viernes, 11 de septiembre de 2015

MOCIÓN SOLICITANDO UNHA AUDITORÍA DA DÉBEDA E DE TODAS AS CONTRATACIÓNS ASÍ COMO A CREACIÓN DO PORTAL DE TRANSPARENCIA


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando unha auditoría da débeda pública e de todas as contratacións así como a creación e desenvolvemento do Portal de Transparencia Municipal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os concelleiros/ás e os cidadáns/ás en xeral teñen dereito a acceder a información veraz e contrastada da débeda do Concello, aos contratos celebrados ou pendentes de celebrar, así como o desenvolvemento destes e seu grao de cumprimento.

A transparencia debe de ser o obxectivo de calquera institución pública, é imprescindible romper a dinámica opaca das administracións, tamén a local que, en boa medida, xerou corrupción e deteriorou as institucións.

Os comportamentos clientelares obrígannos a romper coas prácticas imperantes na política da nosa localidade, encamiñándonos a procesos abertos, transparentes e participativos, nos que quede claro, que non hai nada que agochar.

É necesario ter coñecemento da realidade económica e dos datos contables do noso Concello como primeiro paso para a posta en marcha de solucións, así como para saber cales foron as causas e os responsables do nivel de débeda que temos, sen prexuízo da obriga de dar resposta ás comprensibles dúbidas existentes na cidadanía en prol dunha maior transparencia das contas públicas. Para iso fanse necesarias unhas serie de medidas como son a creación dun Portal de Transparencia Municipal e a realización dunha Auditoría como forma transparente e fiable de coñecer, por esta Corporación e da cidadanía de A  Pobra  do Caramiñal, os datos da xestión realizada e da situación económico financeira da Pobra do Caramiñal.

A opinión cidadá reclama TOLERANCIA CERO contra a corrupción. E unha boa medida para loitar contra a corrupción, para recuperar a confianza dos cidadáns na actividade política e nas institucións públicas, é sen dúbida a transparencia na xestión. Transparencia especialmente naquelas áreas da xestión política que son máis susceptibles de soportar comportamentos afastados do interese xeral e en cambio con máis posibilidades de burlar a lei para beneficio de intereses privados ou particulares.

Sen dúbida os principais contratos que máis se prestan a prácticas irregulares son os contratos menores, sobre os que non existe obriga legal de publicación no perfil do contratante, e os realizados mediante o procedemento negociado sen publicidade.

Convén recordar a definición dos contratos menores segundo o Real Decreto Lei 3/2011 (Texto Refundido Lei Contratos do Sector Público) e que se encontra no artigo 138.3 parágrafo 2: "Considéranse contratos menores os contratos de importe inferior a 50.000 euros, cando se trate de contratos de obras, ou a 18.000 euros, cando se trate doutros contratos,". Fálase pois, de operacións que moven moitos millóns de euros ao ano nas Administracións en xeral e nos nosos concellos en particular, repartidos entre miles de contratos, con escaso ou nulo control político, e moito menos cidadán, debido á súa forma de adxudicación e á ausencia de obriga da súa publicación.

É evidente a necesidade de publicar os contratos menores como mecanismo de transparencia, e de loita contra a corrupción. Non facelo, ignorando as opinións dos expertos, o sentido común e a esixencia da cidadanía, poderíase interpretar como un síntoma claro de que hai algo que ocultar. Por outra parte, constitúen medidas sinxelas, que non implican gasto e que poden tomar os Concellos de forma autónoma.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:

1º Proceder a contratación dos servizos dunha empresa privada especializada para a realización dunha auditoría integral das contas do Concello de A Pobra do Caramiñal dos últimos 8 anos e das contratacións realizadas.

2º O concello de A Pobra do Caramiñal  comprométese ao abeiro da Lei de Transparencia, de acceso á información pública e bo goberno, á creación e desenvolvemento do Portal de Transparencia Municipal, integrado dentro da web do Concello de A Pobra do Caramiñal para a publicación nel da seguinte información en prol da transparencia ANTES DO 31 DE DECEMBRO DE 2015:

INFORMACIÓN SOBRE A CORPORACIÓN MUNICIPAL

1. Información sobre os cargos electos e o persoal do Concello:
·        Especificaranse datos biográficos do Alcalde  e dos concelleiros/as.
·        Especificaranse as direccións electrónicas do alcalde  e dos concelleiros/as.
·        Publicarase de forma completa a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello.

2. Información sobre a organización e o patrimonio do Concello:
·        Especificaranse os diferentes Órganos de Goberno e as súas funcións.
·        Especificaranse os datos básicos dos organismos autónomos, así como enlaces ás webs destes.
·        Publicarase de forma completa a Relación de Postos de Traballo (RPT).
·        Publicarase a relación de inmobles (oficinas, locais, etc.), tanto propios como en réxime de Arrendamento, ocupados e/ou adscritos ao Concello.
·        Publicarase o número de Vehículos oficiais (propios ou alugados) adscritos ao Concello.
·        Publicarase a relación de bens mobles de valor histórico-artístico e/ou os de alto valor económico do Concello.
·        Publicarase o inventario de Bens e Dereitos do Concello.
3. Información sobre normas e institucións municipais:
·        Publicaranse as ordes do día previas dos Plenos Municipais.
·        Publicaranse as actas dos plenos municipais.
·        Publicaranse as actas e acordos das Xuntas de goberno, (en tres meses da actual lexislatura, non recibimos ningunha os concelleiros/as).
·        Existirá e publicarase un "Código ético ou de bo goberno" do Concello (adaptado ao Código de bo goberno local aprobado por unanimidade dos grupos políticos na FEMP).
·        Gravaranse os plenos municipais en formato de audio/vídeo e colgaranse na páxina web municipal.
RELACIÓNS COS CIDADÁNS E A SOCIEDADE
1. Información e atención ao Cidadán:
·        Publicaranse os horarios e prezos dos establecementos culturais e deportivos municipais abertos ao público.
·        Informarase na Web sobre situación e cortes no tráfico e/ou incidencias nos servizos municipais.
·        Recollerase na Web información actualizada sobre a situación ambiental no municipio.
·        Existirán encontros dixitais coa corporación na Web municipal.
2. Grao de compromiso para coa cidadanía:
·        Elaborar e publicar un Regulamento de Participación cidadá no período máximo de catro meses.
2 TRANSPARENCIA ECONÓMICO-FINANCEIRA

1. Información contable e orzamentaria:
·        Publicaranse as alegacións formuladas aos Presupostos no período de información pública.
·        Publicaranse as Modificacións orzamentarias aprobadas polo Pleno.
·        Publicaranse os Presupostos dos organismos autónomos.
·        Publicaranse os seguintes indicadores financeiros e orzamentarios:
1.     Superávit (ou déficit) por habitante (Resultado orzamentario axustado / n.º de habitantes).
2.     Autonomía Fiscal (Dereitos recoñecidos netos de ingresos tributarios / Dereitos recoñecidos netos totais).
2. Transparencia nos ingresos e gastos municipais:
·        Difundiranse os seguintes indicadores, relacionados cos ingresos e gastos da Corporación:
1.     Ingresos fiscais por habitante (Ingresos Tributarios / n.º de habitantes).
2.     Gasto por habitante (Obrigas recoñecidas Netas / n.º de Habitantes).
3.     Investimento por habitante (Obrigas recoñecidas Netas (Cap. VI e VII) / n.º de Habitantes).
4.     Período medio de pagamento (Obrigas pendentes de pagamento x 365 / Obrigas recoñecidas Netas).
5.     Período medio de cobro (Dereitos pendentes de cobro (Cap. I a III) x 365 / Dereitos recoñecidos netos.
3. Transparencia nas débedas municipais:
·        Publicarase o importe da débeda pública municipal.
·        Facilitaranse datos sobre a evolución da débeda en comparación con exercicios anteriores.
·        Divulgaranse os seguintes indicadores:
1.     Endebedamento por habitante (Pasivo esixible (financeiro) / n.º de habitantes).
2.     Endebedamento relativo (Débeda Municipal/Presuposto total Concello).


TRANSPARENCIA NAS CONTRATACIÓNS DE SERVIZOS

1. Procedementos de contratación de servizos:
·        Informarase sobre a composición, forma de designación e convocatorias das Mesas de Contratación.
·        Publicaranse as Actas das Mesas de Contratación.
·        O Concello de A Pobra do Caramiñal absterase de invitar aos procedementos de contratación de servizos ás persoas físicas e a empresas das que sexan responsables persoas físicas que estean imputadas ou condenadas por fraude fiscal, por estafa fiscal ou por algúns dos delitos relacionados coa corrupción.
2. Relacións e operacións con provedores e contratistas:
·        Publicarase a lista e/ou a contía das operacións cos provedores do Concello.
·        Publicarase a lista e/ou a contía das operacións cos adxudicatarios e contratistas do Concello.

