sábado, 24 de noviembre de 2012

25 NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Todos os anos, o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero recordamos ás vítimas, porque aínda queda moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por este terrorismo machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas e psicolóxicas, seguen vivindo, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar. E berramos que o machismo mata. Non obstante este ano, 2012, o berro debe ser maior, porque a violencia de xénero está a caer no esquecemento. Agora, o Goberno non condena os asasinatos, non sensibiliza, está a deixar de prestar apoio ás vítimas

Hai un ano que o Partido Popular gañou as eleccións e España xa retrocedeu 14 postos no Índice do Foro Económico Mundial. Catorce postos que se traducen nun record de pasos atrás. Cada día as mulleres españolas teñen máis dificultades para ter un emprego, para facer compatible a súa vida laboral e familiar, para acceder á educación, a sanidade, ou a atención social, para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, para incorporarse a espazos de participación e toma de decisións.

O máis sangrante de todos estes pasos atrás é o que afecta ao dereito das mulleres a vivir sen Violencia de Xénero. No primeiro comunicado oficial da Ministra responsable, Ana Mato, tratouse como "violencia no ámbito familiar" o asasinato machista dunha muller ás mans da súa parella. Acababa de empezar a marcha atrás. Fai unhas semanas, unha nai e un pai esnaquizados enterraron unha nena de 13 anos, cuxa proxenitora denunciara o perigo que o axexaba e non obtivo a protección suficiente, un fallo claro do sistema.

Mentres se daban estes e outros moitos gravísimos feitos, asistimos a unha serie de recortes. Os primeiros empezaron en Galicia co Goberno de Núñez Feijóo con: drásticos recortes nos orzamento da Xunta de Galicia destinados a políticas de Igualdade de 79,5 % nas acción para a igualdade protección e promoción da muller, importantes retrocesos lexislativos, supresión de estruturas como o SGI ou debilitamento dos Centros de Información á Muller (CIM,S), clara perversión na execución do orzamento destinando unha boa parte a apoio de redes ultraconservadoras que traballan na contra dos dereitos das mulleres, etc. En definitiva, unha clara política regresiva que pon en perigo os avances acadados nos últimos anos na loita contra a violencia de xénero.

A todos estes recortes e retrocesos que se deron en Galicia, súmanse neste último ano outros  realizados polo Goberno presidido por Rajoy Brey que mesmo ten calificado de propaganda as campañas de sensibilización social. A prevención e a sensibilización son fundamentais para conseguir a complicidade da sociedade e do ámbito, como son imprescindibles para que as mulleres poidan reunir forzas abondo e afrontar a denuncia da violencia que sofren. A prevención é o inicio do camiño para saír da violencia, e, a partir de aquí, as Administracións Públicas deben poñer en marcha todos os recursos necesarios para protexer e apoiar a súa decisión.

Dende o ano 2011 o Presuposto do Goberno do Estado para a prevención integral da violencia de xénero viuse reducido nun 27%, máis de 8 millóns de euros. Nos presupostos para o 2013, mesmo o Goberno recortou nun millón de euros os Programas de asistencia social para mulleres vítimas e menores expostos á violencia. O Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial xa fixo unha seria advertencia: os recortes son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia, posto encóntranse nunha situación de desprotección tras presentala. Polo tanto, podemos afirmar que estes recortes en políticas de igualdade están a poñer en situación de risco as mulleres e, con elas, as súas fillas e os seus fillos.

Denunciamos os significativos recortes en prevención, sensibilización e protección das mulleres, e das súas fillas e fillos, fronte á violencia de xénero, e invita ás organizacións e aos outros partidos políticos a defender, de forma conxunta, que non se reduzan os presupostos e recursos necesarios para poder seguir realizando campañas de prevención, sensibilización e apoio ás mulleres; ademais, cremos imprescindible que se desenvolva un plan específico de actuacións para protexer aos e as menores fronte á violencia de xénero que sofren xunto ás súas nais.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS
  1. Este Concello comprométese a non reducir presupostos, servizos nin recursos para combater a violencia de xénero.
  2. Instar á Xunta de Galicia a:
a. Axilizar os trámites necesarios para a inmediata posta en fucionamento do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas da violencia de xénero, una obrigación incluída na Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero
b. Impulsar os órganos consultivos e de participación da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que cada órgano estea regulado de forma independente para garantir a súa comprensión e facilitar o control das súas actividades. Incorporando á composición dos tres órganos a representación de asociacións profesionais de igualdade e persoal técnico especializado en igualdade, así como profesionais que estean  traballando no ámbito do tratamento da violencia de xénero, que son quen está a desenvolver no día a día o traballo técnico relacionado co igualdade de mulleres e homes.
c.  Definir a estratexia da Xunta de Galicia no ámbito da sensibilización e da prevención en contra da Violencia de Xénero.
d. Promover acordos para a formación de profesionais dos Medios de Comunicación para a mellora do tratamento informativo das situacións de violencia contra as mulleres.
e. Incidir en mecanismos de apoio de prevención e apoio ás vítimas para que as mulleres non se vexan forzadas a retirar a denuncia.
f.   Mellorar a coordinación entre os órganos xudiciais e os organismos que deben procurar as medidas de asistencia e protección social reforzando o Punto de Coordinación das Ordes de Protección.
g. Reforzar os servizos de atención a menores vítimas directas e indirectas da violencia de xénero na súa atención e a recuperación das súas secuelas, ao obxecto de romper o círculo da transmisión interxeneracional da violencia.
h. Que as axudas económicas recollidas na lei galega sexan abonadas ás mulleres vítimas de violencia de xénero, que acrediten formalmente as condicións establecidas, nun prazo non superior a 15 días.
i.   Crear un programa específico para mulleres discapacitadas que sofren violencia de xénero, debido a súa situación de especial vulnerabilidade
j.   Promover a responsabilidade social corporativa das empresas a fin de lograr unha alianza empresarial contra a violencia de xénero.
  1. Así mesmo, instamos á Xunta de Galicia a esixir do Goberno do Estado que non reduza os presupostos, os programas, actuacións nin servizos dirixidos a combater a violencia de xénero e atender ás mulleres.
A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2012

miércoles, 21 de noviembre de 2012

MOCIÓN SOBRE MEDIDAS FRONTE AOS DESAFIUZAMENTOS


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción  sobre medidas do Concello da Pobra do Caramiñal fronte aos desafiuzamentos.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Coa crise e o aumento alarmante do desemprego, centos de miles de familias están a chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de A Pobra do Caramiñal non é alleo a este fenómeno, xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán expostos a  unha condena financeira de por vida.

No procedemento xudicial hipotecario a vivenda póxase e a Lei de Enxuizamento Civil establece que, no caso de non presentarse poxadores, algo que acontece na maioría dos casos, o banco ou a entidade prestamista pode adxudicarse a vivenda polo 60% do valor da taxación. É dicir: non só poden quedar coa vivenda por un prezo moito menor do que se taxou ao firmar a hipoteca, senón que ademais unha boa parte da débeda mantense (unha vez descontado o valor polo que se poxou a vivenda), incrementada por grandes gastos xudiciais e honorarios profesionais. Ademais, como resultado de todo iso, aos debedores embárganselles os bens e ingresos, tanto presentes como futuros, para saldar a totalidade da débeda. 

Esta  lexislación, que non se aplica noutros países, era descoñecida polas familias cando rubricaron as hipotecas. Así, a situación é aínda máis grave, xa que pode considerarse que os hipotecados se viron sometidos a unha publicidade enganosa, sometidos á sobrevaloración das taxacións das vivendas e tamén, a unha linguaxe pouco doada de comprender nos contratos que firmaron.

Hoxe en día, calquera  non pagamento pode supoñer o vencemento anticipado de todo o que adebedan, e nos contratos que firmaron agochábanse numerosas cláusulas abusivas, como as do só - teito, ou dos intereses moratorios, que oscilan entre o 18 e o 20 por cento.

Por todo o exposto, consideramos que se está a vulnerar un dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución di que “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.
 
A perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en moitos casos á marxinación e exclusión social.

En definitiva, a situación de desamparo na que se atopan algunhas das nosas familias, asfixiadas por unha situación laboral cada vez máis insostible e unha hipoteca froito da avidez de especuladores e entidades financeiras, é moi  preocupante.

Polo tanto, o Real decreto sobre desafiuzamentos que aprobou o día 15 de novembro o Goberno de España é un parche insuficiente que non soluciona o problema na súa dimensión real, ao quedar excluídas das medidas miles de familias que van a seguir sufrindo igual que ata o de agora a súa dramática situación, que levou a horrorosos desenlaces coa perda de vidas.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:


PRIMEIRO.- Instar ao Goberno Central para que ninguén quede sen vivenda por non poder facer fronte ao pago da súa hipoteca,  e que de igual maneira que xa se fai cas empresas, se lles permita renegociar a súa débeda, dándolles tempo para pagala. 

SEGUNDO.- Instar ao Goberno para que adopten as medidas necesarias para que, nos supostos de vivenda habitual e insolvencia sobrevida de boa fe, se aplique a dación en pago, regulada no artigo 140 da Lei Hipotecaria, de tal xeito que, a elección do debedor, se poida cancelar, sen execución hipotecaria, a totalidade da débeda pendente coa entrega da vivenda, aínda que isto non fora pactado ao formalizarse a hipoteca.

TERCEIRO.- Instar ao Goberno Central para que adopte as medidas necesarias para evitar os desafiuzamentos no caso de vivendas en aluguer, coa retirada da anteproxecto de lei para a dinamización da vivenda en aluguer, que prevé desafiuzamentos en 10 días, co fin de mellorar a protección da cidadanía en momentos de tribulacións económicas.

CUARTO.- Instar ao Goberno para que se adopten todo tipo de medidas tendentes a que os poderes públicos dean cumprimento efectivo ao mandato do art. 47 da Constitución Española, e se estuden saídas xustas á cuestión das vivendas baleiras.

QUINTO.- Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de Galicia, así como ao Congreso e ao Senado.

SEXTO.- Máis aló das medidas de competencia estatal, propor a adopción das seguintes medidas para emprender a nivel municipal:

6.1. Revisión dos protocolos de actuación de Servizos Sociais nos casos de desafiuzamento, e colaboración á hora de pedir aos xuíces a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos económicos e ser refira á vivenda única e habitual. 

6.2. Non poñer ningún axente da Policía Local a disposición das ordes de desafiuzamento. 

6.3. Interpelar ás entidades financeiras que operan no municipio para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación de débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria, coa indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos municipais de ditas entidades.

6.4. Colaboración dos servizos xurídicos do Concello en todos os casos que o requiran.

A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2012