miércoles, 10 de septiembre de 2014

MOCIÓN SOLICITANDO ARRANXOS EN LAMAS E ANDRÉS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando melloras na Urbanización de Lamas e Andrés.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os veciños do Lamas e Andrés levan moitos anos demandando que se inverta e mellore o entorno do seu barrio porque entenden que teñen os mesmos dereitos que o resto de cidadáns aos que se lle mellora a calidade de vida. Non lles parece una situación adecuada a que sofren estas familias porque pagan os seus impostos e taxas municipais como os que máis. Resúltalle incomprensible como un barrio que está situado a escasos metros da Casa Consistorial, non ten prioridade nin é do máximo interese do goberno municipal cando está en risco a integridade das persoas e as obras de mellora teñen un custe moderado, máxime cando se executan obras de menor interese social, de moito maior custe e que ao longo dos anos teñen prioridade na axenda da Institución Municipal.
Os residentes, mellor que ninguén, saben das carencias que son necesarias arranxar pero senten que pese as reunións mantidas co Alcalde e aos numerosos escritos presentados por rexistro que non se lles ten en conta.
É competencia municipal manter en bo estado de conservación os bens de uso e dominio público sexan vías urbanas ou rurais.
Este barrio conta con numerosos nenos que xogan en condicións de risco para as súa integridade física. Se lle prometera a construción dun parque infantil no espazo que a promotora da urbanización deixou destinado, argumento corroborado polo Alcalde nos medios de comunicación, onde textualmente dicía: “ se acondicionará el parque público dejando en medio el triángulo de terreno que pertenece a una vecina” (Ano 2007)
Este espazo serve na actualidade para que os cans vaian defecar. En calquera caso os cans mexan e os nenos xogan no lugar polo que existen verdadeiros riscos de enfermidades. Senten que os cans son os amos e en pleno verán magnifícanse as consecuencias polas altas temperaturas e o aumento da poboación.
Necesítanse máis xardíns, máis columpios e xogos infantís e menos rúas con buratos.
A pista polideportiva en vez de ser un lugar seguro de lecer e unha instalación defectuosa e decadente, é o espazo idóneo para que calquera día ocorra un accidente.


O camiño polo que acceden os nenos a pista de Raquel Soler non reúne condicións de paso.


As beirarrúas están cedendo despois de que se fixeran as canalizacións de gas natural, e inundase un garaxe.


Os solares adxacentes aos edificios de nova construción están cheos de maleza que serven para depositar incluso entullos de obras. Se o Concello ten a obriga de manter en boas condicións os terreos de titularidade municipal o consistorio debería trasladar aos propietarios do resto de solares a obriga de facer o mesmo, e no caso de que estes incumpran será a Administración quen execute as obras e pase posteriormente a factura.
A sinalización vertical é insuficiente, frecuentemente hai atrancos nas estreitas rúas.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:
Executar un Plan de mellora na urbanización Lamas e Andrés que consistirá como mínimo en:
1.     Na construción dun parque público e mentres non se faga, manter o solar limpo en condicións de hixiene e seguridade.
2.     Subir e reparar a rede perimetral da pista deportiva.
3.     Completar a sinalización vertical.
4.     Instar a limpeza dos solares colindantes aos edificios.
5.     Mellorar o acceso a pista de Raquel Soler.
6.     Arranxar o firme das rúas, reparar as beirarrúas e poñer canalizacións para evitar que as augas entren no garaxe dunha das edificacións.

A Pobra do Caramiñal, 06 de setembro de 2014.


MOCIÓN SOLICUDE DE ARRANXO PETÓN LOMBA

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando o arranxo da estrada do Petón a Lomba e a limpeza doutros lugares públicos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os camiños públicos son bens de uso e dominio público. É competencia municipal mantelos en bo estado de conservación sexan vías urbanas ou rurais.
A mala conservación da rede viaria ten consecuencias prexudiciais na seguridade viaria, nos custes de reparación dos vehículos, na nosa seguridade e na contaminación.
Na estrada que vai do Petón a Lomba que desemboca na estrada AC-305 necesita unha mellora urxente do firme xa que está moi deteriorado e nunha situación de progresivo deterioro con gran número de buratos e socavóns no chan.
En maio do ano 2010, traía a Pleno unha moción na que os veciños da Mercé reivindicaban un camiño que tiña continuidade entre o pazo da Mercé e a punta da Mercé. Con posterioridade fíxose unha senda que comunica os dous lugares pero que na actualidade está chea de maleza  o cal impide aos numerosos veciños que acoden as praias acceder con seguridade.
Outra cuestión salientable son os accesos as praias da zona que merecen unha mellor atención e coidados.
No ano 2009 a Demarcación de Costas fixo un muro de contención na Ribeiriña co fin de estabilizar o terreo para evitar derrubes nunha zona onde erosiona o mar fortemente e corrían perigo as vivendas próximas. Desde entón deixouse crecer libremente a vexetación nun noiro de gran altura, na actualidade as xestas invaden a beirarrúa e a varanda de aceiro que lle colocaron.
 Menos mal que somos un concello de interese turístico e que o alcalde non para de dicirnos que somos as praias de Compostela.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- O goberno municipal fará unha actuación urxente de acondicionamento do camiño do Petón a Lomba
2º.- Limpar a maleza da senda da Mercé e accesos as praias e do entorno.
2º.- Limpar a vexetación do noiro da Ribeiriña.

 A Pobra do Caramiñal, 18 de xullo de 2014.