viernes, 19 de julio de 2013

O PLADIGA 2013 (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia)

Denunciar a absoluta falla de previsión amosada pola Consellería do Medio Rural no operativo de extinción de incendios. O concello da Pobra non conta con persoal suficiente no comezo do período de alto risco de incendios e con altas temperaturas.

A día de hoxe, as vacantes están aínda sen cubrir, e o convenio co concello aínda sen contratar. Isto é unha temeridade xa que, estamos a ter un verán de alto risco de incendios debido ás altas temperaturas, malia que non se fixo ningún tipo de prevención logo dun inverno de moita chuvia.

Tanto a Consellería de Medio Rural, como o Concello enviarán unha mensaxe de tranquilidade cando se sabe que a día de hoxe non ten contratado ao operativo a través de convenio co concello.

Esta situación, insiste na privatización do servizo e en pretender trasladarlle un problema aos concellos dunha responsabilidade e competencia que é da consellería, como é a prevención e extinción de incendios, sen garantir recursos económicos e en base a uns convenios con fondas dúbidas legais.
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.7 do R.O.F., formula ante o Pleno Corporativo para a súa contestación a seguinte
PREGUNTA:
O PLADIGA 2013 ( Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia ), establece como medios adscritos ao citado Plan, entre outros, os medios propios da Administración Local mediante convenios firmados entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e os Concellos de Galicia, para participar en tarefas de prevención e tamén, a través da participación directa en extinción dos incendios que se produzan no monte. O noso Concello parece ser que está adscrito ao citado convenio.
Por todo elo:
¿Con que medios humanos e materiais participamos ?
¿Cal e o custe total do operativo para as arcas municipais ?
A Pobra do Caramiñal, 18 de xullo de 2013.



jueves, 18 de julio de 2013

SOLUCIÓNS PARA OS EMIGRANTES CON PENSIÓNS DO EXTERIOR

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción en relación co colectivo de beneficiarios de pensións do estranxeiro.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS



Dende o pasado mes de marzo aproximadamente, milleiros de pensionistas galegos que perciben pensións de outros países, están sendo notificados por Facenda para que presenten declaracións complementarias da renda dende o ano 2008.



Moitos xa recibiron varias notificacións e unha vez presentadas as declaracións complementarias empezan a comunicarlles tamén as sancións.



Estamos ante reclamacións de pensións de países como Alemaña, Francia, Suíza, Bélxica, etc., pensións que en moitos casos nos países de onde proveñen están exentas de tributar pola súa contía, pensións que non supoñen máis que 800-900 euros ao ano, que para coñecer o seu importe total as persoas afectadas teñen que ir as súas entidades bancarias e sumar as cantidades percibidas durante o ano anterior porque ningún organismo oficial deses países comunica cada ano a contía da pensión a percibir nin teñen ningún tipo de retención.



Reclamacións que si sumamos a complementaria máis as sancións por non habelas declarado no seu día poden chegar a cifras de 12.000 ou 15.000 euros, para as que a Facenda estatal dá uns prazos de devolución moi curtos e ademais con intereses.



A información oficial é confusa sobre quen ten a obriga de declarar, e sobre os procedementos, de feito ata agora era habitual que nas propias delegacións da facenda estatal se lles comunicase aos pensionistas que as pensións  estranxeiras non tiñan que declaralas e o feito constatable de que están recibindo por milleiros as reclamacións confirma que a meirande parte dos pensionistas entendían que non era obrigatorio declarar estas pensións.



Mesmo hai sentenzas xudiciais que así o entenden, pero a pesares disto están chegando máis e máis notificacións e cando un contribuínte recibe a reclamación de 1 ano e, voluntariamente e para demostrar que non houbo intención de ocultar estes ingresos á facenda, trata de entregar as complementarias dos demais anos que lle poden reclamar, xa están notificándolle dende a Facenda o seu requirimento, evitando así que poida "librarse" da sanción por non habela presentado.



As persoas notificadas están sumidas nun mar de dúbidas, non só pola escasa e pouco clara información que reciben da facenda pública e a contradición evidente coas sentenzas xudiciais xa existentes, senón polo grave problema que lles supón un desembolso económico desa magnitude, cuns prazos tan curtos e con intereses, nun momento no que as economías familiares non son moi boiantes e mesmo as persoas con pensión en moitos casos son o principal sustento de moitos fogares.



A vía xudicial en persoas de idade avanzada, con custos de avogados, procuradores, taxas xudiciais engadidos aos custos de sancións e declaracións complementarias non se rebela como unha solución axeitada para estes casos.



Ante esta situación se está xerando unha grave alarma nas persoas pensionistas dado o elevado número de emigrantes que tivemos e que volvemos a ter en Galicia.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes 


ACORDOS:


1º.- Solicitar ao Goberno de España que Axencia Tributaria (AEAT) exima dos expedientes sancionadores ás persoas afectadas.

2º.- Solicitar do Goberno de España e do Goberno de Galicia que a información que se traslade desde a AEAT a estas persoas sexa transparente, sinxela e homoxénea.



A Pobra do Caramiñal, 06 de xullo de 2013.


RECORTES NO CENTRO DE SAÚDE





Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.7 do R.O.F., formula ante o Pleno Corporativo para a súa contestación a seguinte
PREGUNTA:
A política de persoal que segue o Servizo Galego de Saúde ten consecuencias nefastas para toda a cidadanía, política que consiste basicamente en non contratar persoal substituto de maneira habitual ou que cando se fai, faise de xeito precario. De feito, as ferramentas, que no seu día se crearon para situacións excepcionais, na actualidade utilízanse de xeito habitual, e o que se ten convertido en excepcional é que se contrate un/unha traballador/a substituto/a.
O bloqueo das axendas de persoal facultativo e de enfermería, a distribución de tódalas citas entre o persoal que queda no centro son agora a maneira de cubrir, ou máis ben de non cubrir, as ausencias por vacacións, baixas, permisos, etc.
É evidente que esta xestión do persoal do SERGAS fai que os pacientes, usuarios da sanidade pública, teñamos que padecer as consecuencias xa que se crean listas de espera, tardando días e incluso mais dunha semana para ir ao médico de cabeceira. É algo que se pode comprobar xa a día de hoxe, un de xullo, no noso centro de Saúde onde faltan dous médicos, o pediatra e tres enfermeiros.
Por todo elo:
¿Ten pensado facer algo o goberno municipal para que aos veciños non lle afecten os recortes do persoal do centro de saúde?
¿Por qué non se lle esixe ao SERGAS que substitúa o pediatra?
¿Por qué se permite desde a institución municipal a discriminación aos pais/nais deste pobo que teñen nenos menores de tres anos e teñen que acudir aos pobos limítrofes para levar aos nenos ao pediatra?
¿Por qué este goberno municipal soamente fala dun futurible inmoble dedicado a centro de saúde e non se preocupa de dotar o existente de recursos humanos.
A Pobra do Caramiñal, 01 de xullo de 2013.