La Voz de Galicia publica hoxe esta entrevista co noso querido amigo e artista Manolo Teira.
O artista afirma que as salas de exposicións teñen horarios aos que a xente non pode ir
- Autor:
- E. Otero.
Dende pequeno, Manuel Teira (Palmeira, 1954), tivo claro que quería ser artista, unha vocación que xurdiu, segundo el explica, para contrarrestar a gris sociedade de posguerra na que lle tocou pasar a súa infancia. Así, buscando un xeito de escapar da falta de motivación, atopouse coa literatura, a pintura e a escultura, as tres disciplinas que agora practica.
-¿Cómo foi o seu proceso de aprendizaxe?
-Aprendín de maneira autodidacta, con libros. Empecei por escribir, que é o que estaba máis a man; compoñía poemas. Un pouco máis tarde apareceu a pintura, que tamén era fácil de adoptar como elemento artístico. Foi a partir dos 18 anos cando empecei a tomalo todo máis en serio.
-¿Era difícil atopar libros de arte cos que guiarse?
-Imposible. Non había bibliotecas públicas na zona e as das escolas tiñan todas un corte político. Apañábame co que me traían os amigos e ía a Santiago ás exposicións. Tamén había un pintor na Pobra, Gono, que me causou gran impresión. Eu quedaba fascinado mirando a aquel home que non traballaba na fábrica, nin era obreiro; só pintaba nos seus lenzos.
-¿Cal é a súa disciplina favorita?
-A escultura converteuse na miña principal forma de expresión a partir de 1988, pero fago tamén algo de pintura. Na literatura publiquei sobre todo poesía, aínda que hai un tempo que empecei a explorar o mundo da narrativa.
-¿Que estilo artístico seguen as súas obras?
-Eu sempre tiven moi presente a figuración, aínda que con compoñentes abstractos e irónicos. Agora, en cambio, noto que a estou abandonando, tanto en pintura como en escultura, en favor dun expresionismo abstracto.
-¿Que materiais usa para as esculturas?
-Empecei con granito, que é o material máis abundante por aquí. Logo paseime ao mármore, que é o que máis uso actualmente, aínda que teño unhas poucas obras feitas de bronce.
-¿Está preparando algunha mostra?
-Traballo nunha para homenaxear ao escritor Anxo Rey Ballesteros. Tamén participarei na feira internacional de arte de Murcia.
-¿Canto lle leva organizar unha exposición?
-Para 15 pezas de escultura calculo que tardo uns 6 meses, a pintura vai máis rápido. É difícil facer máis de dúas exposicións ao ano.
-¿É posible vivir das súas obras?
-Non. Os artistas de Barbanza somos utilizados polos concellos, que nos usan como reclamo e logo abandónannos, porque ás salas de exposicións danlles horarios cos que a xente non as pode visitar. Tampouco hai tendencia a adornar as rúas e, cando se fai, as esculturas públicas elíxense a dedo. Debería haber un concurso público para os escultores, onde un xurado formado elixa ao artista que faga a obra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario