viernes, 10 de agosto de 2012

SEGURIDADE VIARIA EN SAN LÁZARO E POZA DE MORAÑA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando sinalización viaria.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A seguridade vial, a circulación e a necesidade de aparcamento debe adecuarse para responder de maneira óptima as necesidades dos veciños.
A Poza de Moraña soporta circulación intensa debido a que moitos vehículos, para evitar as caravanas no semáforo do centro da vila, desvíanse polo lugar. A circulación é en dobre sentido ademais cando hai coches aparcados nun lado faise perigoso, tanto para os viandantes como para os propios vehículos.
Precisamente as vivendas situadas na AC-305, ao paso por San Lázaro, carecen dun lugar para aparcar, de igual maneira que os veciños que viven na rúa que conecta a AC-305 ca Poza de Moraña
Os vehículos que veñen da Ponte Barbanza ou Virxe do Monte non poden incorporarse a AC-305 con dirección a Boiro por ter esta estrada liña continua, infracción habitual que se comete neste lugar e que se evitaría co sentido único.
Esta petición ven abalada por cincuenta e oito veciños que mediante as súas firmas solicitan o sentido único e que se lles facilite o aparcamento para mellorar tódolos aspectos da circulación rodada e dar respostas ao problema de aparcamentos que existe na zona.
En San Lázaro, na AC-305, non existe ningún tipo de sinalización, nin vertical, nin horizontal, que lles permita aos veciños cruzar a estrada cun mínimo de seguridade. Existe unha parada de autobús escolar e non contan cun paso de peóns, os contedores do lixo unicamente están nun lado da estrada aos que diariamente teñen que ir persoas de tódalas idades, é preciso cruzar para acceder as praias e na época estival teñen que permanecer unha media de 15 minutos a espera dun oco para poder cruzar.
Solicitamos una pequena actuación, co fin de afianzar a seguridade e a fluidez do tráfico rodado, e en prevención de que ocorran accidentes,
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:
1º.- Que na rúa que vai desde a AC-305 a Poza de Moraña se posibilite o tráfico en sentido único e se permita o estacionamento co fin de responder ás necesidades dos veciños.
2º.- Instar a Administración competente en materia de seguridade viaria a que en San Lázaro, dote a AC-305 ca sinalización adecuada para garantir o tránsito dos peóns e manter a súa integridade física.

A Pobra do Caramiñal, 09 de agosto de 2012

domingo, 5 de agosto de 2012

UN ALCALDE QUE PON PAUS NAS RODAS DA INFORMACIÓN, É UN ALCALDE QUE TEN ALGO QUE OCULTAR


Como a prensa non se fai eco da censura que está a sufrir o grupo municipal socialista da Pobra, non nos queda outra que darlle difusión a través das redes sociais, unha vez máis o alcalde non autoriza a facilitar as copias para o estudio da conta xeral do exercicio 2011. Na nosa modesta opinión, un Alcalde que pon paus nas rodas da información, é un Alcalde que ten algo que ocultar.


A transparencia debe ser o principio básico que  debe rexer na Administración Local. Sen unha información pública clara e veraz das contas municipais, o único que provoca é o “sospechosismo” ou a elucubración do destino  dos cartos públicos máis aínda cando somos un concello cun elevado endebedamento. Ademais a falta de transparencia provoca, como por desgraza podemos constatar hoxe en día, desapego e desconfianza cara os xestores públicos e políticos en xeral.


Consideramos de especial importancia para a defensa dos intereses dos cidadáns que as contas públicas teñan o teito e as paredes de cristal, máxime na actual situación de crises económica na que hai que optimizar ó máximo os recursos.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
 
Mª Teresa García Guillán, concelleira do grupo Municipal Socialista (PSdeG-PSOE), integrada no Grupo Mixto,  no concello de Pobra do Caramiñal, o amparo do disposto no art.. 14 e seguintes do Regulamento de Organización, funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades locais, e en exercicio do dereito fundamental, recollido no art. 23.1 da Constitución no que se recoñece o dereito fundamental dos cidadáns de participar nos asuntos políticos directamente ou por medio de representantes libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal.


EXPÓN:

Na Intervención do Concello, está o expediente relativo á Conta Xeral correspondente ó exercicio do ano 2011. O Concello ten que cumprir a obriga legal de render as contas que constitúen o mecanismo que pon de manifesto a xestión realizada e permite controlar o uso e destino dado aos fondos públicos, en definitiva é un mecanismo de control.

Unha vez máis o Alcalde - Presidente da Corporación pon atrancos para obter a información necesaria para o posterior debate en Pleno sobre a aprobación da conta xeral do ano 2011.

O pasado xoves, día 02 de agosto recibín a convocatoria da comisión informativa especial de contas e réxime interior para o martes,día 7 de agosto ás 13 horas. Como é costume ao día seguinte de recibir a convocatoria, acudín a retirar a documentación correspondente a conta xeral do exercicio 2011. A sorpresa foi que non me deron as fotocopias  para revisar e fiscalizar toda a conta xeral dicíndome que podería consultala unicamente nas dependencias do concello onde non existen despachos para a oposición sendo imposible examinar a densa, complicada e enredada documentación. Negar as copias supón que teña que transcribir manualmente tódolos informes que  teña o expediente.
É totalmente imposible ter debate no Pleno si se me censura a información, impedíndome a fiscalización e a comprobación do uso correcto ou indebido dos fondos públicos.

O dereito a información dos membros das corporacións locais teñen o seu respaldo no artigo 23 da Constitución Española –dereito a participar nos asuntos públicos-, sendo elemento imprescindible para exercer o control e fiscalización dos órganos de goberno das mesmas. Insisto en que os membros representativos das entidades locais non debemos encontrar atrancos para o desenrolo ordinario da nosa función, porque como está a acontecer estase a vulnerar o dereito de participación política, e de forma indirecta elévanse obstáculos improcedentes a plena efectividade do dereito dos cidadáns, a participar nos asuntos públicos, pedra angular do noso sistema democrático.

A xurisprudencia ven catalogando dende fai tempo a obstrución do dereito a información como constitutivo dun delito contra os dereitos cívicos, máis aínda cando o consello de Ministros do Goberno de España presidido por Rajoy ven de aprobar o proxecto de Lei de Transparencia que permita aos cidadáns coñecer a xestión e o estado das contas públicas, polo que non entendo a obstinada oposición do Alcalde de dificultar o acceso a información.

Para exercer a labor de oposición, entendida como unha fiscalización ao goberno local,

SOLICITO:

Se teña por presentado este escrito e se me faciliten as copias de toda a documentación correspondente a conta xeral do exercicio 2011 así como todos os informes técnicos que teña o expediente, de tal maneira que poda ter unha completa información para acudir a comisión informativa do martes 7 de agosto.

Pobra do Caramiñal, a 03 de agosto de 2012.