martes, 28 de enero de 2014

Humidades no Salustiano Rey e inundacións en Venecia

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.7 do R.O.F., formula ante o Pleno Corporativo para a súa contestación a seguinte

PREGUNTA:

Levamos un inverno de bastante chuvia que non fai máis que mostrar o estado calamitoso das instalacións municipais e das canalizacións.

O colexio Salustiano Rey é un dos inmobles afectados pese a que vimos nos medios de comunicación aos responsables municipais, antes do inverno, dicindo que todo iso era historia, que xa quedaban todos os problemas arranxados. Filtra auga polo tellado que se renovou no ano 2001, as fiestras, as aulas e os corredores meten humidades, hai goteiras.

As canalizacións das augas pluviais en Venecia, pese a cantidade de arranxos que se levan feitos, no deron resultados tal e como mostra a fotografía que acompaño. Para acceder ao centro de saúde case que había que ir en góndola.


Por todo iso:

¿A canto ascende a valoración do Concello da Pobra do Caramiñal polos danos do último temporal?

¿Van a solicitar axuda a Xunta de Galicia para corrixir os desperfectos?

¿Si a Xunta non concede axudas vai o Concello a afrontar os danos con recursos propios?

¿Canto sería o tempo necesario para o inicio dos arranxos?

A Pobra do Caramiñal, 25 de xaneiro de 2014.


MOCIÓN SOLICITANDO UN PLAN DE EMPREGO LOCAL

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para instar a Xunta que fomente un programa de Plan de Emprego Local.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A actual situación de crise económica golpeou a clase media cunha dureza que non só a sitúa en risco, senón que está a xerar un problema de cohesión social que esixe dos poderes públicos a asunción de medidas para a preservación dos dereitos máis elementais da cidadanía.

Entre os colectivos máis afectados encóntranse os mozos cun 57,7% de desemprego xuvenil segundo Eurostat, o noso país encabeza xunto con Grecia a deplorable clasificación do paro entre a xente nova, aínda que Grecia, cos datos correspondentes a setembro, sitúase o paro xuvenil no 54,8%. Á crise hai que sumarlle a acción política dos Gobernos de Feijóo e Rajoy, caracterizada pola nula sensibilidade social e pola defensa da austeridade en aras do equilibrio, como verniz das reformas ideolóxicas levadas a cabo.

O resultado deste chamado austericidio practicado polo Partido Popular, que sitúa as contas por enriba das necesidades da xente, é coñecido: trinta mozos ó día abandonan Galicia en busca de oportunidades fóra do noso país. Á fuga de capital humano que supón este continuo éxodo hai que engadirlle os problemas demográficos que xera o envellecemento, e o despoboamento; asuntos capitais no noso territorio.

Diversos organismos levan anos poñendo de manifesto esta problemática sen que existan respostas nin adecuadas nin suficientes por parte da Xunta de Galicia que, recordamos, ten as competencias activas para a creación de emprego -aínda que o seu Presidente manifeste o contrario-, para o que debe destinar os fondos que manexa a tal efecto.

É evidente que os plans da Xunta de Galicia para xerar emprego mozo son inexistentes, xa que Galicia arroxa unha taxa de paro xuvenil do 50%, ou o que é o mesmo, un de cada dous menores de 30 anos non poden acceder a unha ocupación que lle permita desenvolver unha vida digna. Esta situación, acumulada ós continuos recortes en educación e protección social, coloca os mozos e mozas galegos ó borde da exclusión social.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

O concello de a Pobra do Caramiñal insta a que a Xunta fomente a través da Consellería de Traballo e Benestar un programa de Plan de Emprego Local en coordinación cos concellos, destinado a xeración de postos de traballo no noso municipio cos seguintes puntos:
1.      A priorización no plan de busca de emprego para menores de 30 anos en risco de exclusión social, e para mozos menores de 30 anos integrantes de unidades familiares perceptoras de salario social, e que conten con máis antigüidade en desemprego.
2.      A posta en marcha de bolsas de emprego e prácticas en colaboración con empresas da zona para mozos profesionais de alta cualificación.
3.      A toma de medidas para fomentar a cultura emprendedora.
4.      A realización previa dun estudio de observación sobre a evolución sectorial da ocupación do concello para canalizar de forma efectiva a oferta e demanda de emprego.


A Pobra do Caramiñal, 08 de xaneiro de 2014.