jueves, 26 de junio de 2014

Moción relativa a conservación, restauración e rehabilitación do Barrio dos Cataláns

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a conservación, restauración e rehabilitación do Barrio dos Cataláns.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O concello de A Pobra do Caramiñal conserva diferentes construcións fabrís, exemplo de arqueoloxía industrial, entre as que conta co primeiro polígono industrial de Galicia.
Esta infraestrutura denominada "Barrio dos Cataláns" data do século XVIII e está situada na zona costeira da praia "do Areal". A historia da súa construción deriva dos múltiples intentos de diversificación da economía galega que en esta localidade plasmouse en diferentes actividades como curtidos, fabricación de louza ou estaleiros e con maior intensidade os sectores da industria téxtil do lino e as fábricas de salgadura, estas últimas como intento de industrializar o sector pesqueiro.
En torno a 1750, ca chegada de empresarios cataláns para explotar industrialmente a conserva do peixe e marisco, desenrólanse novas artes de pesca e técnicas de conservación ao tempo que se inicia a construción de diversas factorías de salgadura ó longo do litoral galego. Xa no século XIX  prodúcese unha intensa activación da industria conserveira que sirve para relanzar a economía de Galicia.
Mostra destacada desta actividade é o anteriormente citado "Barrio dos Cataláns" ou "Barrio do Areal" por situarse na praia do mesmo nome. Este primixenio polígono industrial inclúe os restos das factorías así como a zona na que residían os empresarios e os traballadores da fábrica constituíndo unha importante mostra do inicio da arquitectura industrial en Galicia.
Nestes intres o Proxecto denominado “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal“, promovido pola Demarcación de Costas en Galicia, pertencente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e redactado polo enxeñeiro Don Patricio Aguilar Cavanillas, está exposto ó público na Casa do Concello da Pobra do Caramiñal, a fin de recoller alegacións dos particulares e das entidades, actuación imprescindible para a protección da fauna e flora da zona.
A través deste proxecto, que consta de dúas fases de actuación cunha inversión de 3,4 millóns de euros, rexenerarase a zona citada retirando terras contaminadas e protexendo a vexetación propia deste ecosistema nunha superficie aproximada de 3750 metros cadrados de bordes de canais e 24.780 metros de marisma. 
Sen embargo, a pesar da idoneidade desta actuación medioambiental, o proxecto contempla a construción dun posto de observación de aves na  zona onde se encontran as naves do "Barrio dos Cataláns" para o cal se demolerían varias das edificacións existentes.
O Proxecto denominado “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal”, tal e como se expresa na súa Memoria como nos seus Planos, prevé o derrubamento dunhas edificacións que se describen como ruinosas.

Non se trata de edificacións ruinosas, nin se trata de edificacións comúns. As naves que o proxecto prevé derrubar son as especificadas na FICHA Nº 91 do Catálogo de Edificacións e Bens a Protexer do Plan Xeral de Ordenación Urbanística da Pobra do Caramiñal, de tipoloxía edificatoria “Arquitectura industrial”.
AS NAVES TEÑEN “PROTECCIÓN AMBIENTAL”, e segundo o especificado polo Catálogo do Plan Xeral, polo que se permiten obras de Reestruturación, Rehabilitación, etc.. pero queda PROHIBIDA A SÚA DEMOLICIÓN
Forman parte xa da cultura de Galicia e con toda seguridade, constituíron fonte de inspiración para figuras destacadas da literatura galega como Valle Inclán ou Victoriano García Martí.
Ditos edificios culminan o Barrio polo sur dotados de gran elegancia e a súa importancia arquitectónica foi motivo dunha mención especial no Simposium Internacional de Patrimonio Cultural, celebrado en Santiago de Compostela, baixo a dirección de don Ángel Sicart, e publicado na Revista Especializada "R&R Restauración y Rehabilitación".
CANDO FALAMOS DO BARRIO DOS CATALÁNS FALAMOS DUN DOS PRIMEIROS POLÍGONOS INDUSTRIAIS DA COSTA ESPAÑOLA.

A propia empresa pública turística de Galicia (Turgalicia) inclúe o Barrio dos Cataláns como unha das VISITAS IMPRESCINDIBLES na Ría de Arousa. A demolición das naves que constitúen a fachada sur do Barrio deixaríano orfo polo seu flanco sur, prexudicándose substancialmente  o conxunto..

O Proxecto en cuestión prevé a construción dunha nova estrada/rúa, construída con base de formigón armado e remate superficial en macádam (asfalto común) de 7 metros de largo, alén das beirarrúas correspondentes, así como dunha ROTONDA de radio 14 metros, OCUPANDO unha Superficie de aproximadamente TRES MIL METROS (3.000 m2) cadrados DESVIRTÚA o Concepto de Rexeneración de Marisma.

Non se entende que coa escusa de rexenerar un territorio SE ASFALTE A PRAIA, é dicir, se proxecte unha estrada común, co deseño comunmente utilizado para calquera rúa ou estrada, é dicir, Urbano e Non Sustentábel. Os medios fan perder o fin.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguinte

ACORDO:

"O Concello da Pobra do Caramiñal insta ao Goberno do Estado, concretamente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a inclusión no proxecto de “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal”,  de cantas medidas sexan necesarias para a conservación, restauración  e rehabilitación do Barrio dos Cataláns do noso municipio como espazo cultural, aportando diversas alternativas:
-          Como un Espazo Cultural, en xeral
-          Como Museo da Conserva e da Salgadura
-          Como Centro de Interpretación da Caramiña e do Ecosistema da Xunqueira
-          Como Centro de Interpretación do Encaixe, dado que hai cen anos era o Caramiñal un centro importante desta arte/oficio
-          Ou recuperadas para todas estas artes, recuperando un edificio histórico e creando un centro de sinerxías e turismo de excelencia.

