Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE
da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art.
97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno
unha moción solicitando a contratación
dun Arquitecto.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Para levar a cabo o desenvolvemento urbanístico de unha
vila, ademais de contar con un planeamento moderno e adaptado ás necesidades
actuais e á normativa vixente, é necesario que a Corporación Municipal estea
asesorada por un Arquitecto Municipal. O seu labor é, ademais de asesorar aos
membros do Goberno en materia urbanística, velar polo cumprimento do Plan
Xeral, levar o control das licenzas urbanísticas así como a xestión urbanística
e a disciplina.
Se ademais o concello –como é o caso da Pobra do Caramiñal-
conta con un Casco Antigo e un elenco impresionante de Patrimonio Cultural e
Arquitectónico, o Arquitecto debe ser quen de administrar sabiamente ese
patrimonio e velar pola súa protección, asesorando en todo momento ao Goberno
Municipal e informando aos cidadáns e cidadás.
Para todos estes traballos, o técnico municipal debe ser
Arquitecto Superior, e a poder ser, especialista en urbanismo e patrimonio,
coñecedor da normativa vixente en cada momento, intérprete especialista de unha
complexa materia que se complica ano a ano coa publicación de normativas e leis
que fan do urbanismo a maior especialización municipal.
Como é sabido, dende a chegada ao Goberno do grupo
municipal popular, o Concello da Pobra do Caramiñal substituíu a figura de
Arquitecto pola de Arquitecto Técnico (é dicir, aparellador), en réxime de contrato de servizos e a tempo parcial, con un horario de atención o público unicamente os luns e os xoves de
12 a 14 horas, é dicir, catro horas semanais, tempo insuficiente para atender as
demandas dos cidadáns en temas urbanísticos, asesorar sobre o desenvolvemento
do Plan Xeral e realizar os informes urbanísticos preceptivos para a concesión
das licenzas.
Para máis, o
profesional contratado polo Concello é un técnico de grao medio, con coñecementos limitados no
campo do urbanismo e mínimos no de protección do patrimonio, que de catro horas
non está case nunca para que os cidadáns poidan ver atendidas as súas dúbidas
na interpretación da normativa.
Buscando información na páxina web da Xunta onde aparecen
tódolos datos sobre o urbanismo dos concellos
(http://www.planeamentourbanistico.xunta.es) atópome os concellos que contan
con Arquitectos Municipais, que na comarca do Barbanza son:
Ribeira:
|
Celso López Martín,
|
Arquitecto
|
Boiro:
|
Emilio Piña Ordíz,
|
Arquitecto
|
Rianxo:
|
Eva López Nieto,
|
Arquitecta
|
Porto do Son:
|
Elsa González Villarino,
|
Arquitecta
|
Muros:
|
Pablo Castro Pais,
|
Arquitecto
|
Noia:
|
Lara Lozano Formoso,
|
Arquitecta
|
Tal e como sucede coas Directrices de Ordenación do
Territorio, os únicos concellos de segunda, nos que unicamente non presta
ningún servizo un Arquitecto Superior son: Outes,
Lousame e A Pobra do Caramiñal, nos que os servizos técnicos están atendidos
por un Aparellador, polo que outra vez máis dedúcese que este equipo de goberno
aposta porque sexamos un concello de segunda ou que teñan pensado levarnos a
unha fusión de concellos.
Debe saber que o Concello da Pobra do Caramiñal, na
fusión de concellos que se produciu no ano 1868, pasou a comprender os
municipios de A Pobra, Ribeira e Boiro. Conxuntamente con Noia e Rianxo, A
Pobra foi un referente económico e social.
Por outra banda, tamén parece un contra sentido que un
aparellador informe sobre obras maiores redactadas por Arquitectos e Enxeñeiros
superiores, que ven sendo como se un enfermeiro supervisara os diagnósticos e
tratamentos que o médico prescribe aos pacientes, ou como si na Pobra no centro
de saúde en vez de ter médicos nos atenderan para todas as patoloxías
unicamente os enfermeiros catro horas a semana.
Ademais, un aparellador non é un profesional cualificado
para informar sobre ningunha figura urbanística, xa sexa estudo de detalle,
plan parcial, proxecto de sectorización, etc.., que necesariamente esixen o
informe de un Técnico Superior.
Por todo iso,
este grupo que represento solicita a adopción do seguinte
ACORDO:
Que se proceda a contratación dun Arquitecto Superior
para que os servizos técnicos municipais presten asesoramento cualificado a
Corporación Municipal, vele polo cumprimento do Plan Xeral, controle as
licencias urbanísticas e a disciplina e atendan os/as veciños/as e demais
interesados/as tódolos días da semana.