TRANSPARENCIA EN MATERIAS DE URBANISMO E OBRAS PÚBLICAS.

1. Plans de ordenación urbana e convenios urbanísticos:
·        Haberá unha sección visible na Web dedicada ao Urbanismo.
·        Estará publicado o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
·        Publicaranse as modificacións aprobadas do PXOM
2. Decisións sobre recalificacións e adxudicacións urbanísticas:
·        Publicarase información precisa dos Convenios urbanísticos do Concello.
·        Publicarase información precisa dos plans parciais sobre os usos e destinos do chan.
3. Anuncios e licitacións de obras públicas:
·        Publicarase información precisa da normativa vixente en materia de xestión urbanística do Concello.
·        Publicaranse os proxectos, os pregos e os criterios de licitación das obras públicas máis importantes.
·        Publicaranse as modificacións dos proxectos das obras máis importantes.
4. Información sobre concorrentes, ofertas e resolucións:
·        Publicarase o listado de empresas que concorreron á licitación das obras públicas.
·        Publicarase o nome das empresas que realizaron as obras de urbanización máis importantes.
5. Seguimento e control da execución das obras:
·        Achegarase información precisa sobre cada unha das obras máis importantes de infraestrutura que estean en curso (obxectivos da obra e responsable municipal; contratista/s; responsable/s; importe presupostado; período de execución).
·        Publicarase a data concreta prevista para a finalización das obras municipais máis importantes, ou ben a data concreta de inicio e prazo de execución das devanditas obras.
·        Difundirase periodicamente (polo menos trimestral) información sobre as obras de infraestrutura realizadas e/ou as aprobadas pendentes de execución (informes, comunicados, notas de prensa, etc.).
6. Indicadores sobre urbanismo e obras públicas
·        Divulgaranse os seguintes indicadores:

1.     Investimento en infraestruturas por habitante (Gastos do exercicio (executados) en investimento en infraestruturas / n.º de habitantes).
2.     Porcentaxe de ingresos derivados do urbanismo / Presuposto total de ingresos.
3.     Porcentaxe de gastos derivados do urbanismo / Presuposto total de gastos.

INDICADORES NOVA LEI DE TRANSPARENCIA.

1. Planificación e organización do Concello:
·        Publicaranse Plans e Programas anuais e plurianuais nos que se fixen obxectivos concretos, así como as actividades, medios e tempo previsto para a súa consecución.
·        Publicarase un Organigrama actualizado que permita identificar os responsables dos diferentes órganos.
2. Contratos, convenios e subvencións:
·        Publicaranse todos os Contratos formalizados, con indicación do obxecto, o importe de licitación e de adxudicación, o procedemento utilizado, os instrumentos a través dos que no seu caso se publicitaron, o número de licitadores participantes no procedemento e a identidade dos adxudicatarios.
·        Publicaranse as modificacións dos Contratos formalizados.
·        Publicaranse trimestralmente os contratos menores formalizados, detallando o contido do contrato, o adxudicatario, contía e período deste, ou polo menos de forma agregada (n.º de contratos e importe global).
·        Publicaranse datos estatísticos sobre a porcentaxe en volume orzamentario de Contratos adxudicados a través de cada un dos procedementos previstos na lexislación de contratos do sector público.
·        Publicaranse a relación dos Convenios subscritos, con mención das partes asinantes, o seu obxecto e no seu caso as obrigas económicas convidas.
·        Publicaranse as Subvencións e as axudas públicas concedidas con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios.
3. Altos cargos do Concello:
·        Publicaranse as retribucións percibidas polos Altos cargos do Concello.
4. Información económica e orzamentaria:
·        Publicaranse os Presupostos do Concello, con descrición das principais partidas e información actualizada sobre o seu estado de execución.
·        Publicaranse as Contas Anuais / Conta Xeral do Concello (Balance, Conta de Resultado económico-patrimonial, Memoria e liquidación do presuposto).
·        Publicaranse os informes de Auditoría de contas e os de Fiscalización por parte de Órganos de control externo (Cámara ou Tribunal de contas), do Concello e das entidades do sector público municipal.
A Pobra do Caramiñal, 09 de setembro de 2015.




Mª Teresa García Guillán



ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL