viernes, 21 de noviembre de 2014

A GASOLINEIRA DA COVECHA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.7 do R.O.F., formula ante o Pleno Corporativo para a súa contestación a seguinte
PREGUNTA:
Con data 15 de outubro de 2014 resólvese autorizar o inicio da actividade dunha gasolineira para subministro de combustible a embarcacións e vehículos dos usuarios do porto, no lugar do Porto Comercial deste termo municipal.
Esta gasolineira foi concibida para abastecer de combustible e dar servizo fundamentalmente ás embarcacións do porto, sexan profesionais ou de recreo.
Nestes intres non existe pantalán para amarre das embarcacións para botar o combustible. O que si hai é un paredón duns cinco metros de altura sen defensas. É imposible atracar aínda que teñan unha marca de pintura amarela, non podendo tampouco abarloar ás embarcacións por estar esa mesma zona ocupada.
 Outra cuestión que deberían subsanar é aumentar o calado polo menos na metade do atraque para que os veleiros con orza poidan usar esa zona.
A día de hoxe, dita gasolineira é inoperante para as embarcacións xa que teñen que amarrar no pantalán do club de remo e usar as garrafas. Dita gasolineira foi imposta pola maioría gobernante sen escoitar aos veciños e agora unha vez feita non cumpre cas condicións mínimas para poder dar o servizo para a que foi autorizada.
Por todo elo:
¿Cando teñen pensado prestar servizo ás embarcacións?
¿Senón subsanan as deficiencias van a anular a autorización da gasolineira, tendo en conta que a autorización é para subministro de combustible a embarcacións?

A Pobra do Caramiñal, 19 de novembro de 2014.

MOCIÓN CONTRA A POBREZA ENERXÉTICA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción contra a pobreza enerxética e pola protección dos consumidores vulnerables.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A pobreza enerxética é unha consecuencia máis da grave crise social e económica que estamos a padecer. Defínese como aquela situación que sofren os fogares cuxos membros son incapaces de pagar unha cantidade de servizos da enerxía suficientes para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou vense obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos ao pago da factura enerxética das súas vivendas.

Segundo diferentes estudos socio - económicos son xa máis de 300.000 persoas en Galicia as que teñen graves dificultades para facer fronte ao recibo da luz ao final de mes, debendo dar prioridade ou elixir entre que cuestións básicas de subsistencia, moi unidas ao desenvolvemento dunha vida digna, poden permitirse e cales non.

A este dato hai que engadir o que facilita o INE e o IGE nas enquisas de condicións de vida que sinalan que en torno aos 100.000 fogares en Galicia non poden manter a súa casa a unha temperatura adecuada, cos riscos que iso comporta especialmente para as persoas con factores de risco máis alto, como nenos, anciáns ou enfermos.

Fronte a este grave problema existen diferentes posicionamentos: mirar a outro lado, expor unha solución de conxuntura, ou adoptar medidas estruturais que remedien situacións dramáticas que poden ser evitadas con solidariedade e tamén coa lexislación. Lamentablemente, a dereita, como en outros moitos temas está na conxuntural.

Así mentres a Unión Europea ten instado aos diversos Estados membros a adoptar medidas para protexer aos consumidores máis vulnerables e a loitar contra a pobreza enerxética, en Galicia tense actuado tarde, pouco e mal.

As normas europeas foron elaboradas cun dobre obxectivo: primeiro, garantir unha subministración de gas e electricidade imprescindible para garantir unha vida digna  asociada á vivenda habitual, a un custo alcanzable para o consumidor vulnerable; e segundo, prohibir a desconexión en períodos críticos. 

Mentres distintos países teñen aprobado normas que protexen aos consumidores máis vulnerables, prohibindo durante o inverno interromper a subministración que lles poida deixar sen calefacción, a lexislación española limitouse a desenvolvementos absolutamente insuficientes.

Cremos imprescindible ser sensibles á situación que moitos dos nosos veciños e veciñas padecen, e por tanto, estimamos a oportunidade de que a Xunta de Galicia utilice todos os resortes que ten ao seu alcance, e ademais inste ao Goberno de España a aprobar unha lei para solucionar os problemas máis urxentes e prexudiciais de pobreza enerxética, e que marque a orientación prioritaria das administracións á hora de afrontar as principais causas polas que esa pobreza enerxética se produce.

Estimamos preciso que se considere e se lexisle para que a subministración de enerxía sexa un dereito social básico, que os consumidores vulnerables accedan a unha tarifa social en función dos seus ingresos e non do mercado, e o máis importante, que non haxa cortes de subministración no inverno para aquelas persoas que se atopen en situación de pobreza enerxética, financiando a diferenza entre a tarifa social e o consumo real a través dos orzamentos xerais do Estado.

Entendemos que é preciso abordar a pobreza enerxética dentro dun contexto de ampliación de medidas estruturais, como son a mellora da eficiencia enerxética das vivendas vinculadas ás familias con máis dificultades, así como o apoio público á rehabilitación das vivendas  que ocupan, coa finalidade de conseguir unha maior optimización dos recursos enerxéticos.

Ante todo cremos que o Goberno Galego debe recoñecer que se trata dunha medida de política social, co propósito de garantir os principios de progresividade, solidariedade e cohesión respecto dos consumidores máis vulnerables, e por iso entendemos que o custo desta iniciativa débese sufragar polo conxunto do sistema.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:

1.     Habilitar unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas), que garanta que ningún fogar poda ser privado dun mínimo de cobertura enerxética de subsistencia entre o 1 de novembro e o 31 de marzo de cada ano, que permita garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza enerxética.

1.a. Esta liña de axudas desenvolverase no ámbito das políticas de benestar social, mais alá da colaboración coa Consellería de Economía e Industria, e arbitraranse medidas que faciliten a súa solicitude a aquelas familias afectadas por este problema.


2.     Demandar ao Goberno de España a que de forma inmediata presente no Congreso dos Deputados para o seu debate e aprobación un proxecto de lei de protección dos consumidores vulnerables e contra a pobreza enerxética.

A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2014

MOCIÓN PARA RECUPERAR AS POLÍTICAS DE IGUALDADE DE TRATO ENTRE HOMES E MULLERES

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para a recuperación das políticas de igualdade de trato entre homes e mulleres.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Instituto da Muller creouse como Organismo Autónomo da Administración Central en 1983. Por aquel entón, acabábamos de saír dunha ditadura na que as mulleres tiñan a condición de seres legal e economicamente dependentes e onde a súa única misión era ocuparse do fogar e da crianza dos nenos e as nenas. É por iso, que a creación do Instituto da Muller viuse como o inicio do camiño cara á igualdade entre mulleres e homes no noso país á vez que nos achegaba a Europa onde se nos dicía que había que facer políticas de igualdade desde organismos especializados que se ocupasen diso e que, ademais, implicasen ao Goberno e os diferentes axentes sociais. Por este motivo, o Instituto da Muller converteuse, desde o primeiro momento, en “a casa de todas”. Desde alí, e desde entón, traballouse da man das organizacións feministas e de mulleres. Foron elas as que loitaron para que existise e foron elas as protagonistas dos tan necesarios cambios lexislativos que melloraron, e de que maneira, a vida de todas.
Desde a súa posta en marcha, o Instituto da Muller tivo entre as súas funcións básicas:
·        Promover as condicións que fixesen posible a igualdade entre homes e mulleres.
·        Impulsar a participación das mulleres na vida económica, política, social e cultural do noso país.
·        Coordinar os traballos que han de desenvolver os diferentes Ministerios e demais organismos especificamente relacionados coa muller.
Ao mesmo tempo, outra importante función que desenvolveu foi o apoio, sobre todo a través de convenios de colaboración, á creación de servizos de atención ás mulleres con maiores dificultades e o desenvolvemento de políticas de igualdade a nivel autonómico e local. Ademais, o Instituto da Muller colaborou, informando e seguindo a aplicación de leis tan importantes para a vida das mulleres como son a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, a Lei de Igualdade, a Lei de Dependencia ou, como non,  a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo.
Pero esta dilatada e valiosa traxectoria non debeu parecerlle suficientemente importante e necesaria ao Goberno do noso país. O pasado día 16 de setembro, o Boletín Oficial do Estado decretaba que o Instituto da Muller pasaba a denominarse “Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades” é que as funcións anteriormente mencionadas quedan diluídas completamente, restándolle capacidade de acción fronte ao resto de organismos públicos e súmalle ademais a responsabilidade das políticas contra a discriminación de persoas por razón de nacemento, sexo, orixe racial ou étnica, relixión ou ideoloxía, orientación ou identidade sexual, idade, discapacidade ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Deste xeito, o Goberno  decidiu acabar co único organismo especializado en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Con esta decisión, unha vez máis, o Goberno do Sr. Rajoy desatende, reduce e relega  ás mulleres, e as súas necesidades, ao recuncho do esquecemento.
Pero iso non é todo. Cando o Goberno engade ao nome de Instituto da Muller o “e para a Igualdade de Oportunidades” ten como única pretensión evitar que a Unión Europea chámelle a atención por non cumprir co establecido en materia de non discriminación e igualdade de trato. Como sempre, o Goberno do Partido Popular opta por pór parches no canto de tomar decisións políticas que dean resposta aos seus compromisos con Europa e, o que é máis importante, ocuparse de que no noso país a igualdade de trato teña un organismo que se ocupe dela para que as discriminacións deixen de existir.
Parece que o Goberno non quere entender que en materia social, trátase de ampliar dereitos, de intensificar esforzos, de aumentar garantías. Non de reducir e fragmentar os tan escasos recursos existentes para evitar posibles reprimendas. En definitiva, o Goberno elixe non decatarse de que se trata de sumar e non de restar, nin, por suposto, de enfrontar e dividir.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:

·        Esixir ao Goberno que manteña o Instituto da Muller como organismo autónomo especializado na Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres.
·        Esixir ao Goberno que modifique os obxectivos deste organismo devolvéndolle a capacidade de acción que antes tiña centrada na igualdade entre homes e mulleres para, entre outras cousas, coordinar as políticas de igualdade co resto de Ministerios e organismos públicos, así como para facer o seguimento de toda a lexislación relativa á igualdade de oportunidades de homes e mulleres.
·        Esixir ao Goberno o aumento da dotación orzamentaria do Instituto da Muller co obxectivo de que poida seguir ocupándose de temas tan prioritarios como son a erradicación da violencia de xénero, o emprego, a educación non sexista, trátaa de persoas con fins de explotación sexual, etc.
·        Esixir ao Goberno que, desde o Instituto da Muller sígase apostando polo traballo conxunto en colaboración coas autonomías e entes locais.
·        Esixir ao Goberno que tramite a Lei Integral de Igualdade de trato e non discriminación co  fin de profundar no valor da igualdade máis aló do seu recoñecemento legal e garanta a igualdade de trato e a loita contra a discriminación.


A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2014.

Moción, declaración de Florencia a cultura como elemento de cohesión social

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción sobre os principios da Declaración de Florencia e a cultura como elemento de cohesión social.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O pasado 4 de outubro a UNESCO aprobou a Declaración de Florencia, na que se recoñece a cultura como parte do benestar cidadán e como un vehículo de desenrolo sostible. Con esta Declaración a UNESCO solicita que a cultura se sitúe no centro das políticas de desenrolo e constitúe un paso moi importante para que Nacións Unidas fixe os novos obxectivos para a nova Axenda de Desenrolo Post 2015.
Unha dobre perspectiva que entende a Cultura desde unha dobre dimensión; como motor de desenrolo sostible como dun dereito necesario para a cohesión social. Esta perspectiva constitúe unha oportunidade para España e especialmente para os seus municipios.
A cultura é un piar fundamental da nosa identidade como sociedade, é parte indispensable do Estado do Benestar e un factor que pode contribuír moito ao desenrolo económico sostible e a creación de emprego de calidade. Ao tempo a cultura desempeña un papel esencial á hora de configurar a imaxe da nosa sociedade, transmitir valores, definir identidades e é, ante todo, un elemento esencial para desenrolar plenamente a cidadanía democrática, imprescindible para a convivencia. Onde mellor se poden apreciar estes elementos positivos é nos pobos e cidades que non podemos esquecer son os principais axentes de promoción cultural, participación social na mesma e onde o patrimonio histórico máis próximo e presente está na vida cotián.
É necesario, pois, trasladar desde os poderes públicos e as entidades locais a idea de que o acceso á cultura é parte do benestar, que a súa promoción é boa para o desenrolo económico e necesario para asegurar a cohesión social.
Así o fixo a UNESCO ao ratificar a Declaración de Florencia, na que precisamente  chama en particular aos gobernos, a sociedade civil e ao sector privado a mellorar as  capacidades humanas e institucionais nos marcos xurídicos, a apoiar novos modelos de colaboración e estratexias de inversión innovadoras e establecer obxectivos de referencia que permitan avaliar a contribución da cultura ao desenrolo sostible. En definitiva, facer que a cultura se sitúe no centro das políticas de desenrolo sostible, por a súa capacidade non solo de crear riqueza senón tamén de lograr cohesión social. A Administración Local é a máis adecuada para desenrolar esta estratexia é ao tempo a que maior potencial pode aproveitar da mesma en cohesión, participación cidadán e desenrolo local.
Esta perspectiva aporta unha visión de oportunidade para xerar benestar e contribuír á saída da crises. En España a cultura constitúe máis do 3,5% do PIB e o 2,6% do Emprego o que o converte nun sector estratéxico no que ademais presentamos unhas vantaxes competitivas excepcionais que nos permiten ter unha confianza reforzada nela. Ademais en España o coidado e promoción do noso patrimonio histórico cultural, a potenciación de sectores industriais da creatividade e acercar os seus beneficios aos cidadáns, é unha ferramenta excepcional para fomentar o reequilibrio territorial e apostar polo desenrolo rural de forma sostible.
A realidade é que o Goberno de España demostrou unha incapacidade absoluta para poñer o potencial de desenrolo da nosa cultura. Decisións como a subida do IVE ao tipo máis alto de Europa, a redución sistemática dos recursos nos Presupostos Xerais do Estado 2015 para a conservación do patrimonio, a agonía do 1% cultural e a incapacidade para impulsar unha norma sobre mecenazgo que estimule o potencial do sector en etapas de crises, demostra unha falta evidente de confianza na cultura como motor de desenrolo e xeradora de benestar. Mentres o resto de Europa establece que a cultura mediante o seu programa Europa Creativa, sexa un sector estratéxico de futuro, o Goberno de España afoga o seu potencial e se separa da liña trazada pola maior parte dos países de Europa.
A propia Declaración de Florencia sinala a importancia que da a declaración ás entidades locais e as cidades como laboratorios de desenrolo sostible que permiten deseñar e realizar políticas de desenrolo que sexan sostibles e innovadoras. Entendemos que estes obxectivos son especialmente valiosos para os municipios e cidades que deben camiñar cara a novos modelos de colaboración e estratexias de inversión innovadoras para apoiar a investigación, a innovación e a produción local de bens e servizos culturais. Máis aínda son probablemente onde máis posible sexa garantir a participación cidadán na creación e na xestión cultural, especialmente no deseño e desenrolo das políticas culturais públicas.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1.      Apoiar a resolución contida na Declaración de Florencia, na que pide que a cultura se sitúe no centro das políticas de desenrolo sostible, pola súa capacidade non soamente de crear riqueza e emprego, senón tamén de lograr cohesión social.

