lunes, 2 de enero de 2012

MOCIÓN ARRANXO INMEDIATO DO CENTRO DE SAÚDE

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando mellorar as múltiples deficiencias do centro de saúde.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Desde novembro do ano 2007 que o grupo municipal socialista ven solicitando que se faga o mantemento adecuado do centro de saúde xa que todos recoñecemos os graves defectos e deficiencias que presenta e que o grupo de goberno deste concello, ten que darlle unha solución urxente a todas esas carencias,(da maneira que sexa, finalizando a cesión do centro ao Servizo Galego de Saúde ou con outras formulas).

Neste inmoble non se traballa con obxectos nin con mercadorías, tratase de persoas e vidas humanas e que os graves defectos denunciados poden ocasionar incluso prexuízos na saúde laboral dos traballadores e un malestar crecente nos mesmos podendo interferir na adecuada prestación dos servizos aos usuarios.

É incomprensible que en doce anos de goberno non se fixera un Plan de necesidades do Centro, existindo unha desatención permanente e que continuemos falando de limpeza deficiente; falta de auga quente, desde fai anos, en tódolos despachos da planta superior; de humidades na sala de extraccións; de pintura descorchada tanto nas consultas como en urxencias; de que contan con dous baños e case sempre están avariados; de que as fiestras e cristais non se limparon en doce anos,…, ademais do estado deplorable do exterior do edificio e da baixada de calidade do material funxible..

Este goberno se ocupou de ofrecer a poboación un edificio novo en base a unhas expectativas partidistas esquecéndose de que o centro de saúde debería ofrecer un servizo de calidade e que os pacientes tiveran cumpridas tódalas expectativas como usuarios.

Recentemente recibiron no centro a visita dos técnicos de Prevención de Riscos Laborais, os cales quedaron abraiados polas deficiencias das instalacións e das condicións en que se presta a atención sanitaria. Se confeccionará un informe que elevarán aos seus superiores pero que ó non ser vinculante seguramente quedará arquivado en algún caixón.

Non só nos afectan as deficiencias estruturais senón que tamén nos prexudican os recortes que se veñen impoñendo desde a Comunidade Autónoma tales como a deficiente calidade do material de enfermería, desde as gasas ata a falta de otoscopio nalgún despacho, tendo que ir dunha consulta a outra, no caso de ter que explorar un oído ou unha garganta.

Tampouco se cobren as baixas e vacacións dos médicos e enfermeiros/as chegando a coincidir a totalidade do cadro de persoal médico 6 días durante 6 meses. Durante a pasada lexislatura, mentres o goberno socialista prevía o incremento da plantilla e a mellora do equipamento tecnolóxico, o PP masifica a atención primaria e paraliza as substitucións de profesionais para baixas ou permisos.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.- Que de maneira urxente se arranxen os desperfectos, tales como as humidades da sala de extraccións, a deficiente limpeza incluíndo as fiestras e cristais, a pintura de consultas e urxencias, os baños, dótese de auga quente os despachos da primeira planta,…., posto que tales deficiencias involucran a saúde dos pacientes.

2.- Instar a Xunta de Galicia para que adopte as medidas oportunas para que os usuarios da sanidade pública non vexan minguados os seus dereitos asistenciais.

A Pobra do Caramiñal, 02 de xaneiro de 2012.

No hay comentarios: