martes, 17 de noviembre de 2015

MOCIÓN PARA INSTAR A XUNTA DE GALICIA A INCLUÍR A VACINA DA MENINXITE-B


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para instar aos Gobernos de España e da Xunta de Galicia a incluír a vacina contra a Meninxite –B no calendario vacinal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A invención da primeira vacina, a da varíola, realizada por Edwuard Jenner aló polo ano 1796 supuxo un fito na loita contra a enfermidade. A partir dese momento, foron xurdindo vacinas para as enfermidades mortais ou con graves secuelas tales como tifo, tétanos, difteria, tosferina, tuberculose, poliomelite, etc …, o que proporcionou unha batería de ferramentas moi valiosas para poder loitar contra estas enfermidades e as súas devastadoras consecuencias. Estas novas armas á disposición dos médicos, deron como consecuencia unha importante diminución da mortalidade infantil e un aumento da esperanza e calidade de vida, pero só estaban dispoñibles para un pequeno sector da poboación, aquel que tiña os recursos suficientes para sufragar o gasto económico destas vacinas.

Co transcorrer do tempo, en España iniciáronse campañas de vacinación que non foron de carácter obrigatorio ate os anos 20 por mor dunha epidemia de varíola, despois desta etapa de campañas, nos anos 70 implementanse os calendarios vacinais, incidíndose na prevención temperá ao realizala naqueles grupos de maior risco como son os nenos/as dende case o nacemento. En España, estas vacinacións sufragadas polo erario público, supuxeron un gran avance non só en saúde e diminución drástica da mortalidade infantil, senón en igualdade de oportunidades, posto que calquera familia tiña ao seu dispor, de xeito gratuíto, a oportunidade de inmunización ou polo menos de minimizalos riscos e secuelas de moitas enfermidades.

A Constitución Española, no artigo 43 de protección da saúde, no seu punto primeiro recoñécelle aos cidadáns españois o dereito á protección da saúde e no segundo, establece que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

O Convenio sobre os Dereitos do Neno, aprobado pola ONU e ratificado por España, establece no artigo 6, que os Estados asinantes recoñecen que tódolos nenos teñen dereito intrínseco á vida e garantirán na máxima medida posible a supervivencia e o desenvolvemento do neno.

Existe dende fai meses un colectivo denominado “Plataforma de Cidadáns pola Saúde - Vacina XA”, que se mobiliza para recordarlle aos poderes públicos os deberes de protección que teñen coa cidadanía e en especial na protección da saúde e a prevención da enfermidade e esixen destes poderes, que introduzan a vacina contra a meninxite B de xeito universal e gratuíto para tódolos cidadáns, tendo en conta que neste ano xa morreron dous veciños de Arteixo e outro en Boiro. Dende esta plataforma son conscientes de que o eido municipal non ten case competencias a nivel sanitario e que a Xunta de Galicia non é quen de modificar unilateralmente o calendario vacinal, pero recórdannos que os Grupos Municipais dos concellos, están formados por veciños e veciñas, e son os representantes políticos da administración máis próxima á cidadanía, por iso nos piden que sexamos os valedores da súa causa ante os Gobernos da Xunta de Galicia e o Goberno de España, propoñendo, para aprobar polo pleno municipal, os seguintes ACORDOS:

·        Instar ao Goberno de España para que curse orde ao Ministerio de Sanidade para que a vacina da Meninxite B, sexa incluída de xeito inmediato no calendario vacinal.

·        Instar á Xunta de Galicia para que, no caso de que o Ministerio de Sanidade non acepte a inclusión inmediata da vacina contra a Meninxite B, instaure unha nova experiencia piloto coa implantación da vacina da Meninxite B.
A Pobra do Caramiñal, 09 de novembro de 2015.


domingo, 15 de noviembre de 2015

MOCIÓN RELATIVA A GARANTIR O DEREITO DE PARTICIPACIÓN POLÍTICA E SUFRAXIO AOS MARIÑEIROS EMBARCADOS


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a garantir o dereito de participación política e sufraxio aos mariñeiros embarcados.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


A Constitución deixa clara a obrigatoriedade do Estado de facilitar o dereito ao exercicio do sufraxio a todos aqueles cidadáns que viven en países estranxeiros, ou que as súas actividades profesionais ou económicas lle obriguen a estaren tempadas fóra do Estado español. É o caso dos traballadores do mar, que pola súa actividade deben permanecer longas tempadas en alta mar. É este, un colectivo de traballadores que teñen grandes complicacións para poder votar nos diferentes procesos electorais, ós que lles impide, a súa profesión, en moitas ocasións exercer ou dereito ao voto.

Nas actividades profesionais de pesqueira de altura, grande altura e mariña mercante, seguen carecendo deste dereito universal. Van pasando os anos, con gobernos de diferente cor política no Estado, procesos electorais, e o único certo é que os mariñeiros galegos seguen sen poder votar.

O vindeiro 20 de decembro están convocadas as Eleccións Xerais no Estado Español, e non existen indicios que podan exercer o seu dereito o voto. A actual regulación é insuficiente, engorrosa e enrevesada. O Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, Artigo 9. Voto por correo do persoal embarcado, non facilita a participación dos tripulantes no proceso.

A Lei establece que a solicitude deste voto por correo pódese realizar desde o mesmo barco.

·        A través de radiotelegrafía, correo electrónico ou fax, solicitando á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde o elector ou electora está inscrita, o envío do certificado de inscrición no Censo Electoral e da documentación para votar.
·        A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, unha vez recibido a mensaxe, comprobará a inscrición do elector ou electora e considerará recibida a solicitude anotando no censo que vai votar por este procedemento. A continuación, remitirá, a nome do elector ou electora, a documentación ao porto, ao armador ou armadora ou ao buque que a electora ou elector designase.

É totalmente imposible, para o persoal embarcado, cumprir coas circunstancias esixidas (atracar en determinadas datas nun porto do Estado español, e comunicalas con semanas de antelación). O sistema actual é extremadamente ríxido e formalista.

Nestes tempos de avanzado desenvolvemento tecnolóxico existen fórmulas que permitirían resolver este problema, e permitir e facilitar que os traballadores do mar poidan exercer o seu dereito ao voto.

Existen métodos electrónicos que poden permitir que estes/as traballadores/as poidan facer efectivo o seu dereito constitucional  e poder participar na eleccións do día 20 de decembro.

E por elo, que solicito que o Pleno adopte o seguinte

ACORDO:

O Concello da Pobra do Caramiñal esixe ao Goberno de España, medidas urxentes co obxecto de garantir a participación dos mariñeiros embarcados, revisando a lexislación vixente, e en consecuencia, habilitar canto antes un sistema que permita que os mariñeiros embarcados poidan exercer, de forma efectiva, ou seu dereito ao voto, de xeito que se garanta o seu dereito constitucional de participación política e sufraxio.


A Pobra do Caramiñal a 6 de novembro de 2015