2.      Crear unha estratexia Española de obxectivos para a cultura en colaboración cas Comunidades Autónomas.

3.      Instar ao Goberno de España a baixada  inmediata do IVE para bens e servizos culturais ao 5% e a elaboración dunha auténtica lei de mecenazgo que permita o estímulo da demanda cultural e promova a participación social na cultura.

4.      Instar ao Goberno de España a revitalizar a estratexia de coidado, promoción do patrimonio histórico cultural, especialmente cos programas vinculados ao 1% cultural.


A Pobra do Caramiñal, 15 de novembro de 2014.

viernes, 24 de octubre de 2014

DERRUME DO MURO PERIMETRAL DO CEMITERIO DO CARAMIÑAL


A cara Sur do muro perimetral do cemiterio da parroquia do Caramiñal, literalmente derrubouse. O lado Oeste está tamén inclinado cara a propiedade colindante e a cara Este é onde este goberno municipal cedeu os terreos a Consellería de Sanidade para a construción dun centro de saúde, que por certo vai para lonxe pois nos orzamentos da Xunta para o 2015 non existe ningunha partida específica pero si existe para centros de saúde de Malpica, Cambre e Arteixo.

Dicía á prensa, que o alcalde vai falar ca conselleira para conseguir o financiamento que lle levan prometendo hai anos. Recordar os continuos recortes no gasto sanitario desde que o PP está no goberno da Xunta, precisamente nos orzamentos do 2015 hai un recorte de 4 millóns de euros en relación ao 2014 no orzamento da Consellería de Sanidade.

Recordarlle ao Sr alcalde que primeiro se preocupe por facer muros de contención axeitados a carón dese futuro centro de saúde porque si a cara Sur do muro perimetral do cemiterio e máis a parte Oeste (partes ás que tivemos acceso), están derrubadas ou a punto de facelo, o lado Este estará na mesmas condicións ou peores porque as raíces das árbores que  están a carón do muro puideron prexudicar aínda máis o muro antigo de barro e pedra.

Non se trata de presentar futuribles proxectos aos medios de comunicación, trátase de que a futura construción cumpra os criterios legais pertinentes e incluso os mínimos preceptos de saúde pública e de seguridade e hixiene e que  ofreza garantías de salubridade.

Estamos a escasos días de que masivamente tódolos veciños acudamos aos cemiterios a honrar aos familiares. Dito muro de contención debe arranxarse de inmediato antes de que poda ocorrer outro derrubamento e que non teñamos, por neglixencia, que lamentar vítimas. Temos constancia que o párroco ao que pertence este cemiterio ten notificación desta grave incidencia, lle pedimos que actúe con urxencia.

Mentres a opinión pública estea entretida cunha nova construción dun centro de saúde que non chega, os servizos sanitarios estanse prestando nun centro terceiromundista



sábado, 20 de septiembre de 2014

MOCIÓN REXEITANDO A ELECCIÓN DIRECTA DOS ALCALDES E ALCALDESAS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción instando ao Goberno de España a rexeitar a modificación da LOTEG que propón o PP para elixir directamente aos alcaldes e alcaldesas.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


Os medios de comunicación avanzaron estes días a intención do Goberno do PP de seguir adiante ca Reforma da Lei Electoral para a elección directa de alcaldes, aínda que non teña o apoio do PSOE. O pasado 28 de xullo, Pedro Sánchez, Secretario Xeneral do PSOE, na súa entrevista co Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, xa mostrou o desacordo ca reforma electoral proposta polo Goberno do PP, trasladando un NON rotundo ao cambio de elección de alcaldes, por entender que non se poden propoñer cambios de tanto calado sen acordo político e a poucos meses das eleccións municipais.

Nestes momentos, cando quedan oito meses para as próximas eleccións municipais esta reforma electoral  plantéxase por parte do Goberno de forma oportunista e prepotente. A estratexia do PP consiste en lanzar un globo sonda, dicir que están abertos ao diálogo e acusar ao resto de forzas políticas de non querer alcanzar acordos. Entendemos que a política é diálogo, negociación e acordo, pero tamén é cumprir as regras das que nos  dotamos democraticamente e non modificalas en base a intereses partidistas. O Goberno do PP non pode cambiar as regras de xogo minutos antes de terminar o partido, por esta razón debe de explicar por qué ten tanta presa en modificar a Reforma Electoral que afecta ao réxime municipal.

Todo parece indicar que o medo a perder poder é o motivo que impulsa a reforma que propón o Goberno de Rajoy. Esta proposta non é unha demanda social, nin política, unicamente responde a petición dos alcaldes do PP que queren perpetuarse no poder a base de burlar as maiorías democráticas. En esta ocasión o Goberno do PP volve a menosprezar unha vez máis a FEMP como entidade representativa do municipalismo no noso país. As maiorías en democracia,  constrúense negociando, cedendo e compartindo. En España dotámonos dun sistema electoral proporcional para dar voz ás minorías e para que estas agrupadas e desde o acordo político poidan converterse tamén en maioría.

O PP fala moito de rexeneración democrática, pero nin a coñece, nin a practica. O señor Rajoy debería saber que en democracia, o partido maioritario non pode impoñerse a  maioría formada por outras forzas políticas, que un 40% no é maioría absoluta, e que 5+2 son más que seis. Mentres o PP non teña claro ese principio democrático, non hai negociación posible.

O PSOE vai evitar, con todos os medios ao seu alcance, que o pucherazo electoral que o PP perpetrou coa modificación do Estatuto de Castilla- La Mancha se repita de novo co sistema de elección de alcaldes. En España, os cambios de sistema electoral se levaron sempre a cabo con consenso, diálogo e a través do pacto, xusto ao contrario do que pretende agora o PP.

En definitiva, non se poden plantexar cambios sobre a elección dos alcaldes modificando urxentemente a LOREG, sen acordo e a poucos meses das eleccións locais. O Goberno de Rajoy sigue empeñado en atacar sistematicamente a autonomía local, primeiro anunciou a bombo e platillo a súa reforma local, que foi un fracaso absoluto, aprobando a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e sostenibilidade da administración local, que valeira de capacidade política e de competencias aos Concellos, e alonxa aos cidadáns e veciños das entidades locais polo desmantelamento que se está producindo dos servizos públicos que os municipios prestaban, despois o Goberno anunciou a proposta de Lei de demarcación e Planta xudicial, que está encima da mesa do Ministro de Xustiza, que desvitaliza a actividade xudicial dos concellos que foron cabezas de partido xudicial. E agora o PP ameaza novamente a democracia municipal plantexando unha reforma electoral de forma unilateral para favorecer unicamente os seus intereses políticos e electorais.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- Instar ao Alcalde a que rexeite a modificación da LOREG que propón o PP para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas.

2º.- Instar ao Alcalde a que garanta o respecto a actividade democrática dos cidadáns así como a representatividade que expresan nas urnas.
3º.- Instar ao Alcalde a que eleve ao Goberno de Mariano Rajoy este rexeitamento que supón unha adulteración do sistema democrático e un asalto as liberdades da cidadanía.


A Pobra do Caramiñal, 06 de setembro de 2014.

MOCIÓN SOLICITANDO MEDIDAS FRONTE Ó REPUNTE DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a poñer en marcha medidas fronte ó repunte da violencia de xénero.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A violencia de xénero é un dos principais problemas aos que se enfronta hoxe o noso país. A pesar do que se avanzou durante anos, da existencia dunha Lei Integral fronte a Violencia de Xénero que situou a mesma no centro das prioridades políticas e da posta en marcha de medidas e servizos para atallar esta lacra, os últimos anos supuxeron un repunte neste problema social e as cifras así o demostran.
Os datos do ano 2013  póñennos sobre algunhas das claves que explican este repunte. Ao longo de ese año, as denuncias descenderon en case un 3%, as clamadas ao 016 cerca do 30% e, consecuentemente, máis do 80% das mulleres asasinadas nese ano non  denunciaran antes. Este escenario  indícanos unha falta de confianza das mulleres vítimas nos recursos públicos e que, de novo, pouco a pouco, a violencia de xénero volve a ser entendida como un “problema familiar” e non como o que é, unha lacra que afecta a toda a sociedade.
Sen dúbida os recortes en servizos públicos son en gran maneira responsables desta diminución das denuncias. Os recortes en presupostos dedicados á educación en igualdade, a prevención, detección, auxilio e posterior apoio das mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas derivaron nunha situación de temor e desconfianza a  hora de denunciar. Cesaron practicamente as campañas de apoio e de difusión dos medios existentes para atender as vítimas, recortáronse ao máximo os presupostos dedicados a educación e prevención en Secundaria e en outros niveis, nada hai sobre os anteriores programas de detección de maltrato contra mulleres maiores e os cursos de formación e orientación ante a violencia de xénero para profesionais dos ámbitos social, sanitario, policial, xudicial,  educativo e para os medios de comunicación practicamente desapareceron.
A dotación de medios policiais e xudiciais especializados nesta materia é escasa. As mulleres vítimas e os seus fillos seguen véndose obrigadas a recorrer un camiño xudicial a miúdo demasiado longo, complexo e en ocasións humillante. Os recursos dedicados ao apoio posterior e a posibilitar  a súa inclusión social e laboral víronse diminuídos ano tras ano. 
Consecuentemente, as denuncias son menos e a sensación de impunidade dos agresores é maior. Este ano son xa máis de 40 as vítimas e o verán foi  especialmente dramático coa morte de 9 mulleres. En abril, o PSOE presentaba no Congreso dos Deputados unha proposta para crear unha Mesa fronte a Violencia de Xénero na que se reunisen todos os sectores afectados e impulsase a aplicación real e efectiva da Lei Integral aprobada en 2004, recuperando os presupostos necesarios e dotando os servizos de prevención, atención e apoio convenientemente. A resposta do Partido Popular foi que non era necesario e que os presupostos e os medios eran suficientes. Lamentablemente, as cifras falan por sí solas.
Tendo en conta a situación da violencia de xénero e os datos deste ano que demostran a necesidade de impulsar de novo medidas concretas e efectivas fronte a esta lacra, por iso este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1)    O Pleno Municipal insta ao Goberno Local a poñer en marcha un Programa de Formación  dirixido a cidadáns e cidadás  de todas as idades que sirva para difundir os recursos de prevención e apoio existentes e para sensibilizar á poboación en xeneral sobre  a necesidade de atallar de maneira colectiva este problema.
2)    O Pleno Municipal esixe aos Gobernos de España e da Xunta a recuperar os servizos e presupostos dedicados á loita contra a Violencia de Xénero, unha vez que a diminución no número de denuncias presenciais e no 016 sinalan  a insuficiencia dos recursos públicos dedicados a prevención e atención ás vítimas.

