sábado, 2 de enero de 2010

CONTINUAN OS ASOLAGAMENTOS NO RÍO MORTO E MACEIRAS SEGUE IMPASIBLE



Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción co fin de evitar os asolagamentos na Pontenaveira e no lugar de Río Morto.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Os veciños da Pontenaveira, e os que viven na confluencia entre a estrada do Camiño Ancho e a AC-302, (no lugar de Río Morto), levan anos sufrindo o desbordamento do Río Morto.

O Río Morto nunca dou problemas ata que se canalizaron as augas do polígono industrial da Tomada hacia o seu leito, e desde que se construíron a vía rápida, e a autovía.

Antigamente o Río Morto case non tiña caudal, e ó longo do seu percorrido tiña pozos de embalsado de auga cos cales se regaban as fincas de labor no verán. A presencia dun gran número de pozos de regadío, que se abastecían de pequenas fontes, son a evidencia do escaso caudal que levaba o río. A día de hoxe algunhas destas balsas xa desapareceron, e outras están a piques de destruírse debido a cantidade e a forza ca que circula agora a auga.

O problema dos desbordamentos e inundacións apareceron primeiro na Tomada, onde este río atravesa a estrada autonómica AC-302 por unha canalización moi antiga a base de pedras. Testemuña deste problema é un informe da policía local de data 23 de setembro de 2008, que relata como unha bodega estaba inundada.

Repetidamente, os veciños da Pontenaveira veñen sufrindo as inundacións cada vez que chove copiosamente. Este inverno son innumerables as veces que a brigada municipal de obras tivo que acudir o lugar para desatascar os tubos que atravesan a estrada de titularidade municipal da Pontenaveira.

Os veciños mostraron o seu malestar ao Sr. Tenente de Alcalde o pasado mes de novembro nunha reunión, na cal lle pediron unha solución inmediata, xa que lle está a producir danos nas casas, nas fincas que inunda, arrastrando todo tipo de sedimentos e noutras ocasións levando consigo a terra. A consecuencia e que se está prexudicando a economía das familias afectadas e que está deixando as leiras infértiles.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1º.- Que se obteñan os permisos pertinentes para limpar o Río Morto desde a Tomada ata a Pontenaveira, e que se franquee o curso do río en todo o seu percorrido.

2º.- Que se busque financiamento para substituír as canalizacións do Río Morto por outras de máis diámetro, ou por unha ponte, tanto a nivel da AC-302 como na Pontenaveira.

No hay comentarios: