martes, 29 de enero de 2013

EXPOLIO AOS PENSIONISTAS


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno esta MOCIÓN SOBRE AS PENSIÓNS,  en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Goberno de España aprobou non actualizar co IPC as pensións de 2012 cando as persoas pensionistas xa adquiriran este dereito,  para manter o seu poder adquisitivo,  por lei dende primeiros de ano. Ademais suspende o dereito á revalorización das pensións no 2013.

Na notificación feita en xaneiro de 2012 ao conxunto das persoas pensionistas de España, o goberno comprometíase e garantía a compensación pola desviación que puidera producirse con respecto á evolución real da inflación.

Declaracións públicas de varios responsables políticos do Partido Popular e do Goberno de Mariano Rajoy garantían este dereito reflectido na lexislación sobre a Seguridade Social.

Así mesmo, os orzamentos do Estado para 2012 incluían a previsión de revalorización anual das pensións.

Unha vez coñecido o IPC de novembro o Goberno tiña que poñer en marcha unha “paga compensatoria” pola diferenza acumulada no ano 2012 entre o incremento do 1% das pensións en xaneiro e a desviación de 1,9 puntos polo dato do IPC de novembro de 2,9%.

Ademais a partir de xaneiro de 2013 debía incrementar as pensións actuais nun 1,9% para evitar a perda de poder adquisitivo e sumarlle a previsión de inflación do ano 2013 que o goberno sitúa no 1%.

O Goberno, unha vez pasados os procesos electorais en Galicia e Cataluña, decide que, primeiro, os pensionistas non van percibir a paga de desviación da inflación de 2012 e segundo, que esa actualización do IPC tampouco se consolide no ano 2013.

Unha perda por tanto de poder adquisitivo que, en Galicia sacude ás familias de xeito notorio, debido a que temos as pensións máis baixas de España pola prevaleza de pensionistas do Réxime Especial Agrario e do Réxime Especial do Mar.

Moito máis nas provincias do interior que teñen un comportamento do IPC superior ao promedio galego, como é o caso de Lugo cun IPC do 3,1% .

Reputados economistas cifran a perda por pensionista/ano para o caso galego en 950 euros de media sumando outros conceptos incluídos no “poder adquisitivo”.

Si só temos en conta as cifras da NON revalorización e da NON paga da desviación do IPC podemos calcular que para os pensionistas galegos a perda é neste primeiro momento de máis de 260 millóns de euros, a espera da discrecionalidade que vai presidir o incremento das pensións no ano 2013, si é que se produce.

Ademais, é preciso ter en conta o copago farmacéutico, impostos (IRPF, IBI) e taxas e canons como o da auga, que xuntos conforman unha importante perda de poder adquisitivo próxima aos 405 millóns de euros.

Diante disto o Goberno da Xunta permanece indecentemente mudo, cando na recente campaña electoral toda a teima de Núñez Feijoo foi negar que o Goberno de Rajoy fose a conxelar as pensións, algo que resultou certo, porque finalmente optou por rebaixalas de certo e aventurar esta rebaixa a futuros anos.

Por todo o exposto, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

PRIMEIRO.- Instar ao Goberno Central á revogación do acordo do Consello de Ministros de 30 de novembro de 2012, para non actualizar co IPC as pensións de 2012 e suspender o dereito á revalorización das pensións en 2013.

SEGUNDO.- Instar á Xunta de Galicia á defensa dos dereitos dos e das galegas pensionistas, a través das medidas necesarias, políticas ou xurídicas, diante do Goberno Central, antepoñendo os intereses da cidadanía galega fronte a intereses partidarios.

TERCEIRO. Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de Galicia, así como ao Congreso e ao Senado de España.
 

5.965.400 parados


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno a seguinte MOCIÓN para instar ao Goberno de España a prorrogar o programa PREPARA dirixido ás persoas que esgoten a súa prestación por desemprego.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O paro é o principal problema dos españois. 2012 pechou o ano con 426.364 parados máis e 787.240 afiliados menos á seguridade social. A actuación do goberno agrava día a día este problema e as súas consecuencias son cada vez máis negativas para os cidadáns, cada nova previsión do goberno establece un novo récord de parados.

Segundo os datos de afiliacións á Seguridade Social, pasamos de destruír 1.000 empregos ao día en 2011, a destruír 2.000 en 2012.

O paro sobe e a cobertura por desemprego baixou do 70% ao 63% cos últimos datos do mes de outubro. A reforma laboral, aprobada polo Goberno do
PP, ao abaratar e facilitar o despedimento en tempos de crise, está a provocar unha sangría insoportable en termos de emprego.

En contra das recomendacións do Consello Europeo, os Presupostos Xerais do Estado significaron un recorte drástico das políticas activas de emprego, especialmente as transferencias ás CCAA, con reducións de máis de 1.700 millóns de Euros, un 54%. Estes recortes lévanse por diante as políticas de axuda aos desempregados na súa busca de emprego, pois afectan aos programas de orientación, formación e recualificación.

O Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade presupostaria de fomento da competitividade acerna de forma descomunal a protección dos desempregados ao suprimir subsidios especiais para os maiores de 45 anos, ao elevar a idade de 52 a 55 anos, e ao expulsar da Renda Activa de Inserción practicamente o 90% dos seus beneficiarios. Centos de miles de desempregados veranse sen protección ningunha nos próximos meses.

As políticas do Goberno están a provocar a fractura social de España: máis paro, menos protección, menos dereitos, e contra toda recomendación comunitaria, menos políticas activas para favorecer a
empleabilidade dos parados.

Neste contexto a continuidade do programa PREPARA tal como estaba concibido no Real Decreto-Lei 1/2011 é unha necesidade de primeira orde. Este programa mostrou longamente a súa eficacia e propiciou a mellora da empleabilidade de máis de 450.000 desempregados. Este programa apóiase nunha combinación de medidas activas de orientación, formación e recualificación ao tempo que facilita unha axuda de renda á persoa desempregada.

Non podemos permitir que o Plan PREPARA desapareza nas circunstancias actuais, porque é a única fonte de subsistencia dos cidadáns que esgotan o desemprego e que non teñen nada máis que eses 400 € para poder vivir.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

Co fin de garantir a transición ao emprego, alcanzar unha maior coordinación entre as políticas activas de emprego e as axudas económicas de acompañamento e evitar a exclusión social, instamos o Goberno de España a:

Prorrogar o programa de recualificación profesional das persoas que esgoten a súa prestación por desemprego, tal como foi regulado no Real Decreto-Lei 1/2011, en polo menos seis meses máis a partir do mes de febreiro de 2013.