viernes, 21 de marzo de 2014

CONTRATAN DOUS APARELLADORES

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción pola que se insta ao Concello a que realice todos os trámites para proceder á cobertura por medio de funcionario de carreira ou interino da praza "APARELLADOR", da Escala de Administración Especial - Subescala técnica - Grupo A2, xerando emprego de calidade e reducindo os gastos para o Concello da Pobra do Caramiñal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


I.- Con data 30 de xaneiro de 2014 apróbase o expediente de contratación de servizos arquitectura/enxeñería para o control das obras da implantación do gas natural, cun orzamento de 43.200 euros, a razón de 21.600 euros anuais. A finalidade desta contratación segundo a resolución da Alcaldía nº 33/2014, é facer un seguimento constante é único das actuacións, sobre todo a hora da reposición do firme nas vías públicas e posibles danos no mobiliario municipal e redes soterradas.

O procedemento que se vai a seguir é negociado sen publicidade.

II.- Igualmente con data do 30 de xaneiro do presente ano apróbase expediente para a contratación dos servizos para asesoramento Técnico Urbanístico, cun orzamento de 41.843,52€, a razón de 20.921,76€ anuais,  xa que se atopa vacante a praza de arquitecto técnico.

O procedemento será tamén de negociado sen publicidade, pero conta con informe de reparo do Interventor Municipal.

A Intervención considera que as funcións de asesoramento técnico urbanístico deberían levarse a cabo por un funcionario porque a salvagarda dos intereses xerais corresponde aos funcionarios públicos, que poden garantir mellor a obxectividade, imparcialidade e independencia no exercicio das funcións administrativas.

Cómpre salientar que entre as funcións obxecto deste contrato se inclúen os informes técnicos en materia de licenzas de obras, de apertura, etc., en seguimento do disposto no PXOM e na normativa urbanística aplicable, materia especialmente sensible e que precisa da maior seguridade xurídica para evitar eventuais prexuízos aos veciños e ulteriores indemnizacións millonarias con cargo ao erario público, no caso de anulacións de licenzas, como temos visto en outros Concellos da nosa contorna.

III.- As actividades que deberá realizar  dito técnico consisten en asesoramento, informes, valoracións, inspeccións, certificados, etc., dentro da organización e dirección do Concello e por indicación deste, nas dependencias municipais e cun horario preestablecido.

Tendo en conta que os Orzamentos xerais do Estado para o ano 2014 permiten o nomeamento de funcionarios interinos en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables que afecten ao funcionamento dos servizos públicos. Con esta previsión podería cubrirse a praza de “Arquitecto Técnico”.

O Interventor Municipal no informe do 30 de xaneiro de 2014 continúa dicindo:

Estase a tramitar outro expediente para a realización doutro contrato administrativo de servizos de arquitectura para o control das obras de implantación de gas natural no concello. O orzamento anual dedicado a este contrato é de 21.600€ anuais (IVE incluído). Si se engade o orzamento do contrato obxecto deste informe, que é de 20.921,76 (IVE incluído) resulta que o gasto anual previsto para as diversas contratacións de servizos en materia de arquitectura ascende a 42.521,76€, mentres que a praza de arquitecto técnico que se atopa vacante ten unhas retribucións anuais de 28.263,68€, o que supón un gasto moi superior ó que se derivaría da cobertura da praza”.

IV.- Ao definir a prestación obxecto do contrato, tal e como ven a indicar o Interventor municipal, estanse a describir as funcións propias da praza de funcionario de carreira de Administración especial - Subescala técnica, do grupo A2 denominada "APARELLADOR" no Cadro de Persoal do Orzamento Xeral para o ano 2013, aprobado por acordo plenario de 11.07.2013, e publicado no BOP n.º 134, de 16.07.2013.

Por outra banda, con base no informe do Interventor, esta contratación -ao igual que a indicada no expositivo 1º- podería reunir os requisitos establecidos na xurisprudencia para que en vía xudicial se recoñeza aos adxudicatarios que a relación de servizos non é administrativa, senón que se trata dunha relación laboral en fraude de Lei, establecendo que se trata de empregados laborais indefinidos non fixos.

Neste sentido, existe copiosa e reiterada xurisprudencia, sobre todo no caso de concatenación de sucesivos contratos administrativos de servizos nos que teñen sido declaradas polo órgano de contratación como "ofertas economicamente máis vantaxosas" as formuladas -CASUALIDADE OU NON- polos mesmos técnicos que viñan executando contratos similares sucesivamente. Sirvan por todas a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia n.º 1377/2012, de 02.03.2012, ditada en caso análogo, na que se recoñeceu a relación laboral indefinida dun arquitecto na localidade pontevedresa de Baiona, así como as do Tribunal Supremo nela citadas (STSS 19.05.2005; 30.04.2007; 23.11.2009, entre outras).
Debe ter en conta o equipo de Goberno que con estas contratacións, en particular coa do asesor técnico urbanístico, se está a deixar aberta unha porta traseira para o acceso como empregado público á Administración pública vulnerando os principios de mérito e capacidade.

V.- Dende a chegada ao Goberno do Grupo Popular, o Concello da Pobra do Caramiñal substituíu a figura de Arquitecto pola de Arquitecto Técnico (é dicir, aparellador), en réxime de contrato de servizos e a tempo parcial, con un horario de atención o público unicamente os luns e os xoves de 12 a 14 horas, é dicir, catro horas semanais, tempo insuficiente para atender as demandas dos cidadáns en temas urbanísticos, asesorar sobre o desenvolvemento do Plan Xeral e realizar os informes urbanísticos preceptivos para a concesión das licenzas.

Parece un contra sentido que un Aparellador informe sobre obras maiores redactadas por Arquitectos e Enxeñeiros Superiores, que ven sendo como se un enfermeiro supervisara e ditaminara sobre os diagnósticos e tratamentos que o médico prescribe aos pacientes, ou como si na Pobra no centro de saúde en vez de ter médicos, nos atenderan para todas as patoloxías unicamente os enfermeiros.

O concello da Pobra do Caramiñal conta cun Casco Antigo e un elenco impresionante de Patrimonio Cultural e Arquitectónico, descoñecese se os dous profesionais (suponse que autónomos) que se van a contratar son especialistas en urbanismo e patrimonio, coñecedores da normativa vixente en cada momento, intérpretes especialistas dunha complexa materia que se complica ano a ano coa publicación de normativas e leis que fan do urbanismo a maior especialización municipal.


Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes


ACORDOS:


Primeiro.- Que polo Órgano de Contratación se realicen á maior celeridade todos os trámites precisos para a convocatoria por procedemento público aberto a toda a cidadanía da praza de Aparellador, para dotar ao Concello da Pobra do Caramiñal dun técnico funcionario -de carreira ou interino- a tempo completo, aforrando diñeiro público, nos termos do informe desfavorable do Interventor municipal de 30.01.2014.

E no caso de ser compatible e posible a xuízo técnico, previa valoración das indemnizacións por lucro cesante que no seu caso proceda, se diten sendas Resolucións renunciando á execución dos contratos administrativos de servizos para a contratación de técnicos en arquitectura/enxeñería para a realización das funcións propias do funcionario público indicado no parágrafo anterior.


Segundo.- Que polo Alcalde-Presidente do Concello da Pobra do Caramiñal se eleve ao Pleno e se expoña debidamente o correspondente informe xustificativo do levantamento do reparo formulado polo Interventor o 30.01.2014, para que a Corporación sexa coñecedora -para a súa fiscalización política- dos motivos nos que se baseou o Alcalde para proseguir co procedemento de contratación administrativa dun arquitecto técnico para prestar asesoramento urbanístico contra o informe do Interventor, nos termos do disposto no art. 218 do TRHL.


Terceiro.- Que tendo en conta a situación financeira do Concello da Pobra do Caramiñal, sumamente crítica mesmo coa traslación de boa parte do déficit ás contas do Estado co "Plan de pago a provedores" (cuxos xuros pagamos todos cos nosos impostos e cos recortes en servizos básicos impostos polos Gobernos estatal e autonómico), nos sucesivos contratos públicos e nos gastos suxeitos a fiscalización se atenda polo Alcalde-Presidente ao criterio técnico do Interventor municipal.



A Pobra do Caramiñal, 2 de marzo de 2014.

No hay comentarios: