sábado, 29 de agosto de 2009

MANUEL TEIRA, UN ARTISTA PERO ANTE TODO UN AMIGO








La Voz de Galicia publica hoxe esta entrevista co noso querido amigo e artista Manolo Teira.

O artista afirma que as salas de exposicións teñen horarios aos que a xente non pode ir

Autor:
E. Otero.

Dende pequeno, Manuel Teira (Palmeira, 1954), tivo claro que quería ser artista, unha vocación que xurdiu, segundo el explica, para contrarrestar a gris sociedade de posguerra na que lle tocou pasar a súa infancia. Así, buscando un xeito de escapar da falta de motivación, atopouse coa literatura, a pintura e a escultura, as tres disciplinas que agora practica.

-¿Cómo foi o seu proceso de aprendizaxe?

-Aprendín de maneira autodidacta, con libros. Empecei por escribir, que é o que estaba máis a man; compoñía poemas. Un pouco máis tarde apareceu a pintura, que tamén era fácil de adoptar como elemento artístico. Foi a partir dos 18 anos cando empecei a tomalo todo máis en serio.

-¿Era difícil atopar libros de arte cos que guiarse?

-Imposible. Non había bibliotecas públicas na zona e as das escolas tiñan todas un corte político. Apañábame co que me traían os amigos e ía a Santiago ás exposicións. Tamén había un pintor na Pobra, Gono, que me causou gran impresión. Eu quedaba fascinado mirando a aquel home que non traballaba na fábrica, nin era obreiro; só pintaba nos seus lenzos.

-¿Cal é a súa disciplina favorita?

-A escultura converteuse na miña principal forma de expresión a partir de 1988, pero fago tamén algo de pintura. Na literatura publiquei sobre todo poesía, aínda que hai un tempo que empecei a explorar o mundo da narrativa.

-¿Que estilo artístico seguen as súas obras?

-Eu sempre tiven moi presente a figuración, aínda que con compoñentes abstractos e irónicos. Agora, en cambio, noto que a estou abandonando, tanto en pintura como en escultura, en favor dun expresionismo abstracto.

-¿Que materiais usa para as esculturas?

-Empecei con granito, que é o material máis abundante por aquí. Logo paseime ao mármore, que é o que máis uso actualmente, aínda que teño unhas poucas obras feitas de bronce.

-¿Está preparando algunha mostra?

-Traballo nunha para homenaxear ao escritor Anxo Rey Ballesteros. Tamén participarei na feira internacional de arte de Murcia.

-¿Canto lle leva organizar unha exposición?

-Para 15 pezas de escultura calculo que tardo uns 6 meses, a pintura vai máis rápido. É difícil facer máis de dúas exposicións ao ano.

-¿É posible vivir das súas obras?

-Non. Os artistas de Barbanza somos utilizados polos concellos, que nos usan como reclamo e logo abandónannos, porque ás salas de exposicións danlles horarios cos que a xente non as pode visitar. Tampouco hai tendencia a adornar as rúas e, cando se fai, as esculturas públicas elíxense a dedo. Debería haber un concurso público para os escultores, onde un xurado formado elixa ao artista que faga a obra.

lunes, 24 de agosto de 2009

ALCALDE: ¡QUEN CONTAMINA QUE PAGUE!




Non desistimos no empeño de erradicar os vertidos industriais, tal e como afirma hoxe TVSB na noticia que publica co video no seu TeleXornal, no Río Morto. Como proba, as catorce denuncias que presentamos ante a policía local tan só nos últimos catro meses dando conta de episodios contaminantes.

O desta mañá é, segundo a voceira socialista Teresa García, un máis na longa lista de vertidos de orixe industrial que se producen no municipio cos consecuentes danos medioambientais e, mesmo económicos. Para acabar con este tipo de prácticas ilegais, ¡¡pedímoslle ó ALCALDE que faga efectivas as MULTAS contra os infractores!!

Levarémolo á Fiscalía do Medio Ambiente ademáis de presentar unha moción relativa a este tema para o seu debate no vindeiro pleno, onde o PP nos dirá que votan en contra da moción porque xa o están arranxando. Como fan sempre.

Queremos unha Pobra bonita, fermosa, unha Pobra limpa por todos os recunchos, corredoiras e lugares. Queremos que a máxima autoridade municipal TOME CARTAS NESTE ASUNTO E REMATE DUNHA VEZ COS VERTIDOS. ¿Hai acaso lugares de primeira, segunda o terceira categoría neste pobo? ¿Por que, nos preguntamos, NON SE COIDA A NOSA NATUREZA QUE O NOSO GRAN CAPITAL, POR QUE O ALCALDE SÓ MIRA POLAS PLAZAS E O XARDÍN?

POLO NOSO POBO, POLA NOSA PAISAXE, POLO NOSO MEDIO......¡ALCALDE ACTÚA!