martes, 2 de febrero de 2016

Moción para regular as actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando a elaboración dunha ordenanza municipal reguladora das actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A actividade madeireira ten suma importancia debido a que boa parte da superficie municipal está cuberta por especies forestais. Pero asemade, o 25% da poboación galega é propietaria de parcelas forestais, polo que a incidencia do monte nas economías familiares é moi importante, e cómpre darlle o valor que lle corresponde.

Ademais, o monte galego posúe unha elevada produtividade, grazas ó noso clima e á nosa terra, e isto xera unha manchea de potencialidades, que ben aproveitadas, poderían incrementar a produción de madeira, facer medrar as rendas das persoas propietarias, mellorar a xestión das empresas madeireiras, achegar produto de calidade para a industria transformadora, e con todo isto xerar máis valor, máis rendas, máis emprego e máis calidade de vida.

Para lograr todo isto é preciso virar a actual situación e camiñar cara a un novo paradigma de xestión sustentable do monte galego. E iso pasa por eliminar ou reducir os graves problemas que ten hoxe en día o sector, como son, entre outros, a escasa cualificación da man de obra, unha distribución de parcelas minifundista e irregular, ou os importantes impactos sobre a rede viaria municipal causados pola maquinaria forestal e os labores de extracción e carga da madeira.

Conscientes da importancia do sector, pero tamén preocupados polos custos que esta actividade xera nas infraestruturas locais, e polo tanto no conxunto da poboación, o lóxico sería regular con unha ordenanza os labores de xestión forestal no Concello, no que atinxa á conservación das vías e así promover unha xestión racional e sustentable dos espazos forestais.

A ordenanza pretendería acadar a adecuada protección dos recursos naturais e paisaxísticos, así como velar pola debida conservación das vías públicas de titularidade municipal, que poden ser obxecto de estragos por causa das operacións de plantación, corta e saca da madeira. É por iso que a ordenanza regularía a actividade extractiva de madeira no termo municipal, agás aquela que poida considerarse de autoconsumo.

Dita ordenanza debería recoller as operacións forestais que se desenvolvan no Concello e requiriría a presentación dunha comunicación previa, para informar da realización de actividades extractivas de madeira, e dunha fianza, para cubrir os posibles estragos que se produzan nas infraestruturas e no dominio público local.
E por elo, que solicitamos que o Pleno adopte o seguinte


ACORDO:

Elaborar unha ORDENANZA REGULADORA DAS ACTIVIDADES EXTRACTIVAS DE MADEIRA NOS MONTES E ESPAZOS FORESTAIS DO CONCELLO que tería por obxecto a regulación da actividade forestal consistente na corta e saca de madeira dentro do termo municipal, para facela compatible coa preservación do medio natural, dos bens municipais e da seguridade viaria. Esta ordenanza afecta aos actos que se desenvolvan e que teñan por obxecto a obtención de madeira e o seu transporte (operacións preparatorias da corta, desprazamentos de vehículos e maquinaria, construción de ramplas de acceso aos terreos, depósitos de madeira, transporte da madeira etc.). Con isto pretendemos facer compatible a liberdade de empresa e o desenvolvemento do sector forestal, coa preservación do medio natural, a conservación dos camiños e pistas municipais e coa seguridade viaria.

A Pobra do Caramiñal, 09 de xaneiro de 2016.

No hay comentarios: