Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do
Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do
R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para rexeitar a supresión dos
partidos xudiciais.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Goberno ven de anunciar a supresión dos Partidos xudiciais existentes
en Galicia, para concentrar ós xuíces nas capitais provinciais e crear
Tribunais de instancia. En Galicia esa medida suporá a desaparición de 41
partidos xudiciais e unha fonda alteración do funcionamento da xustiza, da
accesibilidade dos cidadáns e dos custos derivados.
A unha cidadanía espallada no territorio, debe corresponder unha planta
dos servizos públicos que facilite o achegamento dos cidadáns. Os actuais
partidos xudiciais veñen dando resposta á litixiosidade pero tamén á
proximidade. Esquecer esta non mellora aquela, só a cambia de lugar. Pero crea
outros problemas ós profesionais da xustiza, funcionarios, avogados,
procuradores, ás entidades auxiliares,
ós concellos, e sobre todo ós cidadáns.
Esta medida centralizadora forma parte dunha política xudicial
fondamente lesiva para os cidadáns. O Goberno do Estado paralizou os procesos de modernización tecnolóxica, de
posta en funcionamento da nova oficina xudicial e de creación de prazas. Está
anunciada a modificación dos Rexistros Civís. Agora proponse a desaparición dos
partidos xudiciais e a concentración da
actividade xurisdicional nas capitais de provincia.
O Goberno promulgou unha nova lei de taxas, disuasorias pola súa contía
e restritivas para as persoas con menos recursos. Agora a supresión de partidos
xudiciais incrementará os custos de desprazamento. Fica esquecida a defensa dos
dereitos dos cidadáns e o acceso a unha tutela xudicial efectiva, como
garantira o artigo 24. 1 da Constitución Española.
Por todo iso, este grupo que
represento solicita a adopción dos seguinte
ACORDO
O Pleno do Concello de A Pobra do Caramiñal insta á Xunta de
Galicia a reclamar do Goberno de España o mantemento dos catro
partidos xudiciais da comarca, especialmente o partido xudicial de Ribeira, cos
seus respectivos xulgados.
A Pobra do Caramiñal, 12 de maio de 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario