viernes, 17 de mayo de 2013

OS PLANS DUN MINISTRO PARA LIMITAR O ABORTO

Durante anos o ministro Gallardón preocupouse de coidar con esmero a súa imaxe de moderado e dialogante, incluso de progresista, (dentro do que cabe no PP), agora vai ser o artífice da máis retrógada das contrareformas: a lei do aborto.

Este debate a sociedade española xa o superara e agora o pretende abrir unha minoría radicalizada da igrexa católica que ten secuestrado ó goberno de España porque non esquezan que a lei do aborto non obriga a ninguén a abortar. Alegar que responde á necesidade de reforzar o dereito á maternidade supón un sarcasmo que insulta a intelixencia. A actual normativa protexe tanto ás mulleres que queren abortar como ás que desexan continuar co embarazo.

Isto significa que corren malos tempos para as mulleres e para a liberdade. Non somos libres si non podemos decidir sobre a nosa intimidade, sobre os nosos corpos e as nosas vidas. As mulleres, eses seres que algúns consideran desprezables, que fan todo o posible para quedarse embarazadas para logo desfacerse do fillo que levan dentro, non son maduras nin responsables para decidir. Así pois, os fundamentalismos relixiosos e os sectores ultraconservadores, decidiran por nós.

Nunca entenderei porque sempre son os homes os que acaban decidindo en nome da muller este tipo de decisións. Nin tampouco entendo porque van a favor dun segmento da poboación e non do outro. A modernidade está en deixar que a muller decida qué facer. Non manda ninguén sobre o noso corpo noutras cuestións, e sí en estas historias, ten que decidir un cura e un ministro.

Con esta contrareforma de Gallardón, España volverá a unha situación máis próxima ao franquismo que a do resto de Europa, retrocederemos máis alá do previsto na lei de 1985. Soamente un reducido número de mulleres podería abortar de forma legal, o resto seguiría abortando fora do país ou fora da lei. A evidencia demostra que con leis máis restritivas non diminúen o número de abortos senón que os fan máis inseguros. As mulleres con mellor posición económica (incluídas as católicas),irían abortar ao estranxeiro, o resto abortaría igualmente pero en condicións de grave risco sanitario e penal.

No ano 2011 abortaron no noso país 118.359 mulleres, que si non se lles da unha solución legal terán que buscar unha saída clandestina, ilegal, arriscada e se poden segura noutro país avanzado.

Elimínase o suposto de interromper o embarazo cando exista malformación fetal. Impedir o aborto nestes casos supón condenar á familia e ao embrión a desenrolar unha vida sabendo que será un sufrimento continuo, en ocasións insoportable, tanto para o que nace como para os seus proxenitores. ¿De qué serven en España os avances médicos que permiten un diagnóstico precoz de anomalías xenéticas graves?

Como nai, non imaxino maior traxedia que ser obrigada a xestar e parir a un ser sen posibilidades de ser feliz, a un bebé con malformacións ou a un fillo dunha violación. É aberrante. Soamente as mulleres debemos decidir algo tan traumático e nin a extrema dereita nin a igrexa máis radical poden criminalizar á muller que se vexa en semellante trance.

O ministro de xustiza e o goberno de España, elixen poñerse ao lado da “caverna” antes de recoñecer que ningún profesional poda ter máis coñecemento, responsabilidade, madurez, sensibilidade e criterio para decidir sobre algo que atinxe fundamentalmente ás mulleres.

MOCIÓN PARA O PLENO 


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción en relación á defensa do dereito á libre decisión das mulleres.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Ministro de Xustiza anunciou que o Goberno de España presentará pronto unha nova regulación sobre a Interrupción Voluntaria do Embarazo(IVE). Segundo as propias declaracións efectuadas por Alberto Ruiz Gallardón, esta nova regulación terá os seus puntos crave en:
·         A volta a unha Lei de indicacións moito máis restritiva que a lei de 1985, na que as mulleres non poderán decidir, senón que serán os médicos quen decidan por elas.
·         Eliminación da posibilidade de interromper o embarazo cando exista malformación fetal.
·         Fiscalización intolerable respecto ao suposto de risco para a saúde da nai, mostrando un claro desprezo e desconfianza cara ás mulleres, ás cales non as deixa decidir e en cambio serán profesionais externos os que decidan por ela.  
O Goberno está a preparar unha das leis de aborto máis restritivas do mundo occidental e, así, España será o primeiro país que cando lexisla sobre o aborto retrocede. Isto supón unha volta ao pasado, mesmo máis aló da primeira lei do ano 1985, e que as mulleres españolas teñan dúas opcións, abortar fóra de España se teñen recursos para iso, ou  ben abortar en España en condicións de clandestinidade co consecuente risco para a súa saúde e a súa vida.
Gustaríanos lembrar que tal e como é coñecido, o Tribunal Constitucional en 1985, deixou claro que, en relación ao aborto, non estamos ante un conflito entre dous dereitos fundamentais, porque os únicos dereitos fundamentais implicados aquí son os dereitos das mulleres, sendo o non nacido un ben xurídico que queda debidamente protexido pola lexislación actual.
Así mesmo,  é importante ter presente que a actual Lei, aprobada no ano 2010, foi avalada plenamente polo Consello de Estado, que naquel momento, argumentaba que era necesario reformar a regulación para adecuala á realidade e ademais destacaba a plena constitucionalidade do seu articulado.
A pesar de todo iso, o Partido Popular presentou un recurso de inconstitucionalidade contra a actual lei - tal e como  xa fixo en relación aos matrimonios homosexuais -, que aínda non foi resolto polo Tribunal Constitucional. Aínda así, Gallardón prefire non  esperar ao ditame do Tribunal Constitucional e con iso, se pliega, unha vez máis, ás demandas dos sectores máis ultraconservadores da nosa sociedade.
Porque do que está a falar Gallardón, de acordo coa Conferencia Episcopal, é en realidade ,  eliminar o dereito a decidir das mulleres, e que esa eliminación se faga á conta de pór en risco a saúde e a vida das mulleres.
As leis restritivas de aborto non reducen o número de abortos, soamente incrementan o número de mulleres mortas ou que perden a súa saúde porque abortan na clandestinidade e en condicións insalubres. Se esta anunciadísima reforma sae adiante é seguro que se estarán quitando dous dereitos ás mulleres: o da libre decisión e o da saúde.
A proposta do Goberno sobre o aborto levaríanos á cola de Europa, á clandestinidade, a unha regulación que estará á altura de Malta, Andorra ou Polonia, os países máis restritivos e conservadores nas súas normativas. Colócanos na clandestinidade ou no estranxeiro. E máis, nos  últimos 28 anos, 36 países han liberalizado as súas leis de aborto pero ningún retrocedeu.
A inmensa maioría dos países europeos permiten a interrupción voluntaria do embarazo sen xustificación até a semana 14, oscilando entre a semana 10 de Portugal e as 24 semanas de Holanda.
No ano 2008 xa o Consello de Europa aprobou unha recomendación onde consagra o dereito ao aborto legal e sen riscos garantido polo Estado que converta esta práctica en accesible e segura. E ademais convida a despenalizar o aborto, alá onde sexa delito. E  o máis importante para a nosa situación actual: móstrase a favor dunha lei de prazos e reclama clases de educación sexual obrigatorias para os mozos.
A Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo recoñece ás mulleres o dereito a unha maternidade libremente decidido. O que implica, entre outras cousas, que as mulleres decidan sobre o seu embarazo e que esa decisión -consciente e responsable- sexa respectada; ademais, esta Lei garante o dereito á educación e á saúde sexual.  Porque só cunha educación sexual adecuada e coa mellora no acceso aos métodos anticonceptivos, poderemos previr de maneira máis efectiva, especialmente en persoas novas, as infeccións de transmisión sexual e os embarazos non desexados e, por tanto, o número de IVES; así mesmo, a actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e IVE garante a igualdade no acceso, en todas as Comunidades Autónomas, ás prestacións en materia de saúde sexual e reprodutiva, así como o acceso a métodos anticonceptivos e de interrupción  voluntaria do embarazo.
Os e as Socialistas entendemos que non se pode lexislar ás costas da realidade, e a maior realidade é que as mulleres en todas partes do mundo teñen abortos, estean legalizados ou non.
A mellor forma de reducir o número de abortos non é negar o acceso a procedementos legais e seguros ás mulleres, senón darlles o poder de controlar a súa fecundidade e de previr os embarazos non desexados.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal, recoñece o dereito a unha maternidade libremente decidido, o que implica, entre outras cousas, que as mulleres decidan sobre o seu embarazo e que esa decisión consciente e responsable sexa respectada.
2.- O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal lembra ao Goberno de España a aconfesionalidade proclamada na Constitución e, neste sentido, rexeita calquera inxerencia no dereito a unha maternidade libremente decidido ao ditado de ningunha moral relixiosa.
3.- O Pleno do  Concello  da Pobra do Caramiñal móstrase contrario á reforma anunciada da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo anunciada polo ministro Gallardón e rexeita a regresión que iso suporía.
A Pobra do Caramiñal, 06 de maio de 2013.