viernes, 12 de abril de 2013

RECORTES EN DEPENDENCIA



 


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa aos fondos do Plan Concertado e o programa de teleasistencia.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O risco de exclusión social é cada día maior no noso país. O aumento do desemprego provocou un aumento do número de fogares sen ningún tipo de ingresos. A este proceso hai que engadir a consolidación da redución e o esgotamento das axudas de protección social, como a prestación por desemprego ou as rendas mínimas de inserción.
Efectivamente, a día de hoxe, un 21% da poboación en España vive por baixo do umbral da pobreza (INE 2012) e a infancia converteuse no colectivo máis afectado pola pobreza no noso país (2 millóns de nenos viven nesta situación).
Sen dúbida, a crise e os recortes están a afectar gravemente á cohesión social. A pobreza esténdese alcanzando tamén a clases medias, súbitamente empobrecidas; intensifícase porque hai máis pobres, e estes teñen menos que antes. E o peor é que ao non producirse ningún indicio de mellora esta situación está a facerse crónica.
A pesar desta dramática situación, o PP non só non foi capaz de articular unha resposta senón todo o contrario, desde o mesmo momento en que tomaron posesión, o Goberno de Rajoy puxo en marcha unha política descontrolada de recortes e axustes que está a provocar o desmantelamento dos servizos públicos básicos, agravando aínda máis a situación de moitos cidadáns.
Así, os fondos para programas que xestiona o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para menores infractores e para menores en situación de dificultade social e malos tratos (2 millóns), o Plan de Acción para persoas con Discapacidade (1,3 millóns) e os fondos para a Teleasistencia (30 millóns) suprimíronse directamente dos Orzamentos Xerais do Estado. Outros programas, como o Plan Concertado, sufriron recortes brutais: 30 millóns de euros para 2013, o que supón unha diminución do 40% respecto de 2012 (entón destináronse ao redor de 50 millóns), e do 65% respecto do último orzamento do Goberno socialista (2011).
O Plan Concertado é un instrumento estatal fundamental para o desenvolvemento de prestacións básicas de servizos sociais. Co fin de manter e desenvolver unha Rede de Servizos Sociais de atención primaria, xestionada polas corporacións locais, así como apoialas tanto no desenvolvemento das competencias que lle son atribuídas pola Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local como nas respectivas leis autonómicas de servizos sociais, o Estado cofinancia proxectos que teñen os seguintes obxectivos:
1.    Proporcionar á cidadanía servizos sociais adecuados que permitan a cobertura das súas necesidades básicas.
2.    Dotar de apoio económico e asistencia técnica ás corporacións locais para o desenvolvemento das súas competencias.
3.    Consolidar e ampliar a rede básica de servizos sociais municipais, para desenvolver as prestacións de servizos sociais de atención primaria, entre as que se atopan a axuda a domicilio e a teleasistencia, previstas no catálogo de servizos da “Lei 39/2006, de 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en situación de dependencia”.
Coñecemos a través dos medios de comunicación que o Goberno central  decidiu retirar do todo a súa achega para financiar os servizos sociais dos concellos. Trátase dunha decisión que pon en perigo o futuro dos servizos sociais municipais no momento en que as familias necesitan máis axuda, cando houbo un aumento grandísimo da demanda, un aumento da pobreza e dispáranse problemas sociais como os desafiuzamentos (as peticións de axuda por emerxencia social incrementáronse un 200%). Xusto neste momento, o Goberno de Rajoy abandona o Plan e deixa nunha situación moi difícil a administracións locais e autonómicas para soster estes servizos básicos cando ademais se lles  prohibiu endebedarse para cumprir o obxectivo de déficit.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.    O Pleno da Corporación mostra o seu rexeitamento aos recortes realizados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para sufragar a rede de Servizos Sociais Comunitarios no Orzamento de 2012 e de Orzamento de 2013.

2.    Instar ó Goberno de España a manter e soster un sistema público de servizos sociais de nivel primario que permita atender a toda a cidadanía e dar resposta á esixencia da Constitución Española de garantir unha serie de dereitos sociais e, por tanto, o exercicio da igualdade de oportunidades.
3.    Esixir ao Goberno de España que repoña os fondos do Plan Concertado e do programa de Teleasistencia, como mínimo aos niveis de 2011, ademais dun compromiso financeiro estable para  garantir a viabilidade dos servizos sociais básicos.
4.    Dar traslado dos presentes acordos ao Presidente do Goberno, á Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, aos Presidentes das Comunidades Autónomas, aos representantes dos axentes sociais e á Federación Española de Municipios e Provincias.
A Pobra do Caramiñal, 12 de marzo de 2013.