A Pobra do Caramiñal, 12 de maio de 2014.

Moción sobre a supresión dos partidos xudiciais

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para rexeitar a supresión dos partidos xudiciais.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Goberno ven de anunciar a supresión dos Partidos xudiciais existentes en Galicia, para concentrar ós xuíces nas capitais provinciais e crear Tribunais de instancia. En Galicia esa medida suporá a desaparición de 41 partidos xudiciais e unha fonda alteración do funcionamento da xustiza, da accesibilidade dos cidadáns e dos custos derivados.

A unha cidadanía espallada no territorio, debe corresponder unha planta dos servizos públicos que facilite o achegamento dos cidadáns. Os actuais partidos xudiciais veñen dando resposta á litixiosidade pero tamén á proximidade. Esquecer esta non mellora aquela, só a cambia de lugar. Pero crea outros problemas ós profesionais da xustiza, funcionarios, avogados, procuradores,  ás entidades auxiliares, ós concellos, e sobre todo ós cidadáns.

Esta medida centralizadora forma parte dunha política xudicial fondamente lesiva para os cidadáns. O Goberno do Estado paralizou  os procesos de modernización tecnolóxica, de posta en funcionamento da nova oficina xudicial e de creación de prazas. Está anunciada a modificación dos Rexistros Civís. Agora proponse a desaparición dos partidos xudiciais e  a concentración da actividade xurisdicional nas capitais de provincia.

O Goberno promulgou unha nova lei de taxas, disuasorias pola súa contía e restritivas para as persoas con menos recursos. Agora a supresión de partidos xudiciais incrementará os custos de desprazamento. Fica esquecida a defensa dos dereitos dos cidadáns e o acceso a unha tutela xudicial efectiva, como garantira o artigo 24. 1 da Constitución Española.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguinte
ACORDO

O Pleno do Concello de A Pobra do Caramiñal insta á Xunta de Galicia  a reclamar do  Goberno de España o mantemento dos catro partidos xudiciais da comarca, especialmente o partido xudicial de Ribeira, cos seus respectivos xulgados.


A Pobra do Caramiñal, 12 de maio de 2014.

Moción solicitando a aplicación do IVE do 10% ás perruquerias

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a a reconsiderar a aplicación do tipo xeral do IVE do 21% aos servizos de perruquería.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

As perruquerías son, habitualmente, pequenos negocios formados por un autónomo e un ou dous empregados, estando o 85% deles rexentados por mulleres. Este sector agrupaba en España, no ano 2011, a 48.000 salóns, nos que, de forma directa, traballaban unhas 120.000 persoas.

A crise económica, que dende 2008 afecta á economía do noso Pais, sitúa a esta actividade do sector servizos nun punto de extrema dificultade debido, sobre todo,á baixada da afluencia de clientes e, por tanto, ó menor número de servizos realizados.

Como consecuencia de esta situación, moitos salóns víronse obrigados nese momento a realizar importantes axustes no seu nivel de prezos e, en consecuencia, nos seus marxes, co fin de frear a importante caída de clientes e intentar, como tantos sectores, seguir co negocio mantendo os postos de traballo.

En setembro do 2012  entrou en vigor unha nova medida tributaria, adoptada polo Goberno, consistente en incrementar o IVE a abonar por estes servizos do 8% (vixente ata o 31 de agosto do 2012) ó 21%.

A importantísima subida de 13 puntos representou para estes salóns o seu afundimento definitivo. Os motivos son claros:

Os salóns que trasladaron a subida, viron desaparecer gran parte dos seus clientes, que non estaban dispostos a pagar un incremento tan desmesurado nas tarifas de prezos, nunha época onde toda a economía estivo e está a rebaixalos.
Os salóns que non trasladaron a subida, sufriron fortes resultados negativos na súa recadación, véndose obrigados, en moitos casos, ó peche da actividade.

Dicir, a efectos aclaratorios, que o marxe medio de beneficio dun salón é inferior o 13%.

As cifras xerais son moi preocupantes. Durante 2013 cerráronse mais de 8.000 salóns en España e perdéronse 20.000 postos de traballo. As previsións para o 2014 apuntan a una nova perdida de 5.600 empresas e a outros 14.000 empregos directos. En dous anos, este sector reduciuse nun 28% co conseguinte impacto colateral en outros sectores (empresas de subministracións de produtos, aparatoloxía, mobiliario, etc.) Mentres tanto, recentemente (xaneiro 2014), o Goberno anunciou a rebaixa impositiva do 21% au 10% nas transacións de obxectos de arte e anticipa unha rebaixa do IVE cultural, como medida para incentivar o seu consumo aludindo a que é moi importante para a economía española.


O noso entender, o sector da perruquería non só é relevante dende o punto de vista numérico, que o é e moito, senón tamén dende o punto de vista social. Forma parte do tecido empresarial do país, é un sector de pequenos empresarios e emprendedores que manteñen, aínda hoxe, un número importante de empregos e que ademais, é dos pouco sectores que están rexentados por mulleres na súa practica totalidade.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguinte

ACORDO

 O Concello de A Pobra do Caramiñal insta ó Goberno do Estado a reconsiderar a aplicación do tipo xeral do IVE do 21% aos servizos de perruquería, volvendo á aplicación do tipo reducido do IVE do 10%.

A Pobra do Caramiñal, 12 de maio de 2014.