Francisco Caamaño, chegou á Pobra acompañado de Pablo García o Secretario de Organización do PSdeG, Salvador Fdez Moreda, Presidente da Deputación e Secretario Provincial, Marisol Soneira deputada, José Manuel Lage deputado por esta comarca, e tódolos representantes dos concellos da comarca, alcaldes e portavoces que nos arrouparon no acto. A presentadora do mesmo, Teresa García agradeceu a Salvador Fdez Moreda o moito que a Deputación que el preside se ten preocupado das infraestruturas e servizos do noso concello e animouno a seguir traballando a prol deste pobo. Agradeceulle ao Ministro a súa presenza nun feudo (polo de agora) do PP e desglosou a súa “impecable traxectoria humana, profesional e política” ao mesmo tempo que se comprometeu “a seguer traballando arreo conxuntamente cos veciños e veciñas, escoitando as súas demandas e presentando iniciativas para conquerir as melloras que o noso pobo precisa”.
Moreda, na súa intervención apostou por “apoiar iniciativas coma esta charla do sábado, levando a voz do PSdeG e do Goberno do Estado a tódolos puntos da nosa provincia”.
De Identidade e territorio falou longo e tendido Fran Caamaño, ante un público absorto e entregado ás súas reflexións. cunha proximidade e humildade que impresionou ás máis de duascentas persoas que abarrotaban o auditorio da Casa Museo de Valle Inclán (houbo moita xente que quedou fóra ). Un tema que lle serviu para abordar varias cuestións relacionadas coa comunidade e coa cultura foi o da lingua, aspecto que ocupou máis tempo da intervención de Francisco Caamaño. O ministro referiuse ao decreto do galego e defendeu a necesidade de coidar o idioma, porque, do contrario, “chegará un momento no que o galego e Galicia mesmo aparezan só nos libros de texto, quizais porque un presidente da Xunta se empeñou en que todos faláramos inglés”.
Lembrou que a galega é unha cultura aberta e afeita a convivir e entenderse con outros idiomas en países estranxeiros debido á emigración, pero, dixo, “en todos eses territorios houbo casas de Galicia ás que acudían as persoas de aquí a falar a súa lingua. O que é sorprendente é que haxa xente que non entenda isto, e é sorprendente que non comprendan que na nosa casa nos gusta falar na nosa lingua. Eu non vou obrigar a ninguén a usar o galego se non quere, o que pido é que me deixen a min expresarme no meu idioma.”
Sobre o territorio o ministro apuntou que Galicia “ten moitas cicatrices, moitos recheos, moitos paseos marítimos. Deberiamos reflexionar sobre que cousas non teriamos que facer e que espazos deberiamos protexer para deixalos como legado”. Nesta mesma liña, falou das novas infraestruturas e cuestionou a necesidade de seguir abrindo autopistas ou mesmo de contar con varias liñas do AVE: “¿Que velocidade pode acadar o tren entre Vigo e A Coruña? Se chega aos 300 quilómetros por hora non para na Coruña, pasa de largo. É preciso abrir o debate sobre que modelo de infraestruturas queremos ter, hai outros medios de comunicación cun custo menor de mantemento e que non esnaquicen a paisaxe”.
“Ser galego non é incompatible con ser español, Isto é algo que parece non entender a nova dereita, que acuñou o termo da Galicia global para deixar a un lado a lingua. Pero a base de ser global, vai deixar de ser Galicia. Este goberno autonómico parte dun complexo de ser galego que eu non comparto”
Antes de finalizar o acto houbo unha rolda de preguntas por parte dos asistentes.
Fran Caamaño deixou unha excelente imprensión entre os asistentes.
Gracias a todos os que se desplazaron dende diversos puntos da comarca e a tódolos pobrenses que responderon masivamente ao evento.