martes, 25 de mayo de 2010

ESIXIMOS MÁIS E MELLORES SERVICIOS SANITARIOS

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a solicitar a Xunta de Galicia que manteña o posto de Radiólogo de garda no Hospital do Barbanza..

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A Sanidade é un dos piares básicos do Estado do Benestar, un ben e un servicio que deberá mellorar e crecer, día a día, especialmente a Sanidade Pública, xa que está ó servicio directo de tódolos cidadáns.

As prestacións sanitarias a través dun servicio público de calidade ten sido sempre unha aspiración dos socialistas como factor fundamental de cohesión e de benestar social.

Froito diso impulsouse por parte dun Goberno socialista e aprobouse pola Cortes Xerais a Lei Xeral de Sanidade no ano 1986, o que universalizou en España a sanidade pública e gratuíta para o conxunto da poboación.

A iniciativa formulada pola Xunta de Galicia para que os hospitais comarcais do Salnés, Barbanza e Cee, compartan radiólogo de garda, nos parece unha medida que deteriora claramente a calidade asistencial, ademais de ser inxusta a distribución dos recursos, é que penaliza ós usuarios dos mesmos en relación cos hospitais das grandes urbes.

Considerando a importancia dos estudios radiolóxicos e o desenrolo das distintas técnicas, así como a utilización en medicina de urxencias da TAC, (Tomografía Axial Computarizada), para o diagnóstico entre outros de traumatismos craniais e accidentes vasculares cerebrais. A ECOGRAFÍA, (técnica que necesita a presencia física do radiólogo xa que ó usar os ultrasóns, non se obteñen imaxes que podan enviarse de forma telemática) e a súa capacidade de resolución para o diagnóstico diferencial nas patoloxías de orixe renal, biliar, pancreática e xinecolóxica é importante e decisiva.

Tendo en conta a importancia diagnóstica nas primeiras horas das enfermidades anteriormente descritas e que a falta de radiólogos en presencia física leva consigo a que no noso hospital en ningún momento se puideran mellorar as súas prestacións sanitarias, xa que a radioloxía intervencionista, básica en enfermidades do sistema circulatorio periférico, sería imposible de realizar.

A labor dun radiólogo consiste en supervisar o exame radiolóxico e interpretar a imaxe médica.

Considerando a gravidade de patoloxías como os hematomas cerebrais, hemorraxias subaracnoideas, zonas de contusión cerebral, presencia de corpos estraños e fracturas óseas craniais de difícil localización, a especificidade e a importancia diagnostica do TAC, para as mesmas, resalta a necesidade da presencia física do especialista en radioloxía.

Un técnico en imaxe non ten a formación específica para determinar que tempo e cortes se descartan ou son necesarios para chegar a un diagnóstico, xa que a técnica TAC consiste en múltiples cortes milimétricos tanto no plano saxital como transversal. Posiblemente esa falta de pericia profesional poda atrasar e diminuír a eficiencia da calidade asistencial, prexudicando ao paciente estudiado e os que permanezan en espera.

Non entendemos esta falta de sensibilidade da Xunta de Galicia cos habitantes da área de influencia do Hospital do Barbanza, cando existen centros de atención primaria dotados de equipos de radioloxía e ecografía.

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

Instar a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Sanidade a manter a presencia física nas gardas hospitalarias do Radiólogo no Hospital do Barbanza co obxecto de non recortar as prestacións sanitarias na nosa Comarca.

Pobra do Caramiñal, a 12 de maio de 2010

No hay comentarios: