miércoles, 15 de diciembre de 2010

PROGRESO E SOSTENIBILIDADE

A finais de novembro do presente ano, Augas de Galicia dou resposta as alegacións presentadas polos veciños e polo Grupo Municipal Socialista, en relación ca ampliación do polígono industrial da Tomada e ca derivación do rego do canal de Xunqueiras


Na resolución o ente recoñece que “deberán separarse as augas pluviais xeradas no ámbito do polígono das derivadas polo canal de Xunqueiras, evitando que por escorrenta cheguen augas a dito canal”.

Esta era unha das alegacións formuladas polos veciños e por este grupo político xa que unha das mesmas era que dito rego non ten o cauce suficiente para absorber as augas pluviais procedentes da impermeabilización de 100.000 m2.

Outra condición que Augas de Galicia impón é que “a canle deberá ter unha dimensións mínimas equivalentes á 1,30 x 0,80 m”. É dicir que amplían o caz de formigón prefabricado xa que o considerabamos de dimensións escasas.

Tamén din que “para proceder aos labores de conservación e mantemento da canle, no ámbito do polígono, é suficiente o ancho de 5 m. da zona de servizo”.

Ata aquí estamos de acordo con dita resolución pero o que nos parece alarmante e que “as augas pluviais producidas recolleranse mediante tubos e serán dirixidas cara a un pozo de tormentas e unha balsa de decantación a construír ao sueste do ámbito da ampliación, e posteriormente conducidas e vertidas a un afluente do río Morto.”

Tal afluente do río Morto é unha fonte chamada “Fonte da Pedra”, a cal non nace no límite da futura ampliación, senón que para que as augas cheguen a esa fonte antes teñen que pasar por propiedades que non teñen ningunha servidume. Por iso entendemos que hai un nulo respecto polos propietarios desas parcelas.

Outra cuestión é que se trata dunha fonte pequena, é un pequeniño rego e que ten uns pozos que se utilizan para o regadío. Este rego tampouco ten cauce para que podan circular as augas pluviais procedentes da impermeabilización de 100.000 m2.
O máis grave e fundamental é que o río Morto xa leva un caudal excesivo cando chove, desbordando na Pontenaveira e arrastrando a terra das fincas de labor que están o seu carón.

Por estas cuestións este grupo municipal volveu a alegar en tempo e forma e fai un chamamento para que cando o Plan Parcial da ampliación da Tomada estea a exposición pública, todas as persoas que teñan propiedades limítrofes co río Morto ou se vexan afectadas polas augas da fonte da Pedra, que fagan alegacións o proxecto, porque as Administracións deben respectar a todos os cidadáns e os seus bens. Si para desenrolar un proxecto fai falta máis inversión que invertan pero que non danen as persoas que xa están instaladas no medio.

Nós, os socialistas estaremos o lado dos veciños porque é preciso buscar solucións aínda que sexan máis custosas. O río Morto non ten capacidade para levar outra tanta cantidade de auga como a que está levando na actualidade cando chove. O paseo fluvial que se está construíndo non soluciona os problemas de enchentes augas arriba.

No hay comentarios: