jueves, 26 de agosto de 2010

UNHA SAÚDE CON VISTAS… ÁS SEPULTURAS.

Parece que o señor Isaac Ventura gusta de aires fríos e marmóreos. Xa sabíamos da súa afección polas mortallas, misas de réquiem e outros eventos relacionados co culto aos mortos. Por iso, en armonía e concordancia coa Conselleira de Sanidade, tivo a espeluznante e macabra idea de anunciar a creación dun centro de saúde novo a carón do cemiterio parroquial de Sta. María a Antiga do Caramiñal.

Pero hai un problemiña, nada, de pouca monta... cousas legais das que o señor Isaac Ventura non se decata como cabria esperar. E a nosa voceira, Teresa García o facía público onte nos medios de comunicación:

A ubicación proposta correspóndese coa zona verde do polígono 9, polo tanto, dito polígono carecería de zonas verdes no futuro, cando se procedese a construción da citada parcela, principios estes contrarios o proposto no Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que ó obrar desta maneira estarían limitando as zonas do ocio municipais. É dicir, fixeron un PXOM e non deixaron previstos espazos para dotacións públicas, e agora vense na obriga de facer convenios precipitados, ter que volver a modificar o Plan Xeral para poder edificar no lugar que corresponde a unha zona verde. Eles modifican cada vez que lles peta o PXOM, e ¿Por qué non fan o mesmo polos particulares que o precisan?

A información da que dispón este Grupo Municipal consiste en que para as construcións sitas a carón dun cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura, medida a partires do cerre exterior do cemiterio polo que a construción do novo Centro de Saúde, estaría ubicada en zona verde, a carón dun cemiterio, carecendo da zona de protección de 50 metros, e en contra dos criterios seguidos pola propia Consellería noutra provincia. (Exemplo: Pontevedra- Sanxenxo).

O regulamento de policía sanitaria mortuoria, no artigo 47 sobre zona de protección di: “en torno o chan dedicado á construción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do cerre exterior do cemiterio”. Como é lóxico aplicamos a recíproca, si para construír un novo cemiterio hai que deixar 50 m. libres; en 50 m tampouco se poden facer novas construcións ao lado dos cemiterios existentes. Tal e como argumentan as Sentencia del Tribunal Supremo de datas 26 de xuño de 1996 e 14 de febreiro de 1997.

Dado que o señor Isaac Ventura négase a dialogar cos grupos municipais, os socialistas da Pobra, a través da súa voceira, remitímoslle unha carta á Conselleira de Sanidade co fin de que informe da idoneidade de dito emprazamento. Tendo en conta que existen dúbidas razoables de que a ubicación proposta para Centro de Saúde cumpra os criterios legais pertinentes e incluso os mínimos preceptos de saúde pública e de seguridade e hixiene, que non ofrece garantías de salubridade, que se están creando falsas expectativas, que é necesario un informe da inspección de saúde pública, informe xeotécnico cas características do terreo, e que é un problema de interese xeral, dedúcese que o único no que pensa o PP deste concello e en facer novas propostas, (viables ou non), ca mirada posta directamente nas vindeiras eleccións municipais.

O PSdeG da Pobra seguirá informando.