sábado, 16 de marzo de 2013

OS ALUMNOS DA ESCOLA NÁUTICO PESQUEIRA DE RIBEIRA ESTÁN DISCRIMINADOS POLA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN



Na escola Náutico pesqueira de Ribeira estanse a impartir ciclos formativos de grao medio de técnico de navegación, pesca e transporte marítimo, técnico de operación, control, mantemento de máquinas e instalacións do buque e grao superior de máquinas e materias da titulación de Patrón costeiro polivalente.
Estas titulacións, por si soas, non habilitan para o exercicio profesional posto que a Mariña Mercante Española esixe: o curso avanzado de formación sanitaria específica, curso avanzado de loita contra incendios, curso avanzado de botes de rescate non rápidos, de operador xeral do Sistema Mundial de Socorro  e Seguridade Marítimos (GMDSS)  e o curso de Radar de Punteo Automático (ARPA).

Estes cursos son obrigatorios para poder enrolarse e exercer o traballo para o que os alumnos se prepararon, polo que os obriga a  acudir a entidades privadas para poder  realizalos, cun custe económico de 1000€ - 1500€ curso, mentres que na Escola Náutico-Pesqueira de Vigo e na Escola de Ferrol,  pódense cursar de xeito  gratuíto.

É evidente que esta situación é discriminatoria para as persoas que optan por estudar na Escola Náutica de Ribeira,  maioritariamente veciños do Barbanza.

Neste momento é imprescindible apostar pola formación profesional, especialmente da xente máis nova, para loitar contra a situación de desemprego, que se eleva a unha taxa desmesurada do 55% dos menores de 25 anos que buscan activamente traballo e cando máis de 82.000 mozos españois emigraron en busca dunha oportunidade laboral o ano pasado.

Non se entende como a administración exclúe e marxina a uns cidadáns en detrimento de outros, non ofertando as titulacións requiridas en tódalas escolas oficiais Náutico pesqueiras ca finalidade de que podan reincorporarse ao mercado laboral en condicións de igualdade.
----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando que se impartan na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira diversos cursos avanzados e Ciclos de Técnico superior.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Na actualidade,  na  Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira véñense  impartindo ciclos formativos de grao medio (Técnico en navegación, pesca e transporte marítimo e Técnico en operación, control, mantemento de máquinas e instalacións do buque)  e  un ciclo formativo de grao superior (Técnico superior en supervisión, control de máquinas e instalacións do buque). Ademais, tamén se imparte a formación de  Patrón costeiro polivalente.

Hai  matriculados un total de 150 alumnos, polo que a formación do sector do mar na nosa comarca require dunha atención axeitada.

Os títulos dos estudos que moitos dos nosos mozos/as optan por facer no ámbito do mar e  que expide a Consellería de Educación, non habilitan para poder exercer a profesión se non van acompañados da  preceptiva formación complementaria que esixe a Mariña Mercante Española: o curso avanzado de formación sanitaria específica, curso avanzado de loita contra incendios, curso avanzado de botes de rescate non rápidos, de operador xeral do Sistema Mundial de Socorro  e Seguridade Marítimos (GMDSS)  e o curso de Radar de Punteo Automático (ARPA).

Estes cursos, obrigatorios e necesarios para poder enrolarse nunha embarcación e exercer o cargo para o cal os alumnos/as estudaron e se formaron durante dous anos,  actualmente non se están ofertando  dentro do programa de ciclos de formación profesional  da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dado a falta de profesorado para impartilos, xa que os docentes cos que conta o centro  teñen cuberto o seu cupo horario.

Este feito  obriga aos alumnos a  acudir a entidades privadas para poder  realizalos, o que  leva aparellado un elevado custe económico (1000€ - 1500€ curso), motivo que en moitos casos imposibilita que os nosos mozos/as os poidan cursar, mentres que na Escola Oficial Náutico-Pesqueira do Atlántico (Vigo) e na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol,  ofértanse moitos deles  de xeito  gratuíto.

Despois de anos de espera pola  Escola Oficial Náutico- Pesqueira  de Ribeira,  para que os mozos e mozas da Comarca da Barbanza puideran estudar preto das súas casas, consideramos que os actuais alumnos da mesma, que non se beneficiarán do novo plan de estudos (no que xa se contempla algún dos anteditos cursos nos programas formativos)  deben ter igualdade de oportunidades que os alumnos de Vigo e Ferrol para realizalos gratuitamente.


Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS

1) Que se Inste ao goberno da  Xunta de Galiza para que o curso avanzado de formación sanitaria específica, curso avanzado de loita contra incendios, curso avanzado de botes de rescate non rápidos, de operador xeral do Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos (GMDSS)  e o curso de Radar de Punteo Automático (ARPA), impártanse na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira,  dando as mesmas oportunidades aos alumnos da Barbanza cos que estudan nas outras Escolas Náutico-Pesqueiras  de Galiza.

2) Dado o alto nivel de solicitudes que se rexistran no centro, qué se inste ao goberno da Xunta de Galiza a impartir na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira o Ciclo de Técnico superior en pesca, navegación e transporte marítimo.

A Pobra do Caramiñal, 12 de marzo de 2013.



HAI 18 ANOS ISSAC XA SOLICITABA DESPACHO NO CONCELLO

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando a habilitación na Casa Consistorial de despachos para os grupos municipais.
  
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O artigo 79.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALGA), dispón de forma concordante co artigo 27 do ROF e do artigo 10 do Regulamento Orgánico Municipal, que sempre que sexa posible, os diversos grupos políticos disporán, na sede da Entidade Local, dun despacho ou local para reunirse de maneira independente e recibir visitas dos cidadáns, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais. Na actualidade, na Casa Consistorial da Pobra ningún grupo dispón de despacho ou local no que poder realizar as actividades anteriormente sinaladas.

O pazo onde está a sede do Concello da Pobra, pese á súa fermosura e valor histórico, ten unhas dimensións que non permitían até fai pouco a habilitación de despachos para os grupos municipais, dada a ocupación de todos os espazos por oficinas e despachos de tramitación administrativa ocupados por persoal ao servizo do Concello.

A día de hoxe, a superficie útil da Casa do Concello aumentou considerablemente debido á ampliación da sede municipal, así como o traslado de certos servizos a outros inmobles de titularidade municipal, motivo polo que xa non existiría impedimento á dotación de despachos para os grupos municipais.

No Pleno ordinario do día 28 de xullo de 2011, o alcalde afirmou que había espazo na casa consistorial para poder habilitar os despachos para os distintos grupos políticos.

Ademais era unha queixa reiterada que facía hai máis de 18 anos o actual alcalde a prensa. En abril de 1997 afirmaba nun medio comunicación o seguinte: “Quejas por el agravio que supone atender fuera a los vecinos. El PP de A Pobra demanda un despacho en el ayuntamiento”, e xa dous anos antes se lamentaba da discriminación que supoñía o non contar con dito despacho.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte
  
ACORDO

Que no orzamento do ano 2013 figure unha partida orzamentaria para poder dotar aos grupos municipais dun despacho ou local na sede do Concello da Pobra do Caramiñal, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais, en cumprimento do disposto no artigo 79.1 da LALGA, do artigo 27 do ROF, e do artigo 10 do Regulamento Orgánico municipal, en relación co artigo 23 da Constitución Española.

A Pobra do Caramiñal, 06 de marzo de 2013.