viernes, 18 de diciembre de 2015

Apuntes sobre o Pleno Extraordinario do 17/12/2015

Onte vivimos un novo capitulo máis do esperpento no que se está convertendo a vida política pobrense. Unha vez máis, o Goberno de Nos Pobra deunos  mostras do seu estilo político, a nova política segundo eles, que unicamente está baseado na falta de diálogo, nos incumprimentos dos compromisos alcanzados e na volatilidade das súas opinións.
Onte non nos quedou máis remedio, a todos os partidos políticos que compoñemos a oposición, que marcharnos do Pleno. Fómonos porque, unha vez máis, Nos Pobra volveunos a enganar traendo unha proposta para os plans de Deputación que non fora acordada coa oposición, tal e como se comprometeron desde Nos Pobra.
Hai xa algunhas semanas, o Alcalde convocou unhas reunións co resto dos partidos co obxectivo de realizar unha proposta común para os Plans de Obras e Servizos (POS) e ao Plan de Acción Social (PAS). Todos presentamos as nosas propostas, como eran moitas e o seu custo seguramente superaba o que establecían os plans se comprometeu o Alcalde para convocar unha terceira reunión na cal xa se terían valorados as propostas e así se elixirían as máis apropiadas.
Cal foi nosa sorpresa cando o que recibimos foi a convocatoria do pleno cunha documentación que consideramos errónea ou polo menos incompleta. Unha vez máis, vemos que lles colleu o touro. Unha vez máis vemos a improvisación e a chapuza na tramitación dos proxectos. Unha vez máis, vemos que non podemos xulgar ou valorar adecuadamente os proxectos. Unha vez máis vemos que o Concello quere pagar os gastos que corresponden a outras administracións como pode ser a Xunta de Galicia. Unha vez máis, tropezámonos coa falta de diálogo, coa nula vontade de negociar, coa imposición baseándose na falta de tempo porque hoxe é o último día para presentar os proxectos.
Isto está a ocorrer constantemente, este é o sello deste Goberno que pretende gobernar coma se tivese maioría absoluta e non a teñen. Son sordos por que non escoitan a quen quere falar con eles, son mudos porque se negan ao diálogo e ao acordo, son cegos por que non ven que nos están levando á paralización do Concello.
Onte levantámonos porque estamos fartos desta forma de facer política, porque nos enganaron e volvemos por responsabilidade, porque os cidadáns non deben de pagar a ineptitude destes que nos están gobernando.

Hoxe veremos como saen nas redes sociais dándose golpes no peito e dicindo que malos somos a Oposición deste pobo, volverán tentar polarizar á poboación, pero a responsabilidade é do goberno e de quen quere gobernar.