sábado, 4 de julio de 2009

MOCIÓN EN FAVOR DA GRATUIDADE.


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción polo dereito a un modelo educativo público, de calidade, universal e gratuíto e con libros de texto gratuítos para todos e todas.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os socialistas sempre temos defendido a implantación na sociedade de dereitos cidadáns universais. A Educación e a Sanidade son un claro exemplo e así o entende a grande maioría da sociedade galega. Así pois, ao igual que defendemos un modelo de sanidade pública de calidade, universal e gratuíto para todas e todos, tamén defendemos un sistema educativo público de calidade, universal e gratuíto para todos e todas.

Os socialistas, no pasado mandato, conseguimos dar un grande avance cara a consecución dun sistema educativo que cumprira as esixencias de calidade e universalidade, pero tamén cara á súa gratuidade como dereito dos cidadáns. Así, os socialistas conseguimos implantar en tan só catro anos en todos centros sostidos con fondos públicos, e en todos os niveis do ensino obrigatorio, un programa de gratuidade de libros de texto para todos e todas.


O actual goberno do Partido Popular, na súa obsesión por borrar todos os logros do goberno anterior, e porque ideoloxicamente sempre creeu máis nos sistemas de beneficencia que nos dereitos dos cidadáns, está a acometer unha actuación sen precedentes no sistema educativo público do noso país. O Partido Popular pretende dar un paso atrás sen parangón en materia de dereitos cidadáns e eliminar o programa de gratuidade dos libros de texto, medida que foi no seu día a mellor valorada pola sociedade galega das tomadas polo noso goberno.

O Partido Popular pretende levar adiante u auténtico paso atrás en materia de dereitos cidadáns, e ten anunciado a supresión do dereito a unha educación gratuíta. Eso si, anuncio realizado cando os centros xa estaban baleiros e o curso escolar rematado, para así tratar de impedir a contestación social da comunidade educativa e da sociedade galega en xeral. É dicir, o fixeron con nocturnidade e alevosía. Ademais, impediron cos seus votos as iniciativas impulsadas no parlamento galego instando á Xunta de Galicia a continuar co programa de gratuidade de libros de texto no ensino obrigatorio.



Deste modo, o Partido Popular, cun modelo que recorda tristemente a antiga beneficencia, pretende suprimir a gratuidade dos libros de texto a máis do 75% das familias galegas. Esta reducción de dereitos tórnase desgraciadamente máis evidente nunha época de crise económica que afectará ás nais e pais que en setembro terán que mercar os libros de texto dos seus fillos e fillas.

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

1.-Rexeitar o novo sistema de apoio á compra de libros de texto proposto polo goberno galego, xa que significa deixar fóra das axudas ó 75% das familias galegas con fillos/as en idade escolar.

2.-Instar á Xunta de Galicia a continuar co modelo de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio implantado na pasada lexislatura na procura dun sistema educativo universal, de calidade e gratuíto para todos e todas.

martes, 30 de junio de 2009

Ceferino Díaz visita ás obras da Ribeiriña e os veciños esixen ó Concello que regule o tráfico.

O deputado socialista no Congreso, Ceferino Díaz, visitou A Ribeiriña para comprobar o estado das obras que Costas está a desenvolver na zona.

Hai uns catro meses, o deputado socialista xa visitara esta zona para atender as demandas dos veciños que esixían a mellora da seguridade neste vial, con risco de derrube.

Agora, Ceferino Díaz tivo ocasión de comprobar o resultados dos traballos, a piques de finalizar, nos que Costas investiu máis de trescentos mil euros. Unha contía pequena, segundo o deputado, para unha obra tan importante para os veciños.

Os residentes están satisfeitos coa actuación aínda que destacan que quedan pendentes algunhas cuestións como a colocación dunha varanda de seguridade para evitar o risco de accidentes, sobre todo dada a cantidade de nenos que viven neste núcleo. Segundo informou Ceferino Díaz, esta actuación xa está contemplada e se desenvolverá nos próximos días.

Regulación tráfico

Outra das demandas formuladas polos veciños é a regulación do tráfico, ben nun só sentido ou limitando o acceso a residentes, compromiso que no seu día fora adquirido polo executivo local pero que non se chegou a cumprir.

Dende a agrupación socialista levarán a cabo diversas iniciativas a nivel municipal para instar ó goberno a cumprir o seu compromiso.

Reunión coa militancia

Seguidamente á visita das obras, Ceferino reuniúse cun bo número de militantes ós que lles espuxo algunhas das medidas do Goberno de Zapatero para loitar contra a crise. Falou con ganas, e o seu espiritu docente e didáctico converteu a xuntanza en interesante, amena e participativa. Mesmo serviu para abrir un pequeno pero interesante debate de carácter interno. Hai que agradecer "ó Cefe" ese espíritu de partido que o leva a coidar e achegarse ás bases. Como di el mesmo "é a miña obriga".É certo, pero algúns políticos deberían facer o mesmo. Facer partido é iso en boa medida. Gracias pola túa consideración Cefe, compañeiro e amigo.

domingo, 28 de junio de 2009

¡¡¡NORABOA Á CIDADE HERCULINA!!!


Dende o PSdeG de A Pobra do Caramiñal alegrámonos e felictitamos ós compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista coruñesa, a Javier Losada e o seu equipo e por extensión a todos os cidadáns. É unha ENORME noticia como ENORME é a Torre de Hércules.