jueves, 26 de junio de 2014

Moción relativa a conservación, restauración e rehabilitación do Barrio dos Cataláns

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a conservación, restauración e rehabilitación do Barrio dos Cataláns.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O concello de A Pobra do Caramiñal conserva diferentes construcións fabrís, exemplo de arqueoloxía industrial, entre as que conta co primeiro polígono industrial de Galicia.
Esta infraestrutura denominada "Barrio dos Cataláns" data do século XVIII e está situada na zona costeira da praia "do Areal". A historia da súa construción deriva dos múltiples intentos de diversificación da economía galega que en esta localidade plasmouse en diferentes actividades como curtidos, fabricación de louza ou estaleiros e con maior intensidade os sectores da industria téxtil do lino e as fábricas de salgadura, estas últimas como intento de industrializar o sector pesqueiro.
En torno a 1750, ca chegada de empresarios cataláns para explotar industrialmente a conserva do peixe e marisco, desenrólanse novas artes de pesca e técnicas de conservación ao tempo que se inicia a construción de diversas factorías de salgadura ó longo do litoral galego. Xa no século XIX  prodúcese unha intensa activación da industria conserveira que sirve para relanzar a economía de Galicia.
Mostra destacada desta actividade é o anteriormente citado "Barrio dos Cataláns" ou "Barrio do Areal" por situarse na praia do mesmo nome. Este primixenio polígono industrial inclúe os restos das factorías así como a zona na que residían os empresarios e os traballadores da fábrica constituíndo unha importante mostra do inicio da arquitectura industrial en Galicia.
Nestes intres o Proxecto denominado “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal“, promovido pola Demarcación de Costas en Galicia, pertencente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e redactado polo enxeñeiro Don Patricio Aguilar Cavanillas, está exposto ó público na Casa do Concello da Pobra do Caramiñal, a fin de recoller alegacións dos particulares e das entidades, actuación imprescindible para a protección da fauna e flora da zona.
A través deste proxecto, que consta de dúas fases de actuación cunha inversión de 3,4 millóns de euros, rexenerarase a zona citada retirando terras contaminadas e protexendo a vexetación propia deste ecosistema nunha superficie aproximada de 3750 metros cadrados de bordes de canais e 24.780 metros de marisma. 
Sen embargo, a pesar da idoneidade desta actuación medioambiental, o proxecto contempla a construción dun posto de observación de aves na  zona onde se encontran as naves do "Barrio dos Cataláns" para o cal se demolerían varias das edificacións existentes.
O Proxecto denominado “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal”, tal e como se expresa na súa Memoria como nos seus Planos, prevé o derrubamento dunhas edificacións que se describen como ruinosas.

Non se trata de edificacións ruinosas, nin se trata de edificacións comúns. As naves que o proxecto prevé derrubar son as especificadas na FICHA Nº 91 do Catálogo de Edificacións e Bens a Protexer do Plan Xeral de Ordenación Urbanística da Pobra do Caramiñal, de tipoloxía edificatoria “Arquitectura industrial”.
AS NAVES TEÑEN “PROTECCIÓN AMBIENTAL”, e segundo o especificado polo Catálogo do Plan Xeral, polo que se permiten obras de Reestruturación, Rehabilitación, etc.. pero queda PROHIBIDA A SÚA DEMOLICIÓN
Forman parte xa da cultura de Galicia e con toda seguridade, constituíron fonte de inspiración para figuras destacadas da literatura galega como Valle Inclán ou Victoriano García Martí.
Ditos edificios culminan o Barrio polo sur dotados de gran elegancia e a súa importancia arquitectónica foi motivo dunha mención especial no Simposium Internacional de Patrimonio Cultural, celebrado en Santiago de Compostela, baixo a dirección de don Ángel Sicart, e publicado na Revista Especializada "R&R Restauración y Rehabilitación".
CANDO FALAMOS DO BARRIO DOS CATALÁNS FALAMOS DUN DOS PRIMEIROS POLÍGONOS INDUSTRIAIS DA COSTA ESPAÑOLA.

A propia empresa pública turística de Galicia (Turgalicia) inclúe o Barrio dos Cataláns como unha das VISITAS IMPRESCINDIBLES na Ría de Arousa. A demolición das naves que constitúen a fachada sur do Barrio deixaríano orfo polo seu flanco sur, prexudicándose substancialmente  o conxunto..

O Proxecto en cuestión prevé a construción dunha nova estrada/rúa, construída con base de formigón armado e remate superficial en macádam (asfalto común) de 7 metros de largo, alén das beirarrúas correspondentes, así como dunha ROTONDA de radio 14 metros, OCUPANDO unha Superficie de aproximadamente TRES MIL METROS (3.000 m2) cadrados DESVIRTÚA o Concepto de Rexeneración de Marisma.

Non se entende que coa escusa de rexenerar un territorio SE ASFALTE A PRAIA, é dicir, se proxecte unha estrada común, co deseño comunmente utilizado para calquera rúa ou estrada, é dicir, Urbano e Non Sustentábel. Os medios fan perder o fin.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguinte

ACORDO:

"O Concello da Pobra do Caramiñal insta ao Goberno do Estado, concretamente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a inclusión no proxecto de “Regeneración Ambiental del Ecosistema de las Marismas de A Xunqueira y la Playa do Areal”,  de cantas medidas sexan necesarias para a conservación, restauración  e rehabilitación do Barrio dos Cataláns do noso municipio como espazo cultural, aportando diversas alternativas:
-          Como un Espazo Cultural, en xeral
-          Como Museo da Conserva e da Salgadura
-          Como Centro de Interpretación da Caramiña e do Ecosistema da Xunqueira
-          Como Centro de Interpretación do Encaixe, dado que hai cen anos era o Caramiñal un centro importante desta arte/oficio
-          Ou recuperadas para todas estas artes, recuperando un edificio histórico e creando un centro de sinerxías e turismo de excelencia.

A Pobra do Caramiñal, 12 de maio de 2014.

No hay comentarios: