En data 26/10/07 os Socialistas, denunciabamos nos medios de comunicación o mal estado das instalacións do campo de fútbol do Xobre. Naquel entón diciamos que a iluminación era insuficiente, os vestiarios escasos, con pouca hixiene e fallaba a auga quente. Afirmabamos que faltaba area no recinto de xogo e que afloraban pequenas pedras e que os rapaces se lesionaban frecuentemente.
Solicitabámoslle ó Concello que corrixira todas estas deficiencias e que planificara as actividades deportivas no campo da Alta.
Pasaron, nada menos, que dous anos e o concello fai caso omiso as reivindicacións feitas polos socialistas en nome do colectivo de usuarios do campo do Xobre, e o máis grave, que é incapaz de resolver e solucionar os problemas que afectan ao deporte da vila. Nos ofrecen a tódolos veciños uns cuantos titulares de prensa ca finalidade de convencernos e que pensemos que xestionan eficazmente.
O tempo transcorrido e as hemerotecas son testemuñas da ineficacia deste goberno municipal presidido polo Sr. Isaac.
Vai sendo hora de que o equipo de goberno se conciencie da necesidade de ofrecer alternativas a mais de 200 nenos/as que adestran no campo de fútbol Ramón Franco. Non ten xustificación posible que por ter en réxime de aluguer este campo de entreno non podan practicar deporte os usuarios. Mentres non se habiliten outras alternativas para o uso deportivo é imprescindible que os vestiarios do Ramón Franco teñan condicións hixiénicas e que os poderes públicos fomenten a vida saudable a través da practica deportiva, sen que elo lle supoña riscos e lesións aos usuarios.
É inconcibible que o concelleiro de deportes diga “ que se trata dun terreo de titularidade privada e pouco se pode mellorar”, ¿E que as persoas que teñen as vivendas en aluguer están ata destruílas por completo sen arranxar o deterioro que produce a vida diaria? ¿Potencia o PP comportamentos incívicos? As persoas que teñen responsabilidades públicas, como mínimo, deben ser prudentes cos seus comentarios e tratar de ser referente para as demais persoas a través dos feitos.
Por outra banda, é importantísimo advertir aos propietarios dos terreos que pretende adquirir o concello en Cadreche, e que din que os terán comprados antes de que acabe o ano, que cando fagan a escritura pública, ante Notario, procuren cobrar o pactado. Tan sinxelo como, o terreo para o concello e os cartos para o propietario. Recordarlle que o Alcalde declaraba o día 31 de outubro, hai 11 días, e dicía: “Gracias a deus que esta mañá recibimos cartos da Xunta e da Diputación e por elo podemos pagar a extra de Navidad”. Palabras textuais do rexedor, si teñen dificultades para pagar a nómina dos empregados do concello, dificilmente lle van a pagar aos propietarios os terreos que adquiran. Recordar as dificultades e os anos que pasaron para que a familia que vendeu os muíños da Ponte Barbanza puidera cobrar, se non denunciamos os socialistas aínda agora non tiñan cobrado.
Propuxemos hai un ano a alternativa da ampliación do campo da Alta. Esta opción era a máis económica para as arcas do concello que tan endebedadas están, e concentraría a práctica do fútbol (compatibilizada co atletismo) nun estadio multifuncional. Con esta decisión incluso se abarataría o mantemento das instalacións deportivas pois na actualidade o estadio da Alta xa conta con servicios municipais.
Desbotaron esta iniciativa sen negociar a viabilidade co Ministerio de Medio Ambiente nun derroche de absolutismo e prepotencia. A consecuencia: o abandono, a desidia, a despreocupación, a ineficacia do Sr. Isaac polo deporte deste pobo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario