Mostrando entradas con la etiqueta Charlas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Charlas. Mostrar todas las entradas

viernes, 18 de febrero de 2011

POLÍTICA DE XENÉRICOS.


A Agrupación Socialista da Pobra organizou unha charla informativa para todos os veciños sobre a política de xenéricos da Xunta de Galicia, tema de candente actualidade, e sobre a cal existe un gran descoñecemento entre a cidadanía por mor da opacidade do goberno autonómico nesta materia.

A charla celebrouse o pasado 16 de febreiro no salón de actos do Instituto Social de la Marina da Pobra do Caramiñal, tendo como relatores a Teresa García Guillán, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista da Pobra e candidata á Alcaldía; José Manuel Lage Tuñas, deputado no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE; e a Francisco “Tuco” Cerviño González, deputado autonómico, médico especialista en nefroloxía, e ex xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC, antigo Hospital Juan Canalejo) e do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, que asumeu na súa cualidade de experto o groso da charla.

Comezou Teresa García agradecendo a asistencia dos presentes a pesar do temporal, e criticando a postura política da Xunta de Galicia, defendendo que a Sanidade Pública debe ser unha para todas as rexións. Criticou así mesmo que o goberno autonómico obrigue aos pacientes a pagar a totalidade do prezo do medicamento se deciden optar polo seu medicamento habitual en lugar de aceptar a substitución obrigatoria do mesmo, sen ter dereito a unha redución do seu prezo equivalente ao custe que supón o xenérico para a Xunta.

En segundo lugar interveu José Manuel Lage, que agradeceu á Agrupación Socialista da Pobra a celebración da charla informativa sobre unha cuestión de tanta actualidade, destacando que se trata dun tema “no que se precisa moita información e pouca demagoxia” para disipar incertezas.

Aproveitou a ocasión para falar da situación da sanidade pública na comarca do Barbanza, destacando que os socialistas xa denunciaron o peche das axendas no hospital comarcal, sinalando que “os socialistas defendemos e defenderemos sempre un sistema sanitario universal” e gratuíto, un logro a nivel estatal que “esta no ADN das políticas socialistas”, tendente a unha cobertura sanitaria independente da conta bancaria e das propiedades de cada un. Sinalou así mesmo Lage que o responsable da xestión no día a día da Sanidade de Galicia é a Xunta de Galicia, pero que “o goberno galego parece que nunca é responsable de nada” desde que goberna o Partido Popular, ao que criticou a súa mala memoria lembrándolle que cando Núñez Feijoó estaba na oposición, segundo o seu criterio todos os males de Galicia eran culpa do presidente Touriño.

En terceiro lugar interveu Francisco Cerviño, quen subliñou que o gasto farmacéutico é un problema real endémico de España, que destina entre o 31% e o 32% do orzamento da Sanidade aos medicamentos, gastos que impiden o seu investimento en persoal e infraestruturas sanitarias, cando a media da OCDE está entre o 15% e o 17%.

Seguidamente fixo un breve repaso ás políticas socialistas na materia, que permitiron unha diminución progresiva da porcentaxe de gasto en medicamentos, até o punto de que 2010 foi o primeiro ano no que o gasto farmacéutico descendeu no conxunto de España, excepto no caso de tres Comunidades Autónomas nas que ascendeu, entre elas en Galicia cun incremento dun 3%.

Destacou que como froito das negociacións da anterior Ministra de Sanidade coa farmaindustria e cos vendedores de medicamentos, e das que se mantén unha política de continuidade coa actual titular da carteira ministerial, se conseguiu unha baixada do prezo final do medicamento ao aceptar estes unha redución dos seus beneficios nun 3% en un 2%, respectivamente.

Dados os efectos concorrentes das políticas públicas do goberno central, que se calcula que suporán un aforro de 122 millóns de euros anuais -cartos que se destinarán á mellora do sistema sanitario como propias do seu orzamento-, puxo en tela de xuízo as declaracións da conselleira Farjas no tocante ao aforro neto que se conseguiu coa aplicación da polémica política de xenéricos, toda vez que resulta difícil discernir que parte do aforro se corresponde ás medidas da Xunta de Galicia, e que parte ás políticas implementadas polo goberno socialista.

Fixo referencia tamén a que as políticas do goberno estatal están dirixidas a solucionar a situación de infrafinanciamento crónico da sanidade pública, que se cifra nun 0,5% do PIB tras a redución de medio punto do PIB que realizou Zapatero eliminando de golpe o 50% do infrafinanciamento, até o momento no 1%; non obstante, a pesar deste infrafinanciamento, congratúlase Cerviño de que o sistema médico español resulta exemplar a todos os niveis, punteiro no tocante a transplantes e á cobertura sanitaria universal que considera un sistema redistribuidor da riqueza.

Inconstitucionalidade da Lei 12/2010, de 22 de decembro

Francisco Cerviño criticou duramente que o PP insista en autodenominarse o partido dos traballadores e acuse á vez ao goberno central de estar aliado coas multinacionais da farmacia, cousa que considera unha incoherencia do PP, toda vez que esquece que a industria farmacéutica en España sostén milleiros de postos de traballo, sobre todo en Madrid e en Cataluña.

Considera que esta Lei galega si supón un aforro difícil de cuantificar pola concorrencia das medidas do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, pero á vez critica a Núñez Feijoó por facer unha lei contraria ás competencias do goberno galego, establecidas taxativamente pola Constitución Española de forma textual.

Fundamenta a apreciación no dictame do Consello de Estado, que tilda a Lei galega de anticonstitucional entre outro motivos por vulnerar as competencias exclusivas do Estado ao establecer un catálogo de medicamentos distinto e independente do aprobado polo goberno central.

Destacou tamén Cerviño na súa intervención, non exenta de cuestións técnicas que demostran o profundo coñecemento na materia que atesoura o relator, “o lío que montaría o Partido Popular se isto o fixese Cataluña”, parafraseando frases reaccionarias moi manidas pola dereita relativas á ruptura de España.

Criticou tamén que a conselleira Farjas manifestase que levou a cuestión do catálogo galego ao Consello Interterritorial de Sanidade, no que están representadas todas as Comunidades Autónomas e o Goberno, cando na realidade o que fixo foi levar a proposta fóra da orde do día, imposibilitando o seu debate, e cando a tramitación parlamentaria da Lei xa se atopaba moi avanzada.

Ao seu xuízo, a norma galega é unha vulneración burda das regras do xogo, que obriga por imperativo legal ao Presidente do Goberno a interpor contra a mesma un recurso de inconstitucionalidade.

No tocante aos motivos que levaron ao goberno de Núñez Feijóo a aprobar unha Lei manifestamente anticonstitucional por vulneración das competencias exclusivas e excluíntes do Estado, destacou que non son outros que motivos de carácter político no sentido máis frívolo da palabra, no que non dubidou en adxectivar coma unha “fanfarronada publicitaria” tendente a fomentar a paranoia inventada polo PP de que o Goberno central está en contra de Galicia.

Dende a Agrupación Socialista da Pobra queremos unha vez máis agradecer aos deputados José Manuel Lage Tuñas e a Francisco Cerviño González a súa presenza e participación nesta charla informativa, así coma ao nutrido grupo de asistentes que a pesar do temporal acudiron a este acto, entre os que se atopaban entre outros compañeiros, simpatizantes e veciños, Marisol Soneira Tajes (deputada autonómica).

miércoles, 21 de abril de 2010

@S VECIÑOS ACUDIRON A ENTERARSE QUE É O POL

O PSdeG solicitará no Parlamento a prórroga da moratoria dos cincocentos metros de protección do litoral.

Foron moitos os veciños que se deron cita no salón de actos do ISM para asistir á charla convocada polo PSOE da Pobra sobre o Plan de Ordenación do Litoral. Os deputados autonómicos, Mar Barcón e Xosé Manuel Lage, expuxeron a visión dos socialistas sobre o documento elaborado pola Xunta ó que cualificaron de escuro e farragoso ademais da inseguridade xurídica que establece.

Por estes motivos, dende o PSdeG solicitarán a prórroga da protección dos cincocentos metros de protección do litoral posto que non sería razoable tomar decisións en virtude dun plan que presenta numerosos erros e xerou unha gran contestación social por parte dos concellos.

No caso concreto da Pobra, os socialistas solicitarán que tanto este como os demais concellos cos Plans Municipais adaptados á normativa urbanísitica non teñan que modificalos en función do Plan de Ordenación do Litoral.

Neste sentido, o deputado Xosé Manuel Lage instou ó alcalde da Pobra a defender os intereses dos seus veciños en lugar de pregarse ós ditados dun goberno autonómico que comparte a súa mesma cor política.

Esa posición construtiva pasa precisamente por manter a sostenibilidade do territorio de xeito compatible cun desenvolvemento urbanísitco ordeado.

lunes, 19 de abril de 2010

¡¡ACUDE A INFORMARTE ACERCA DO NOVO PLAN DO LITORAL!!


Para seguir a informar sobre o novo Plan do Litoral e cómo éste vai afectar ao noso concello, mañá contaremos coa presencia dos deputados José Manuel Lage e Mar Barcón, esta última a portavoz no Parlamento de Galicia de Urbanismo e Ordenación Territorial. Por ser un tema de máxima importancia ao quedar gravemente afectado TODO o concello animámosvos a asistir e axudarvos a despexar as dúbidas ó respeito das vosas fincas e propiedades. Moitísimas casas da Pobra así como polígonos que aparecen no PXOM quedarían afectados polo novo plan da Xunta do Sr. Feijóo.
O día 11 de marzo, xa hai máis dun mes, os socialistas requerimos ao Alcalde, mediante un escrito rexistrado no Concello, a través da nosa voceira, Mª Teresa Guillán, a facilitarnos toda a información e a reunir aos grupos municipais cos técnicos para facer fronte de maneira conxunta a este despropósito. O Alcalde fixo caso omiso e non atendeu as nosas demandas. Posteriormente fixemos unha rolda de prensa o 30 de marzo, á que segurían varias máis, unha o 7 de abril onde EMPLAZAMOS de forma sutil ao BNG a solicitar un PLENO EXTRAORDINARIO por este asunto, xa que eles son os únicos que teñen maioría suficiente para facelo. Dous días máis tarde o 9 de abril, o BNG rexistrou a petición de pleno.
Sen ánimo de polemizar si queremos deixar ben claro que fomos os que, parafraseando a Espe Aguirre, "destapamos o caso POL".

martes, 16 de marzo de 2010

CAAMAÑO FALOU DO GALEGO CO CORAZÓN


Francisco Caamaño, chegou á Pobra acompañado de Pablo García o Secretario de Organización do PSdeG, Salvador Fdez Moreda, Presidente da Deputación e Secretario Provincial, Marisol Soneira deputada, José Manuel Lage deputado por esta comarca, e tódolos representantes dos concellos da comarca, alcaldes e portavoces que nos arrouparon no acto. A presentadora do mesmo, Teresa García agradeceu a Salvador Fdez Moreda o moito que a Deputación que el preside se ten preocupado das infraestruturas e servizos do noso concello e animouno a seguir traballando a prol deste pobo. Agradeceulle ao Ministro a súa presenza nun feudo (polo de agora) do PP e desglosou a súa “impecable traxectoria humana, profesional e política” ao mesmo tempo que se comprometeu “a seguer traballando arreo conxuntamente cos veciños e veciñas, escoitando as súas demandas e presentando iniciativas para conquerir as melloras que o noso pobo precisa”.

Moreda, na súa intervención apostou por “apoiar iniciativas coma esta charla do sábado, levando a voz do PSdeG e do Goberno do Estado a tódolos puntos da nosa provincia”.

De Identidade e territorio falou longo e tendido Fran Caamaño, ante un público absorto e entregado ás súas reflexións. cunha proximidade e humildade que impresionou ás máis de duascentas persoas que abarrotaban o auditorio da Casa Museo de Valle Inclán (houbo moita xente que quedou fóra ). Un tema que lle serviu para abordar varias cuestións relacionadas coa comunidade e coa cultura foi o da lingua, aspecto que ocupou máis tempo da intervención de Francisco Caamaño. O ministro referiuse ao decreto do galego e defendeu a necesidade de coidar o idioma, porque, do contrario, “chegará un momento no que o galego e Galicia mesmo aparezan só nos libros de texto, quizais porque un presidente da Xunta se empeñou en que todos faláramos inglés”.

Lembrou que a galega é unha cultura aberta e afeita a convivir e entenderse con outros idiomas en países estranxeiros debido á emigración, pero, dixo, “en todos eses territorios houbo casas de Galicia ás que acudían as persoas de aquí a falar a súa lingua. O que é sorprendente é que haxa xente que non entenda isto, e é sorprendente que non comprendan que na nosa casa nos gusta falar na nosa lingua. Eu non vou obrigar a ninguén a usar o galego se non quere, o que pido é que me deixen a min expresarme no meu idioma.”


Sobre o territorio o ministro apuntou que Galicia “ten moitas cicatrices, moitos recheos, moitos paseos marítimos. Deberiamos reflexionar sobre que cousas non teriamos que facer e que espazos deberiamos protexer para deixalos como legado”. Nesta mesma liña, falou das novas infraestruturas e cuestionou a necesidade de seguir abrindo autopistas ou mesmo de contar con varias liñas do AVE: “¿Que velocidade pode acadar o tren entre Vigo e A Coruña? Se chega aos 300 quilómetros por hora non para na Coruña, pasa de largo. É preciso abrir o debate sobre que modelo de infraestruturas queremos ter, hai outros medios de comunicación cun custo menor de mantemento e que non esnaquicen a paisaxe”.

“Ser galego non é incompatible con ser español, Isto é algo que parece non entender a nova dereita, que acuñou o termo da Galicia global para deixar a un lado a lingua. Pero a base de ser global, vai deixar de ser Galicia. Este goberno autonómico parte dun complexo de ser galego que eu non comparto”

Antes de finalizar o acto houbo unha rolda de preguntas por parte dos asistentes.

Fran Caamaño deixou unha excelente imprensión entre os asistentes.

Gracias a todos os que se desplazaron dende diversos puntos da comarca e a tódolos pobrenses que responderon masivamente ao evento.