do 74,54%, 4 puntos por riba da de 2007 e as porcentaxes de cada partido son practicamente as mesmas. O PP perde 92 votos, o BNG 51 e o PSdeG 40, o que traducido en termos porcentuais son descensos mínimos nos tres partidos e que, na nosa opinión, se corresponden co descenso do número de persoas censadas (530 menos que en 2007).

Os militantes consideraron nas súas intervencións que o inxente traballo levado a cabo pola nosa candidata Teresa García na súa calidade de concelleira, non dera, inxustamente, os froitos desexados e o voto útil, demandado polos frentistas ó longo da campaña, foi eficaz, si ben é certo que o voto útil neste caso sería votar ao PSdeG, xa que quedamos a 160 votos do segundo concelleiro, mentres que ao BNG o sexto sáelle moito máis caro en votos, e isto sempre e cando estes votos emigraran do PP cara a unha soa destas dúas formacións. De non ser así, si ese votos se reparten entre a esquerda, o PP seguirá disfrutando da maioría absoluta Os números falan e a única maneira de facer un goberno de progreso na Pobra é facendo que o PP baixe do 50% dos votos emitidos. O que hai que facer é tratar de convencer a parte do seu electorado, mentres o único que facemos é trasvasar votos entre as forzas de esquerda.

Constatamos así mesmo a enorme base social do PP, que elección tras elección, sitúano sempre por riba do 50% dos sufraxios (sempre por riba dos 3000 votantes) e vemos un fracaso rotundo da esquerda pobrense no seu conxunto, o feito de non ter sido capaces nin uns nin outros, de convencer nin facer chegar a mensaxe de cambio a un só votante do PP. Recoñecemos que niso o PP está ben consolidado e dispón dun marxe de apoio moi amplo e difícil de rachar.

Sen embargo seguiremos traballando e denunciando aquelas actuacións do goberno local que consideremos oportunas, como vimos de facer ó longo destes 4 anos.

A asamblea avalou o enorme traballo levado a cabo pola nosa candidata e animamos a Teresa García a proseguir co traballo comezado, xa que conta co apoio unánime de toda a militancia. Así mesmo foron moitos os que destacaron que, grazas a ela e a súa xestión ao fronte da agrupación, esta atópase unida e sen fisuras e diso deu boa mostra unha militancia férrea e firme nas súas conviccións, que a revalidou no seu posto avalando o seu traballo e a súa continuidade por aclamación.

Imos seguir traballando pola Pobra e polos veciños. Estamos a vosa disposición e queremos rematar agradecendo a confianza que os nosos electores depositaron en nós.

domingo, 17 de abril de 2011

CERTIFICADO DOS TITULARES AFECTADOS POLA AMPLIACIÓN DO POLÍGONO. DESMONTANDO AS MENTIRAS DO PP.

Publish at Calaméo or browse others.


Ante a campaña difamatoria levada a cabo polo PP da Pobra, quen afirma que a nosa Candidata e Sª Xeral está afectada pola ampliación do Polígono Industrial, o cal é unha falacia, unha mentira máis das tantas deste goberno municipal e do Alcalde Isaac Ventura Maceiras Rivas, solicitamos á Secretaría Xeral do Concello o informe de titulares afectados. Na relación facilitada dende o propio Concello e asinada polo Alcalde, demóstrase que Teresa García NON TEN NINGUNHA FINCA AFECTADA POR DITA AMPLIACIÓN.
UNHA VEZ MÁIS VÉMONOS NA OBRIGA DE DESMONTAR AS MENTIRAS, INXURIAS E CALUMNIAS DO PP DA POBRA.

domingo, 10 de abril de 2011

INTERVENCIÓN DA CANDIDATA SOCIALISTA Á ALCALDÍA DA POBRA NO ACTO DE PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA.


DISCURSO PRESENTACIÓN CANDIDATURA

Teño que empezar agradecendo profundamente a vosa presenza neste acto. Cando hai tres meses os meus compañeiros me encargaron que fose a próxima Alcaldesa da Pobra do Caramiñal, me sentín orgullosa e feliz, pero non podo ocultarvos que contiven a respiración uns minutos ante a gran responsabilidade e traballo que tiña por diante, é de todos coñecido que o traballo nunca me asustou, nin me asusta, pero a responsabilidade de obter a vosa confianza é unha tarefa que require moita disciplina, entusiasmo e rigor. Estou disposta a dalo todo por dar un cambio ao goberno deste pobo tan querido e agradecida de que compartades comigo as mesmas ilusións. Todos xuntos o vamos a conseguir porque xa vai sendo hora de que ocupe un cargo de tanta responsabilidade como Alcaldesa unha persoa que está fora de dúbida a súa honradez, a capacidade de traballo, a humildade, a cercanía.

Traballarei desde o que nos une, (tal e como o viñen facendo dentro da Agrupación Local), e non viviremos para enfrontarnos permanentemente, ou estás comigo ou contra mín, ou o que non pensa coma mín, é un inimigo do pobo. Un pobo é unha obra colectiva.

Esta é a primeira vez que teño a oportunidade para defender a miña candidatura a Alcaldía da Pobra do Caramiñal.

Certo é que estas eleccións municipais de maio do 2011 son as primeiras nas que me presento como cabeza de lista dos socialistas da Pobra, pero non son unha cara nova posto que no ano 2007 fun elixida concelleira e fun o verdadeiro látigo do popular Isaac Maceiras. Digo que seguindo unha disciplina férrea de traballo fixemos que moitos veciños a través das nosas denuncias conseguiran mellorar o seu entorno, a súa vida.

A experiencia deste catros anos en oposición permitiume cimentar as bases reais dun proxecto de pobo, moi lonxe da desidea, dos desacertos, do desgoberno, do esgotamento do actual mandatario, que nos converte case nun pobo fantasma, decrecemos en poboación, lévanos a ruína con endebedamento, con descontrol económico e falta de racionalización dos recursos, con vocación indudable de crispación social, de mentiras, con difamación e inxuria permanente.

Non queren que a Pobra se engrandeza, permanecemos como acomplexados, sen reclamar o que somos, e esquecendo o que fomos, porque hai que recordar que a Pobra viñan facer as compras as persoas dos pobos limítrofes, que tíñamos todos os servizos, e agora estamos durmindo, vemos pasar servizos e nós nin sequera temos a intención de pedilos.

Vamos a frear o rosario de despropósitos deste goberno municipal porque a vosa forza está en expresar a vosa vontade e convertela en colectiva. Cando o poder se equivoca o se alonxa dos cidadáns o único camiño é a mobilización, a protesta e o voto.

Moitos de nós estamos cansados de abandonos e promesas incumpridas. Sondes o aire para cambiar ós que levan 12 anos aferrados ó sillón. Se queredes cambiar as formas, que se atenda do mesmo modo as parroquias que o casco urbano, se queredes ser iguais, tendes que ser valentes e cambiaremos. Sen medo. Sen medo a represalias nunca admitidas, pero reais, sen medo a liberdade.

Cando sexa Alcaldesa acabaranse as mentiras, iso de: “si, si ya estamos en ello”, “en unos días está listo”, “vete haciendo que ya lo arreglaremos”, esas frases son puro ninguneo e tomadura de pelo ós veciños, as maiorías.

O pobo que nos deixe o vendedor de fume, o superaremos. O superaremos porque as obras se acometerán seguindo un plan ordenado e consensuado, porque non debería ser suficiente ca aprobación dun grupo político que máis concelleiros ten; o superaremos porque o concello debe ter as paredes transparentes, o chan e o teito de cristal, nada de agocharse dos veciños, se traballa ó servizo deles e por elo non debe haber nin a máis mínima sospeita de que non se cumpre escrupulosamente a lei; o superaremos porque nos vamos a ocupar das aldeas e barrios abandonados; o superaremos porque teremos un programa deportivo e xuveníl adaptado a mocidade; o superaremos porque optimizaremos o gasto dedicado ós servizos públicos; o superaremos porque estimularemos a economía do municipio.

E a economía do municipio non se basea en una soa actuación como pretenden facer crer ca propaganda,sen importar o custe económico que esta teña pese os duros tempos que corren. Os almacéns e cámaras frigoríficas requiren pouca man de obra, o que non pensan é en crear novos postos de traballo sobre unha estrutura económica máis sostible, desarrollando políticas estratéxicas como o fomento da economía do coñecemento, cohesión social, industria competitiva, turismo, medio ambiente, cultura, urbanismo, comercio de proximidade e autoempleo.

Non os escoitamos falar de escolas taller ou talleres de empleo, de potenciar o futuro educativo dos adolescentes e xóvenes, de impulsar as tecnoloxías da información, de promover a conciliación da vida familiar e persoal. Eles solo teñen unha obsesión, gobernar para a súa conveniencia e para a dos seus amigos.

Memoria histórica necesitamos moita e moita máis da que a eles lles gustaría. Necesitamos a memoria histórica que eles queren enterran e gardar porque son incapaces de loitar contra a realidade para conseguir o que prometeron.

· Prometeron que ca aprobación do PXOM un crecemento económico e social, con máis traballos e asentamento de maior poboación. O que aconteceu foi o descenso alarmante de poboación e paro.

· A ampliación da linea de atraque e a mellora das instalacións do porto comercial xa era inminente hai 4 anos. Nin rastro.

· En decembro do ano 2004 promesa dunha gardería pública para 100 nenos. ¿Onde está?

· Recuperación ambiental e posta en valor da praia da Corna. En época estival invade a maleza.

· Paseo peonil entre a praia de S Antonio e Pedra da Moura. ¿Alguén o veu?

· Potenciación do pequeno comercio local. Nin unha subvención, nin un programa.

· Crearían áreas de ocio e lecer na Ribeiriña, Conchido. ¿?

· Construción dun centro de día. Unha promesa da anterior lexislatura, recordade que era a lexislatura dos xovenes e dos maiores, eles mesmos recoñecen que nada fixeron o respecto porque ésta volve a ter o mesmo slogan, dos xovenes e dos maiores. Cunha imaxen virtual do centro de día queren dicir que xa está feito para captar votos.

· Construción dun novo centro de saúde. Deixan arruinar o existente, sen mantemento durante 12 anos para facer obra nova nun lugar inadecuado.

· Pensaban poñer en valor tódolos centros escolares públicos. Nunca tiveron tanto abandono, son incapaces de poñer unha rede de alambre no Salustiano Rey eiras.

· Dicían que consolidarían os servizos da biblioteca. É a única da comarca que non organizou ningunha actividade e que os horarios non están adaptados ós usuarios.

· Xestionarían novos ciclos Formativos na ensinanza. Nin se molestaron en solicitalos.

· Construirían vivendas de protección para xovenes. Da última promoción non nos lembramos, foi feita hai un puñado de anos.

· Etc,etc

Fume. Venden máis fume que calquera cheminea. É un especialista na fumareda permanente, un profesional da posta en escena, da pompa e do boato, do autobombo, das boas comidas e pinchos. Aquí gañan os amigos, normalmente os que máis teñen e perdemos todos, a maioría.

Así que necesitamos moito aire para cambialos, para marcar un novo rumbo a este barco que se está indo a pique. Confío e confío moito na vosa axuda porque vou a ser a primeira muller alcaldesa deste recuncho fermoso da Ría de Arousa, o noso ben querido pobo, a Pobra do Caramiñal.

Si queremos cambiar este pobo, temos que cambiar aos que están esgotados. Entre fume, festas e desfiles militares roubáronlle a este pobo estes últimos anos onde non adiantamos nada. Movémonos pouco. Demasiado pouco. Tanto que algúns temen que podamos desaparecer como pobo, que perdamos a nosa identidade.

Eu non vendo nin fume nin soños. Comprométome a traer aires novos. Dicía o sabio que son máis os días que as dichas. É hora de vivir os días e gozar as dichas. É hora de abrir os ollos e contemplar o aire novo que nos chega con unha candidatura renovada, ilusionada e feliz de servir a un pobo, que xunto con Borja, Berta, Martín, Isidoro, José, Marcos, Encarna, Antonia, Lorena, Jesús, Vanesa, Andrés, José Luis, Alicia e Suso poderemos volver a sentirnos orgullosos do noso pobo, A Pobra.

Asumo o reto de gobernar o concello, me considero unha muller de diálogo e de decisión o mesmo tempo. Por estilo, por talante persoal e pola condición da miña idea política, (non son independentista, nin bolchevique e é importantísimo mirar a ideoloxía de a quén se vota porque os conceptos políticos importan para tomar decisións), son unha persoa normal, dialogante e moderada. Creo que nestes 4 anos tiven a ocasión de demostralo. A miña vida política está dedicada por completo a política local, teño a seguridade de poder servir con acerto porque coñezo os verdadeiros problemas deste ben querido pobo.

Tres son os pilares que fundamentan o meu compromiso futuro:

1. Absoluta transparencia na xestión.

2. Crecemento económico e social.

3. Potenciación dos servizos públicos: gardería, centro de día, xovenes, cultura, deportes, sanidade, educación

Daremos un aire fresco, diferente e distinto. Nós non faltaremos a cita. Vos espero.

