jueves, 22 de octubre de 2015

MOCIÓN SOLICITANDO A MODERNIZACIÓN DO ADSL




Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa para que se modernice, especialmente na zona rural, a rede de banda ancha.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O sector das comunicacións é un pilar básico e imprescindible para avanzar na consolidación do tecido produtivo do país para ampliar as expectativas económicas e para establecer novos parámetros acordes cunha sociedade igualitaria e integradora.

É indiscutible que as telecomunicacións constitúen un dos sectores máis dinámicos da economía e un dos que poden contribuír ao crecemento, a produtividade, ao emprego e polo tanto o desenrolo económico e o benestar social e, tal como afirma a Comisión Europea “O despliegue de redes ultrarrápidas pode ter un importante impacto na creación de emprego, estimándose que a innovación podería xerar dous millóns de empregos para o 2020, incluídos traballos en sectores relacionados, como a provisión de contidos ou a fabricación de equipos”.
Os beneficios que aportan as redes de nova xeración e a banda ancha para o mercado de traballo, a economía e para unha sociedade cada vez máis tecnolóxica e baseada na información, a innovación e o coñecemento incrementa as posibilidades de competitividade, crecemento económico e creación de emprego.

Así pois, a inversión en novas tecnoloxías, factor clave para saír da crise, require ó mesmo tempo a garantía de acceso ás mesmas de toda a cidadanía así como un marco regulamentario adecuado para o seu desenrolo.

Neste aspecto, a Unión Europea se comprometera a través da Axencia Dixital para Europa, a garantía de acceso da cidadanía europea á banda ancha básica antes do fin de 2013, garantía que obviamente no se consolidou fundamentalmente nas zonas rurais.

Durante moitos anos España, foi dos países que máis pagaban pola conexión a Rede de redes, chegando a ser o país máis caro de Europa. O acceso a internet de banda ancha é caro e de malísima calidade na zona rural do noso concello, o que ralentiza o desenrolo da sociedade da información. O acceso a internet debería ser considerado como un servizo universal, o que obrigaría a Administración a garantir a súa dispoñibilidade a calquera cidadán, viva onde viva.

As redes seguen pertencendo na súa gran maioría a todopoderosa Telefónica, que as herdou do antigo ente estatal, o cal sendo xa unha empresa privada e servíndose dos recursos que antes eran públicos, marcaron nos últimos anos o ritmo do acceso a internet.
O control da tradicional rede de cobre, a R.T.C. (Rede Telefónica Conmutada), que era propiedade da Compañía Telefónica Nacional de España, foi outorgada a Telefónica tras a súa liberalización. A rede que era de todos, continúa  hoxe en día sendo alugada por Telefónica, xa como empresa privada, ao resto de operadores.
A operadora propietaria da rede tradicional non parece que se esforzou demasiado por mellorar a súa rede nos últimos anos. De feito, boa parte dos usuarios do entorno rural vense obrigados a optar por novas tecnoloxías para conectarse a internet.
Os veciños e usuarios deste concello que teñen as vivendas situadas a unha distancia igual ou superior aos 2 km da centraliña teñen verdadeiros problemas para ter unha conexión digna a internet, porque a maior distancia da centraliña, menos velocidade e estabilidade na conexión. E o que ven sendo máis grave, a estas persoas cóbranlle o recibo como si o servizo que lle presta a compañía fora de calidade e ultrarrápido.
Acabar ca fractura dixital non constitúe unicamente un dereito de sectores sociais ou da cidadanía en xeral, senón que se relaciona directamente ca economía das zonas rurais, que é en si mesmo, fonte de riqueza e emprego.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:


1º.- Instar ao Goberno de España a garantir con carácter urxente e en colaboración cas Administracións públicas implicadas, o acceso a banda ancha.
2º.- O Concello de A Pobra do Caramiñal fará as xestións necesarias, de maneira apremiante e inaprazable, para que no noso concello se modernice a rede pública, que un día foi de todos, e chegue o ADSL a todas partes no noso municipio con velocidade e estabilidade na conexión, posto que é una condición indispensable para poder competir nun mundo globalizado.
A Pobra do Caramiñal, 13 de outubro de 2015.



MOCIÓN SOLICITANDO O ARRANXO DO CAMIÑO ENTRE O POLÍGONO E A MIRANDELA

Moción aprobada cos votos favorables do BNG, Nós Pobra e por suposto PSOE. O PP votou en contra. Esperamos que este compromiso sexa pronto unha realidade.

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando o arranxo do camiño que comunica o Polígono da Tomada ca Mirandela.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os camiños públicos son bens de uso e dominio público. É competencia municipal mantelos en bo estado de conservación sexan vías urbanas ou rurais.
Todo camiño cunha superficie de terra natural ou zahorra sufre continuamente os problemas que lle provocan as condicións atmosféricas, en particular os efectos da auga sobre o chan, e que provocan unha rápida dexeneración do firme, da base, do camiño.
O exceso de auga sobre o chan xera a aparición de barro, de buratos, que dificultan o tránsito. Tamén a sequidade, a insolación, xeran problemas graves para circular, xa que a aparición de nubes de po dificulta e pon en risco a seguridade do tránsito por estas vías públicas.
O camiño que comunica a Mirandela co Polígono da Tomada está tendo tráfico intenso, é usado por numerosas persoas con vivendas a máis de 2 quilómetros  da Mirandela, que acoden a traballar ao polígono ou ben é utilizado para acceder a autovía.
É certo que o acceso ao Polígono non permite o tránsito de vehículos pesados pero para os turismos permite unha mellor comunicación, evita dar longos rodeos pola Baiuca, pódese trasladar enfermos da zona con maior axilidade, para acceder ao hospital do Barbanza, ...
E por elo, que solicitamos que o Pleno adopte o seguintes

ACORDOS:

1º.- O goberno municipal fará unha actuación urxente de asfaltado do camiño  que comunica a Mirandela co Polígono da Tomada  co fin de mellorar as comunicacións dos veciños da zona da Pontella, Campiño, Pedriñas, Sobral, Xunqueiras, Mirandela, Paimouro, Liñares. ....
2º.- Mentres non se encontre a financiación taparanse os buratos que provocan as condicións atmosféricas, facendo un mantemento continuo deste camiño tradicional.
A Pobra do Caramiñal, 09 de setembro de 2015