A asociación sen ánimo de lucro “Galicia
Bilingüe”, que se autodefine como “apartidista e independiente” ven de
presentar recentemente en Vigo unha revista de vintecinco páxinas á que
denominan “Vosotros” (dispoñible en dúas versións, unha en castelán e
outra en castelán e galego na páxina www.galiciabilingue.es) na cal o Concello
da Pobra comparte co de Ribeira –ambos gobernados polo PP- unha páxina completa
a toda cor anunciando a súa marca turística… en castelán.
En ambas versións, castelán e “bilingüe”, o
Concello da Pobra anúnciase institucionalmente en castelán, posicionándose
dentro desa suposta liberdade de elección do idioma que di defender “Galicia
Bilingüe” a favor do castelán, utilizando o medio de expresión desa asociación
como plataforma para a definición da preferencia política do Sr. Maceiras.
A revista, que debe ser o vehículo de
expresión do que o colectivo que a edita entende por "pluralismo
lingüístico", repite na súa curta estensión o topónimo castelanizado
“PUEBLA DEL CARAMIÑAL” -ou abreviado como “PUEBLA” ou “LA PUEBLA”- en máis
dunha ducia de ocasións, sen que ao Sr. Maceiras lle trema o pulso á hora de
asociar a imaxe da vila co perfil editorial da publicación, a pesar da
utilización impropia e reiterada do nome do concello, sen amosar respecto algún
polos graves sucesos producidos nos anos oitenta e noventa en torno ao emprego
ilegal do topónimo histórico castelanizado.
Os Socialistas da Pobra consideramos
desafortunado que o Concello da Pobra vincule a súa imaxe turística cunha
revista de marcado corte ideolóxico -cuxo nome é unha parodia do da revista
"Nós", referente do galeguismo-, no que constitúe unha clara vontade
política do PP de sufragar correntes de opinión afíns con miras pre-electorais,
asumindo gastos de difícil xustificación nun contexto de desmantelamento
sistemático dos servizos públicos, e lamentamos o uso partidista do idioma como
manobra de distracción sobre os duros recortes nos niveis máis esenciais dos
dereitos básicos, abrindo sen pudor vellas feridas tocante ao topónimo do
Concello con manifesto desprezo da paz social conseguida arredor do topónimo
oficial, que como Alcalde debera defender.
|
|
|
|