Moitas gracias por acompañarnos. Conto con todos vos para facer realidade o cambio e conseguir a Alcaldía da Pobra.

viernes, 18 de febrero de 2011

POLÍTICA DE XENÉRICOS.


A Agrupación Socialista da Pobra organizou unha charla informativa para todos os veciños sobre a política de xenéricos da Xunta de Galicia, tema de candente actualidade, e sobre a cal existe un gran descoñecemento entre a cidadanía por mor da opacidade do goberno autonómico nesta materia.

A charla celebrouse o pasado 16 de febreiro no salón de actos do Instituto Social de la Marina da Pobra do Caramiñal, tendo como relatores a Teresa García Guillán, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista da Pobra e candidata á Alcaldía; José Manuel Lage Tuñas, deputado no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE; e a Francisco “Tuco” Cerviño González, deputado autonómico, médico especialista en nefroloxía, e ex xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC, antigo Hospital Juan Canalejo) e do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, que asumeu na súa cualidade de experto o groso da charla.

Comezou Teresa García agradecendo a asistencia dos presentes a pesar do temporal, e criticando a postura política da Xunta de Galicia, defendendo que a Sanidade Pública debe ser unha para todas as rexións. Criticou así mesmo que o goberno autonómico obrigue aos pacientes a pagar a totalidade do prezo do medicamento se deciden optar polo seu medicamento habitual en lugar de aceptar a substitución obrigatoria do mesmo, sen ter dereito a unha redución do seu prezo equivalente ao custe que supón o xenérico para a Xunta.

En segundo lugar interveu José Manuel Lage, que agradeceu á Agrupación Socialista da Pobra a celebración da charla informativa sobre unha cuestión de tanta actualidade, destacando que se trata dun tema “no que se precisa moita información e pouca demagoxia” para disipar incertezas.

Aproveitou a ocasión para falar da situación da sanidade pública na comarca do Barbanza, destacando que os socialistas xa denunciaron o peche das axendas no hospital comarcal, sinalando que “os socialistas defendemos e defenderemos sempre un sistema sanitario universal” e gratuíto, un logro a nivel estatal que “esta no ADN das políticas socialistas”, tendente a unha cobertura sanitaria independente da conta bancaria e das propiedades de cada un. Sinalou así mesmo Lage que o responsable da xestión no día a día da Sanidade de Galicia é a Xunta de Galicia, pero que “o goberno galego parece que nunca é responsable de nada” desde que goberna o Partido Popular, ao que criticou a súa mala memoria lembrándolle que cando Núñez Feijoó estaba na oposición, segundo o seu criterio todos os males de Galicia eran culpa do presidente Touriño.

En terceiro lugar interveu Francisco Cerviño, quen subliñou que o gasto farmacéutico é un problema real endémico de España, que destina entre o 31% e o 32% do orzamento da Sanidade aos medicamentos, gastos que impiden o seu investimento en persoal e infraestruturas sanitarias, cando a media da OCDE está entre o 15% e o 17%.

Seguidamente fixo un breve repaso ás políticas socialistas na materia, que permitiron unha diminución progresiva da porcentaxe de gasto en medicamentos, até o punto de que 2010 foi o primeiro ano no que o gasto farmacéutico descendeu no conxunto de España, excepto no caso de tres Comunidades Autónomas nas que ascendeu, entre elas en Galicia cun incremento dun 3%.

Destacou que como froito das negociacións da anterior Ministra de Sanidade coa farmaindustria e cos vendedores de medicamentos, e das que se mantén unha política de continuidade coa actual titular da carteira ministerial, se conseguiu unha baixada do prezo final do medicamento ao aceptar estes unha redución dos seus beneficios nun 3% en un 2%, respectivamente.

Dados os efectos concorrentes das políticas públicas do goberno central, que se calcula que suporán un aforro de 122 millóns de euros anuais -cartos que se destinarán á mellora do sistema sanitario como propias do seu orzamento-, puxo en tela de xuízo as declaracións da conselleira Farjas no tocante ao aforro neto que se conseguiu coa aplicación da polémica política de xenéricos, toda vez que resulta difícil discernir que parte do aforro se corresponde ás medidas da Xunta de Galicia, e que parte ás políticas implementadas polo goberno socialista.

Fixo referencia tamén a que as políticas do goberno estatal están dirixidas a solucionar a situación de infrafinanciamento crónico da sanidade pública, que se cifra nun 0,5% do PIB tras a redución de medio punto do PIB que realizou Zapatero eliminando de golpe o 50% do infrafinanciamento, até o momento no 1%; non obstante, a pesar deste infrafinanciamento, congratúlase Cerviño de que o sistema médico español resulta exemplar a todos os niveis, punteiro no tocante a transplantes e á cobertura sanitaria universal que considera un sistema redistribuidor da riqueza.

Inconstitucionalidade da Lei 12/2010, de 22 de decembro

Francisco Cerviño criticou duramente que o PP insista en autodenominarse o partido dos traballadores e acuse á vez ao goberno central de estar aliado coas multinacionais da farmacia, cousa que considera unha incoherencia do PP, toda vez que esquece que a industria farmacéutica en España sostén milleiros de postos de traballo, sobre todo en Madrid e en Cataluña.

Considera que esta Lei galega si supón un aforro difícil de cuantificar pola concorrencia das medidas do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, pero á vez critica a Núñez Feijoó por facer unha lei contraria ás competencias do goberno galego, establecidas taxativamente pola Constitución Española de forma textual.

Fundamenta a apreciación no dictame do Consello de Estado, que tilda a Lei galega de anticonstitucional entre outro motivos por vulnerar as competencias exclusivas do Estado ao establecer un catálogo de medicamentos distinto e independente do aprobado polo goberno central.

Destacou tamén Cerviño na súa intervención, non exenta de cuestións técnicas que demostran o profundo coñecemento na materia que atesoura o relator, “o lío que montaría o Partido Popular se isto o fixese Cataluña”, parafraseando frases reaccionarias moi manidas pola dereita relativas á ruptura de España.

Criticou tamén que a conselleira Farjas manifestase que levou a cuestión do catálogo galego ao Consello Interterritorial de Sanidade, no que están representadas todas as Comunidades Autónomas e o Goberno, cando na realidade o que fixo foi levar a proposta fóra da orde do día, imposibilitando o seu debate, e cando a tramitación parlamentaria da Lei xa se atopaba moi avanzada.

Ao seu xuízo, a norma galega é unha vulneración burda das regras do xogo, que obriga por imperativo legal ao Presidente do Goberno a interpor contra a mesma un recurso de inconstitucionalidade.

No tocante aos motivos que levaron ao goberno de Núñez Feijóo a aprobar unha Lei manifestamente anticonstitucional por vulneración das competencias exclusivas e excluíntes do Estado, destacou que non son outros que motivos de carácter político no sentido máis frívolo da palabra, no que non dubidou en adxectivar coma unha “fanfarronada publicitaria” tendente a fomentar a paranoia inventada polo PP de que o Goberno central está en contra de Galicia.

Dende a Agrupación Socialista da Pobra queremos unha vez máis agradecer aos deputados José Manuel Lage Tuñas e a Francisco Cerviño González a súa presenza e participación nesta charla informativa, así coma ao nutrido grupo de asistentes que a pesar do temporal acudiron a este acto, entre os que se atopaban entre outros compañeiros, simpatizantes e veciños, Marisol Soneira Tajes (deputada autonómica).

lunes, 17 de enero de 2011

A POBRA O NOSO PROXECTO


Durante estes catro anos os socialistas da Pobra viñemos facendo un traballo constante e continuo. O grupo municipal, con só dous concelleiros, foi quen de permanecer alerta e activo facendo denuncias constantes das deficiencias xeradas pola mala xestión do PP e do Alcalde Isaac Maceiras. Estes dous concelleiros, pero sobre todo Tere García, fixeron un duro e encomiable traballo a prol dos esquecidos, das parroquias abandoadas, dos incumprimentos do goberno municipal e dos abusos e despilfarros do mesmo. A través dunha dirección local unida e fortalecida por un claro liderazgo temos chegado ata hoxe presentando un proxecto renovado, xoven, cheo de forza e tremendamente cohesionado. O labor é de todos e todas os que conformaron esta dirección, na que non houbo fisuras de ningún tipo, pero sobre todo da forza e o traballo intenso que fixo a nosa CANDIDATA. Logramos achegarnos a moita xente e sobre todo incorporar caras novas e xoves. Fomos quen de impulsar a creación dun pequeno grupo de rapaces e rapazas que conforman as XSG da Pobra, lideradas por un xoven pero maduro rapaz, Denis Pombar Pose, e que van ser o xerme do futuro socialismo pobrés.
Estamos aquí, tras unha dura travesía, para ¡¡gañar!! para ¡¡GOBERNAR!! para darlle un pulo novo a un concello, o noso, que esmorece pouco a pouco, entre plantacións de árbores, flores e pedras sen que o Sr. Maceiras fixera ou deseñara un Plan de recuperación da nosa vila. Estamos aquí, con esta xente nova para que atopen no seu pobo un lugar onde poder VIVIR e non só un lugar onde pasexar.
O sábado, no transcurso dunha asamblea exemplar, onde non se escoitaron voces discordantes e onde a armonía palpábase no ambiente, foi votada a candidatura para as vindeiras eleccións do 22 de maio. Esperemos que a analicedes globalmente, como quen mira un taboleiro de xadrez dende arriba, en conxunto. Non choverá sempre a gusto de todo o mundo, pero dende o número 1 ao 7 a lista e absolutamente nova. Incorpora tamén dúas militantes de XSG da Pobra que eles mesmos, na súa asamblea, decidiron quen haberían de ser (Vanesa e Alicia) e un independente.
A candidatura é a seguinte:

1.Teresa García Guillán

2.Borja Paz Santos
3.Berta Davila Vilasó
4.Martín Giménez Calviño
5.Isidoro Gude Pego
6.José A. Ouviña Millán
7.Marcos Santos Fungueiriño
8.Encarna Pose Paz
9.Antonia Paz Iglesias
10.Lorena Hermo Martís
11.Jesús M. Huerta Sánchez
12.Vanesa Martínez Noal (Xuventudes Socialistas)
13.Andrés Rey Pérez
SUPLENTES:
Alicia Quintáns (Xuventudes Socialistas)
J Luís Teira (Independente)
Xesús Laíño Briones-Arén

lunes, 22 de noviembre de 2010

DESMONTANDO SERVIZOS, OUTRA MÁIS DE ISAAC V.

A aposta deste goberno municipal pola educación como eixo principal da acción de goberno é mera palabrería e propaganda, tratan de repetila mil veces a ver si conseguen que o creamos. Están a potenciar políticas regresivas tales como a suspensión do programa Madrugadores.

Na Pobra vai a ser suspendido o programa Madrugadores pese as declaracións e propaganda despregado non hai moito tempo polo Alcalde e a responsable do programa. Os pais souberon xoves que o próximo día 25 queda suspendido o servizo. A comunicación a fixo a concelleira de educación a través dunha carta na que argumenta que debido a non reunir o número mínimo de persoas necesarias para manter a actividade que se ven na obriga de deixar de ofertar a actividade.

O número de nenos adscritos ao programa madrugadores durante este curso é o mesmo que utilizaban este servizo o curso pasado. Polo tanto a escusa promovida desde o concello non é crible nin convence a ninguén o que fai é causar prexuízos aos pais e obrigalos a encontrar en tempo record persoas cas que poder deixar os fillos, de tal maneira que poidan conciliar a vida familiar ca laboral.

Un novo ataque a consolidación do Estado do Benestar e de afianzar un sistema educativo público de calidade e excelencia, xustamente cando máis se necesita.

Por outra banda denunciar que o perímetro do colexio Salustiano Rey Eiras está aberto, carece de rexa metálica. Resulta que se limpou a maleza que facía de cerre perimetral e polo visto o concello carece de recursos para pagar unha miserable rexa porque a colocación correría a cargo dos funcionarios da brigada de obras. Temos cartos para facer fillos adoptivos e gastar en pompa e boato pero se negan para o máis necesario e imprescindible.

Por outra banda lamentar as condicións do terreo que linda ca piscina e co colexio, cheo de maleza. A nula prevención contra os incendios que está a facer este concello cos edificios públicos é imposible entendela. Este Alcalde insta a particulares a que manteñan as súas propiedades limpas conforme a lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, e permite que os terreos adxacentes a un centro de ensino público e unha piscina municipal corran risco de incendio. Inaudito, salvo que dita lei lle sirva de escusa para perseguir a algúns veciños que non lle gustan ou que entenden que non os votan.

E para rematar as nosas queixas neste Muro das Lamentacións, invitámosvos a ver a foto que acompaña esta entrada que é a mostra da deixadez e o abandono deste Concello e da Xunta ao ensino público ¿Sabedes que para arranxar este ximnasio CUBERTO (fixádevos ben na imaxe porque é de pena) bastaría una pequenísima parte do que gastou a Xunta de Feijoo na visita de Bieito XVI?