sábado, 4 de julio de 2009

MOCIÓN EN FAVOR DA GRATUIDADE.


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción polo dereito a un modelo educativo público, de calidade, universal e gratuíto e con libros de texto gratuítos para todos e todas.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os socialistas sempre temos defendido a implantación na sociedade de dereitos cidadáns universais. A Educación e a Sanidade son un claro exemplo e así o entende a grande maioría da sociedade galega. Así pois, ao igual que defendemos un modelo de sanidade pública de calidade, universal e gratuíto para todas e todos, tamén defendemos un sistema educativo público de calidade, universal e gratuíto para todos e todas.

Os socialistas, no pasado mandato, conseguimos dar un grande avance cara a consecución dun sistema educativo que cumprira as esixencias de calidade e universalidade, pero tamén cara á súa gratuidade como dereito dos cidadáns. Así, os socialistas conseguimos implantar en tan só catro anos en todos centros sostidos con fondos públicos, e en todos os niveis do ensino obrigatorio, un programa de gratuidade de libros de texto para todos e todas.


O actual goberno do Partido Popular, na súa obsesión por borrar todos os logros do goberno anterior, e porque ideoloxicamente sempre creeu máis nos sistemas de beneficencia que nos dereitos dos cidadáns, está a acometer unha actuación sen precedentes no sistema educativo público do noso país. O Partido Popular pretende dar un paso atrás sen parangón en materia de dereitos cidadáns e eliminar o programa de gratuidade dos libros de texto, medida que foi no seu día a mellor valorada pola sociedade galega das tomadas polo noso goberno.

O Partido Popular pretende levar adiante u auténtico paso atrás en materia de dereitos cidadáns, e ten anunciado a supresión do dereito a unha educación gratuíta. Eso si, anuncio realizado cando os centros xa estaban baleiros e o curso escolar rematado, para así tratar de impedir a contestación social da comunidade educativa e da sociedade galega en xeral. É dicir, o fixeron con nocturnidade e alevosía. Ademais, impediron cos seus votos as iniciativas impulsadas no parlamento galego instando á Xunta de Galicia a continuar co programa de gratuidade de libros de texto no ensino obrigatorio.



Deste modo, o Partido Popular, cun modelo que recorda tristemente a antiga beneficencia, pretende suprimir a gratuidade dos libros de texto a máis do 75% das familias galegas. Esta reducción de dereitos tórnase desgraciadamente máis evidente nunha época de crise económica que afectará ás nais e pais que en setembro terán que mercar os libros de texto dos seus fillos e fillas.

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

1.-Rexeitar o novo sistema de apoio á compra de libros de texto proposto polo goberno galego, xa que significa deixar fóra das axudas ó 75% das familias galegas con fillos/as en idade escolar.

2.-Instar á Xunta de Galicia a continuar co modelo de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio implantado na pasada lexislatura na procura dun sistema educativo universal, de calidade e gratuíto para todos e todas.

No hay comentarios: