miércoles, 5 de febrero de 2014

Moción relativa ao impacto da reforma laboral na muller

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa ao impacto da reforma laboral do Partido Popular na muller.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A reforma laboral posta en marcha polo Goberno do Partido Popular supuxo unha deterioración xeneralizada dos dereitos laborais porque opera sobre o modelo de contratación, abarata e facilita o despedimento, desregula as normas de garantía dos dereitos dos traballadores e traballadoras e reduce os custos laborais, a través da redución xeneralizada dos salarios. Créase así unha clase de traballadores pobres, onde as mulleres se levan, novamente, a peor parte.

A reforma laboral afectou gravemente ás clases traballadoras, golpeando con especial dureza os que se encontran en peor situación no mundo laboral, como é o caso das mulleres.

Hoxe podemos dicir, lamentablemente, que a reforma laboral acrecentou a discriminación por xénero no noso país. Os países que máis avanzaron nos últimos 50 anos son os que adoptaron políticas de igualdade, de formación e de saúde. O aumento da xornada, a redución do salario, a taxa de reposición cero, a precarización dos contratos para a formación, o denominado contrato para emprendedores e a precarización e desregulación do contrato a tempo parcial, xunto aos recortes en educación, en sanidade e en Dependencia afectan, grave e directamente, ao emprego das mulleres e ás súas condicións laborais.

A reforma laboral non só non afrontou os problemas de inestabilidade e temporalidade do mercado de traballo no noso país, senón que, pola contra, os ten vido a acentuar. A reforma laboral non só non evita o encadeamento de contratos con distintos traballadores e traballadoras para un mesmo posto de traballo, senón que supuxo a creación dun contrato indefinido con altas cotas de temporalidade, a eliminación, por desnaturalización, dos contratos de formación e aprendizaxe e a desregulación do contrato a tempo parcial.
O contrato para a formación quedou convertido nun contrato barato para o empresario,al supoñerlle un custo case simbólico, moi precario para o traballador e que vai afectar, en maior medida, ás mulleres, xa que o incentivo máis alto se dirixirá ás mulleres para condenalas a este tipo de contratación. Non só se aumenta a precarización do emprego das mulleres, senón que se intenta perpetuar esta precarización, podendo chegar a converterse nun caso de discriminación indirecta, xa que os datos veñen a confirmar que a reforma laboral supuxo a feminización deste contrato.

O denominado contrato de apoio a emprendedores é en realidade un contrato temporal encuberto de 364 días sen dereitos fronte ao despedimento; as bonificacións priman a contratación de traballadores que están a cobrar prestacións, especialmente se se trata de mulleres. Establécese así unha dobre discriminación aos que non perciben prestación, ás mozas que non tiveron aínda posibilidade de encontrar emprego, ou ás mulleres que esgotaron a prestación ou que traballaron de xeito intermitente sen chegar a poder cobrar a prestación por desemprego. Trátase dunha contratación feita case para as mulleres, que pode converterse nunha vía de contratación que máis que xerar emprego estable xere bonificacións indefinidas para o empresario por contratar, de forma temporal, as súas vítimas laborais, sen dereitos en relación coa extinción da relación laboral. Estamos a falar non xa de discriminación da muller no mercado de traballo, senón de discriminación superlativa recollida na propia regulación legal e contraria, ao artigo 14 da nosa Constitución.

A reforma laboral precariza tamén o contrato a tempo parcial, maioritariamente asinado con mulleres, sen cotización ao desemprego das horas extraordinarias, deixando, ademais, en mans do empresario un 5% da xornada para a súa distribución  irregular.

Ademais, a modificación substancial que se levou a cabo das condicións laborais e a mobilidade xeográfica se ben afecta a todos os traballadores, de xeito moi especial, faino respecto ás mulleres, e estase a utilizar como instrumento para expulsar de forma indirecta a traballadoras embarazadas ou durante a crianza.

Este Goberno e a súa reforma laboral deixaron sen contido nin función a negociación colectiva. Con iso, ademais de debilitarse a correlación de forzas na relación laboral, en prexuízo dos traballadores, de xeito moi especial para as mulleres, como traballadoras moi vulnerables, dinamitouse a Lei de igualdade no ámbito laboral. Unha realidade que, xunto ás políticas de recorte de gasto público e á diminución dos servizos públicos destinados ao coidado das persoas e ao fomento da corresponsabilidade, redundan nunha importante paralización e retroceso en materia de conciliación e por ende na situación das mulleres.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral retribuído realizouse no noso país sen resolver o conflito que supón traballar fóra de casa e atender as responsabilidades familiares, sendo as mulleres que asumiron maioritariamente a dobre tarefa dende o principio. Durante os gobernos socialistas, e, particularmente, durante o Goberno do Presidente Rodríguez Zapatero producíronse importantes avances en corresponsabilidade e afondouse na imprescindible necesidade de contar con infraestruturas sociais que fixesen posible tal conciliación, evitando, sobre todo, a súa conversión, non só nun problema, sino, ademais, nun problema exclusivo das mulleres. Quedaba un bo camiño por percorrer para lograr o obxectivo de eliminar o problema da conciliación da lista de discriminacións que viñan sufrindo as mulleres no ámbito laboral, pero empezábanse a adoptar medidas moi importantes que apuntaban cara a ese obxectivo.

Hoxe, non obstante, nun prazo moi pequeno de tempo, encontrámonos cos resultados, unha vez máis demoledores para o social, dunha política máis do Partido Popular, neste caso, os derivados da aplicación da súa reforma laboral: empregos con baixos salarios, entre os que afecta, especialmente, o das mulleres.

Hoxe no noso país, un 16% das mulleres traballadoras cobra menos do salario mínimo interprofesional, fronte a un 6% dos homes. Un 39% das mulleres gaña entre unha e dous veces o salario mínimo interprofesional, fronte ao 29% no caso dos homes. As mulleres traballadoras supoñen o 70% dos que gañan menos do salario mínimo interprofesional e o 54% dos que gañan dunha a dous veces o salario mínimo interprofesional; iso si, só o 29% dos que gañan de sete a oito veces o salario mínimo interprofesional e só o 26% dos que gañan oito veces ou máis o salario mínimo interprofesional.

Galicia non é allea a esta clara e grave situación de desigualdade e, de feito, os últimos datos publicado polo INE relativos ás diferenzas salariais entre homes e mulleres son aínda máis preocupantes polo mero feito de que a nosa Comunidade Autónoma está a cola, xunto con Canarias e Extremadura, no que a salarios se refire dentro do conxunto do Estado. Polo tanto, a situación na que se atopan moitas mulleres é intolerable, ademais de profundamente inxusta, discriminatoria e aínda máis precarizada que no resto de España. E iso, sen falar do desemprego, que en Galicia segue a subir (un 0,15% en outubro e un 0,98% en novembro) fronte ao que acontece no conxunto do Estado no cómputo interanual, e cunha incidencia tamén maior no caso das mulleres (139.477 mulleres demandantes de emprego  fronte a 128.748homes).

O Goberno do Partido Popular e a súa reforma agravaron os factores laborais que determinan a priori o groso da desigualdade salarial indirecta a través da xornada, a ocupación laboral, o tipo de contrato, o sector ou a antigüidade. O recorte no gasto público sen plans de igualdade, sen negociación colectiva, cunha correlación de forzas completamente debilitada supón un grave retroceso na loita contra a discriminación de xénero no ámbito laboral.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º. Instar ao Goberno central a derrogar a Lei 3/2012, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral.

2º. Esixir aos Gobernos central e da Xunta de Galicia que recuperen as políticas activas de emprego específicas para mulleres, tendo en conta os grupos de idade e situacións desfavorecidas, como o fomento da contratación en colectivos de mulleres formadas pero sen experiencia laboral, o desenvolvemento de prácticas non laborais asociadas á formación de empresas innovadoras ou a reciclaxe de mulleres con experiencia laboral pero que carecen da formación que hoxe se demanda, entre outras.

3º. Instar ao Goberno central e da Xunta a fomentar a elaboración de programas de formación en orientación e técnicas de busca de emprego.

4º. Esixir a todas as administracións, a través da negociación colectiva e mediante un Plan de Igualdade que corrixa as desigualdades existentes entre mulleres e homes, o estrito cumprimento da Lei de Igualdade no eido público correspondente.


A Pobra do Caramiñal, 08 de xaneiro de 2014.

No hay comentarios: