jueves, 4 de febrero de 2010

O RÍO "APARECIDO"



Xa o dixemos e o denunciamos. O río SI existía e isto o demostra.

Mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia, do día 20 de xaneiro de 2010, o Alcalde-Presidente deste concello, solicita autorización de obras para a ampliación do polígono industrial da Tomada. Ditas obras consistirán no desvío do leito do rego e conducir a evacuación das augas pluviais dos 100.000 m2 que se urbanizarán, á canle do rego.

Os feitos son os seguintes:

1º. Cando o PXOM foi posto a exposición pública, diversos colectivos sociais e persoas a titulo persoal, reclamaron a inclusión do río de Xunqueiras na planimetría do PXOM.

2º. As Administracións Públicas que interviñeron na tramitación do Plan Xeral fixeron caso omiso as reclamacións feitas.

3º. Se aprobou o PXOM sen que o Concello solicitase o informe perceptivo de Augas de Galicia.

4º. Como consecuencia de non reflexar na planimetría o río tampouco aparece un “camiño tradicional” que debería protexer a Dirección Xeral de Patrimonio. Non está catalogado (este camiño a protexer é un conxunto ben disposto de pedras ).

5º. Un río que non existía hai 2 anos, según o Concello da Pobra, agora ¿¡APARECE!?. O motivo é para sacarlle máis rentabilidade económica a zona que van urbanizar. Atravesa a meirande parte do terreno e pretenden desvialo para un lado.

6º. De ser un río fantasma, pasa por absorber a canalización de tódalas augas pluviais procedentes dos 100.000 m2. (Este rego non ten cauce suficiente para soportar as augas pluviais procedentes da impermeabilización de 100.000 m2.) Canalizan desde a empresa Luís Escurís ata un punto máis afastado.

O expediente que está a exposición pública soamente conten 4 folios e un plano. Este proxecto carece de memoria explicativa que conteña a descrición das obras que se pretenden realizar, as características das mesmas, (descoñecemos si se pretende canalizar o río, si se fai con tubos, o diámetro dos mesmos, si se deixa ese percorrido o aire libre, en terra, ou si fai en cemento, ancho do cauce, lonxitude, etc.). Neste caso, é imprescindible un plano de cotas pois a simple vista o desnivel fai imposible que a auga circule por gravidade, (a auga costa arriba, se non se impulsa mecanicamente, non sube). Incluso debería aportar a memoria o orzamento destinado para acometer ditas obras.

Dadas as características do chan son imprescindibles os informes topográficos. Parece mentira que unha obra de enxeñería careza do máis elemental. Tampouco aparecen informes técnicos, xurídicos ou calquera documento que aconselle ou promova o desvío do citado río.

É inconcibible que o Alcalde non teña interese polo que acontece no seu Concello. Estamos fartos de denunciar as inundacións do río Morto, os vertidos de procedencia industrial e pretenden repetir a historia. NON LLE IMPORTAN OS VECIÑOS, NIN AS CONSECUENCIAS. O Sr. Isaac está instalado na burla permanente e empeñado en mirar para outro lado.

Non nos esquecemos que as empresas que se van a instalar son as mesmas que xa están traballando no actual polígono. O tempo demostrounos que a conciencia ecolóxica do Alcalde e destes empresarios deixa moito que desexar. Primeiro estragouse un río e unha zona situada ao lado norte do polígono, agora tócalle ao lado sur.
Están de noraboa os veciños das Carrouchas, (por aquí o río pasa por debaixo dunha vivenda), os da Mirandela, a Pontella (con lavadoiro público), os da Presa e incluso dará ambiente ó Pazo Torre de Xunqueiras.

Solicitamos que se paralice a exposición pública mentres que a promotora da ampliación non aporte tódolos documentos precisos para facer unha avaliación seria e rigorosa, e por suposto que os veciños poidan ver o proxecto completo.

Animamos aos afectados a que se informen e presenten as alegacións oportunas a este proxecto, antes do día 12 do presente mes. Os socialistas da Pobra prestaremos todo o apoio e colaboración que se nos pida.