3)    O Pleno Municipal esixe ao Goberno de España a adecuada dotación de medios xudiciais e policiais especializados para atender as vítimas de violencia e a os seus fillos, evitando o alargamento dos procesos e facendo posible unha recuperación persoal e social inmediata.


A Pobra do Caramiñal, 06 de setembro de 2014.

miércoles, 10 de septiembre de 2014

MOCIÓN SOLICITANDO ARRANXOS EN LAMAS E ANDRÉS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando melloras na Urbanización de Lamas e Andrés.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os veciños do Lamas e Andrés levan moitos anos demandando que se inverta e mellore o entorno do seu barrio porque entenden que teñen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns aos que se lle mellora a calidade de vida. Non lles parece una situación adecuada a que sofren estas familias porque pagan os seus impostos e taxas municipais como os que máis. Resúltalle incomprensible como un barrio que está situado a escasos metros da Casa Consistorial, non ten prioridade nin é do máximo interese do goberno municipal cando está en risco a integridade das persoas e as obras de mellora teñen un custe moderado, máxime cando se executan obras de menor interese social, de moito maior custe e que ao longo dos anos teñen prioridade na axenda da Institución Municipal.
Os residentes, mellor que ninguén, saben das carencias que son necesarias arranxar pero senten que pese as reunións mantidas co Alcalde e aos numerosos escritos presentados por rexistro que non se lles ten en conta.
É competencia municipal manter en bo estado de conservación os bens de uso e dominio público sexan vías urbanas ou rurais.
Este barrio conta con numerosos nenos que xogan en condicións de risco para as súa integridade física. Se lle prometera a construción dun parque infantil no espazo que a promotora da urbanización deixou destinado, argumento corroborado polo Alcalde nos medios de comunicación, onde textualmente dicía: “ se acondicionará el parque público dejando en medio el triángulo de terreno que pertenece a una vecina” (Ano 2007)
Este espazo serve na actualidade para que os cans vaian defecar. En calquera caso os cans mexan e os nenos xogan no lugar polo que existen verdadeiros riscos de enfermidades. Senten que os cans son os amos e en pleno verán magnifícanse as consecuencias polas altas temperaturas e o aumento da poboación.
Necesítanse máis xardíns, máis columpios e xogos infantís e menos rúas con buratos.
A pista polideportiva en vez de ser un lugar seguro de lecer e unha instalación defectuosa e decadente, é o espazo idóneo para que calquera día ocorra un accidente.


O camiño polo que acceden os nenos a pista de Raquel Soler non reúne condicións de paso.


As beirarrúas están cedendo despois de que se fixeran as canalizacións de gas natural, e inundase un garaxe.


Os solares adxacentes aos edificios de nova construción están cheos de maleza que serven para depositar incluso entullos de obras. Se o Concello ten a obriga de manter en boas condicións os terreos de titularidade municipal o consistorio debería trasladar aos propietarios do resto de solares a obriga de facer o mesmo, e no caso de que estes incumpran será a Administración quen execute as obras e pase posteriormente a factura.
A sinalización vertical é insuficiente, frecuentemente hai atrancos nas estreitas rúas.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:
Executar un Plan de mellora na urbanización Lamas e Andrés que consistirá como mínimo en:
1.     Na construción dun parque público e mentres non se faga, manter o solar limpo en condicións de hixiene e seguridade.
2.     Subir e reparar a rede perimetral da pista deportiva.
3.     Completar a sinalización vertical.
4.     Instar a limpeza dos solares colindantes aos edificios.
5.     Mellorar o acceso a pista de Raquel Soler.
6.     Arranxar o firme das rúas, reparar as beirarrúas e poñer canalizacións para evitar que as augas entren no garaxe dunha das edificacións.

A Pobra do Caramiñal, 06 de setembro de 2014.


MOCIÓN SOLICUDE DE ARRANXO PETÓN LOMBA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando o arranxo da estrada do Petón a Lomba e a limpeza doutros lugares públicos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os camiños públicos son bens de uso e dominio público. É competencia municipal mantelos en bo estado de conservación sexan vías urbanas ou rurais.
A mala conservación da rede viaria ten consecuencias prexudiciais na seguridade viaria, nos custes de reparación dos vehículos, na nosa seguridade e na contaminación.
Na estrada que vai do Petón a Lomba que desemboca na estrada AC-305 necesita unha mellora urxente do firme xa que está moi deteriorado e nunha situación de progresivo deterioro con gran número de buratos e socavóns no chan.
En maio do ano 2010, traía a Pleno unha moción na que os veciños da Mercé reivindicaban un camiño que tiña continuidade entre o pazo da Mercé e a punta da Mercé. Con posterioridade fíxose unha senda que comunica os dous lugares pero que na actualidade está chea de maleza  o cal impide aos numerosos veciños que acoden as praias acceder con seguridade.
Outra cuestión salientable son os accesos as praias da zona que merecen unha mellor atención e coidados.
No ano 2009 a Demarcación de Costas fixo un muro de contención na Ribeiriña co fin de estabilizar o terreo para evitar derrubes nunha zona onde erosiona o mar fortemente e corrían perigo as vivendas próximas. Desde entón deixouse crecer libremente a vexetación nun noiro de gran altura, na actualidade as xestas invaden a beirarrúa e a varanda de aceiro que lle colocaron.
 Menos mal que somos un concello de interese turístico e que o alcalde non para de dicirnos que somos as praias de Compostela.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- O goberno municipal fará unha actuación urxente de acondicionamento do camiño do Petón a Lomba
2º.- Limpar a maleza da senda da Mercé e accesos as praias e do entorno.
2º.- Limpar a vexetación do noiro da Ribeiriña.

 A Pobra do Caramiñal, 18 de xullo de 2014.

martes, 22 de julio de 2014

MOCIÓN SOLICITANDO MELLORAS NA ATENCIÓN PRIMARIA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando melloras para conservar a calidade asistencial na Atención Primaria.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Atención Primaria deixou de ser una prioridade para o Sistema Nacional de Saúde, con graves consecuencias asistenciais e socioeconómicas. A situación está sendo agravada pola crise económica e as restricións orzamentarias. Pasamos de ter un sistema sanitario envexado polos países máis desenrolados economicamente, baseado no fortalecemento da Atención Primaria e no concepto de servizo público básico e esencial dos dereitos dos cidadáns, ata convertelo nun sistema que, coa escusa da situación económica do noso país, quérese desmantelar. A crise da sanidade é consecuencia dunha crise institucional e económica e non ao revés.

A sanidade española está inmersa nun duro proceso de recortes e privatizacións impulsados polos gobernos neoliberais a nivel central e nas CCAA. Convén facer algunhas reflexións sobre cales son os intereses e quen sae ganando ca privatización e quen vai perder neste proceso.

Os que gañan son as grandes aseguradoras, a industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria que teñen a oportunidade de ampliar o seu negocio.

Os que perden son os cidadáns en xeral que sufrimos os recortes nos dereitos sanitarios, que debemos pagar máis por unha asistencia sanitaria que antes se financiaba con impostos e que agora teremos que contratar seguros privados para complementar a menor oferta de servizos da atención sanitaria pública. Perden as persoas con menos recursos, desempregados, parados, os pensionistas que verán dificultado o acceso as prestacións sanitarias por carecer de cartos para afrontar os múltiples copagos. Perden as persoas maiores, os enfermos crónicos, os discapacitados que necesitan máis atención sanitaria e maiores recursos terapéuticos e rehabilitadores. Perden os profesionais e traballadores da Sanidade que perderon salarios, dereitos laborais, estabilidade no emprego e postos de traballo. Perde tamén a economía española que cos recortes nos servizos sanitarios e socio-sanitarios reduce os postos de traballo que estimularían a economía e reducirían a elevada taxa de desemprego.
Hai que lembrar que os sistemas públicos universais e accesibles son necesarios para manter a forza do traballo que se asocia a mellores niveis de desenrolo económico e social.

A realidade é que recortan, recortan e seguen recortando hasta tal punto que a maioría dos médicos de Atención Primaria están soportando cargas de traballo excesivas, que en moitos casos se ven incrementadas pola falta de contratación de substitutos para cubrir as ausencias por vacacións dos seus compañeiros. As patoloxías non se van de vacacións, pero os médicos sí.

A nivel asistencial a Atención primaria sufre as peores consecuencias durante o período estival porque normalmente non se substitúe aos facultativos, polo que os médicos vense obrigados a dobrar quendas para cubrir aos compañeiros ou cérranse consultas, como ocorre no centro de saúde da Pobra que cando o Pediatra está de vacacións ou está de baixa por Incapacidade Temporal, non se cubre a súa praza tendo que desprazarse os usuarios aos concellos limítrofes.

Os cadros de persoal son insuficientes porque ca crise recortáronse aínda máis, non se cobren as xubilacións ou defuncións, e cando se cobren faise con contratos precarios e a tempo parcial. Remarcar que, según o boletín estatístico do Ministerio de Facenda, desde o ano 2012 perdéronse 28.496 prazas no Sistema Nacional de Saúde. Non se pode comprender que entre xuño de 2013 e xaneiro de 2014 as plantillas creceron en 3.403 empregados públicos e de forma discriminatoria nas Institucións Sanitarias do Sistema Nacional de Saúde perdéronse 5.953 postos.

Sen embargo, e por desgraza o que se está producindo é unha diminución progresiva do orzamento dedicado a Atención Primaria, que pasou do 15,63% en 2007 ao 14,82% en 2012, totalmente insuficiente e moi lonxe do 25% de orzamento sanitario considerado como imprescindible para o bo funcionamento do sistema polas autoridades sanitarias internacionais.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:
1º.- Instar a Consellería de Sanidade a dotar dun financiamento suficiente e adecuado a Atención Primaria (AP) para conservar a calidade asistencial xa que o exercicio da profesión médica nestas condicións tan adversas podería causar un incremento de erros médicos involuntarios.

2º.- Ofrecer unha maior capacidade de xestión aos profesionais de AP para conseguir a equidade e a eficiencia na xestión porque quen mellor coñece a forma de mellorar o sistema, de facelo costo-eficiente, son precisamente os médicos e profesionais.

A Pobra do Caramiñal, 18 de xullo de 2014.

jueves, 3 de julio de 2014

MOCIÓN SOLICITANDO A MODERNIZACIÓN DA BANDA ANCHA ESPECIALMENTE NAS ZONAS RURAIS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa para que se modernice, especialmente na zona rural, a rede de banda ancha.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


O sector das comunicacións é un pilar básico e imprescindible para avanzar na consolidación do tecido produtivo do país para ampliar as expectativas económicas e para establecer novos parámetros acordes cunha sociedade igualitaria e integradora.

É indiscutible que as telecomunicacións constitúen un dos sectores máis dinámicos da economía e un dos que poden contribuír ao crecemento, a produtividade, ao emprego e polo tanto o desenrolo económico e o benestar social e, tal como afirma a Comisión Europea “O despliegue de redes ultrarrápidas pode ter un importante impacto na creación de emprego, estimándose que a innovación podería xerar dous millóns de empregos para o 2020, incluídos traballos en sectores relacionados, como a provisión de contidos ou a fabricación de equipos”.
Os beneficios que aportan as redes de nova xeración e a banda ancha para o mercado de traballo, a economía e para unha sociedade cada vez máis tecnolóxica e baseada na información, a innovación e o coñecemento incrementa as posibilidades de competitividade, crecemento económico e creación de emprego.

Así pois, a inversión en novas tecnoloxías, factor clave para saír da crise, require ó mesmo tempo a garantía de acceso ás mesmas de toda a cidadanía así como un marco regulamentario adecuado para o seu desenrolo.

Neste aspecto, a Unión Europea se comprometera a través da Axencia Dixital para Europa, a garantía de acceso da cidadanía europea á banda ancha básica antes do fin de 2013, garantía que obviamente no se consolidou fundamentalmente nas zonas rurais.

Durante moitos anos España, foi dos países que máis pagaban pola conexión a Rede de redes, chegando a ser o país máis caro de Europa. O acceso a internet de banda ancha é caro e de malísima calidade na zona rural do noso concello, o que ralentiza o desenrolo da sociedade da información. O acceso a internet debería ser considerado como un servizo universal, o que obrigaría a Administración a garantir a súa dispoñibilidade a calquera cidadán, viva onde viva.

As redes seguen pertencendo na súa gran maioría a todopoderosa Telefónica, que as herdou do antigo ente estatal, o cal sendo xa unha empresa privada e servíndose dos recursos que antes eran públicos, marcaron nos últimos anos o ritmo do acceso a internet.

O control da tradicional rede de cobre, a R.T.C. (Rede Telefónica Conmutada), que era propiedade da Compañía Telefónica Nacional de España, foi outorgada a Telefónica tras a súa liberalización. A rede que era de todos, continúa  hoxe en día sendo alugada por Telefónica, xa como empresa privada, ao resto de operadores.

A operadora propietaria da rede tradicional non parece que se esforzou demasiado por mellorar a súa rede nos últimos anos. De feito, boa parte dos usuarios do entorno rural vense obrigados a optar por novas tecnoloxías para conectarse a internet.

Os veciños e usuarios deste concello que teñen as vivendas situadas a unha distancia igual ou superior aos 2 km da centraliña teñen verdadeiros problemas para ter unha conexión digna a internet, porque a maior distancia da centraliña, menos velocidade e estabilidade na conexión. E o que ven sendo máis grave, a estas persoas cóbranlle o recibo como si o servizo que lle presta a compañía fora de calidade e ultrarrápido.

Acabar ca fractura dixital non constitúe unicamente un dereito de sectores sociais ou da cidadanía en xeral, senón que se relaciona directamente ca economía das zonas rurais, que é en si mesmo, fonte de riqueza e emprego.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:
1º.- Instar ao Goberno de España a garantir con carácter urxente e en colaboración cas Administracións públicas implicadas, o acceso a banda ancha.

2º.- O Concello de A Pobra do Caramiñal fará as xestións necesarias, de maneira apremiante e inaprazable, para que no noso concello se modernice a rede pública, que un día foi de todos, e chegue o ADSL a todas partes no noso municipio con velocidade e estabilidade na conexión, posto que é una condición indispensable para poder competir nun mundo globalizado.
A Pobra do Caramiñal, 27 de xuño de 2014.