martes, 22 de octubre de 2013

Moción COPAGO farmacia hospitalaria

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para que o Concello asuma o COPAGO dos medicamentos dispensados nas Farmacias Hospitalarias do SERGAS.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Unha das primeiras medidas do goberno de Rajoy foi a aprobación en abril de 2012 do fatídico Real Decreto 16/2012, tamén coñecido como o da contrarreforma sanitaria. Un auténtico plan de demolición da sanidade pública. Coa súa entrada en vigor desapareceu o dereito universal á sanidade converténdonos a todos/as en asegurados/as. Desta maneira, só son usuarios/as con dereito aos servizos sanitarios non urxentes os cotizantes á Seguridade Social e os familiares que se poidan incluir nas súas cartillas. Os copagos ou mellor dito repagos, se temos en conta que os servizos públicos xa os financiamos cos nosos impostos, e a creación de tres carteiras de servizos, podendo introducir copagos na suplementaria e na accesoria, indican o comezo dun proceso de mercantilización e entrega aos intereses privados do sistema de sanidade público, conseguido como a educación pública, os servizos sociais, a cobertura do desemprego, as pensións, etc. con duras loitas sociais.
A Xunta de Galicia pretende aplicar o decreto que obriga a pagar parte dos medicamentos que se dispensan nos hospitais a enfermos con cancro, SIDA, linfomas, artrites severas, etc consideramos a medida inxusta e escandalosa dado que supón un novo imposto (taxa) que grava ás persoas con enfermidades graves que poñen en risco a súa saúde.
Carece de racionalidade xa que a prescrición corre a cargo de persoal facultativo especializado, na que os pacientes non teñen ningunha responsabilidade e polo tanto non vai destinada a corrixir ningún abuso ou mala utilización dos recursos sanitarios.
A súa capacidade recaudatoria ou de aforro para o sistema é mínima e pode contribuír a que os pacientes con menos recursos vexan obstaculizado o seu acceso á asistencia por enfermidades graves e potencialmente perigosas para a súa saúde. Hai evidencia de que o copago condiciona que algúns pacientes non retiren os medicamentos que prescríbenlles os seus facultativos. 
A medida só se xustifica por motivos ideolóxicos e para demostrar á Unión Europea e aos cidadáns en xeral a férrea vontade do actual goberno de adoptar medidas de recorte duras coas persoas necesitadas por encima da sensibilidade social e da racionalidade sanitaria: Facer recaer o peso da crise sobre as persoas con máis necesidade como os maiores, discapacitados ou que padecen enfermidades crónicas é inxusto e inaceptable.
Cidadanía, profesionais e pacientes amósanse indignados e escandalizados ante unha medida cruel e inxusta como é a do copagamento de medicamentos de dispensa hospitalaria,  que se recolle na Resolución de 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario.

A propia Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria xa sinalou que este copago é plenamente inxustificado, xa que non contribúe a racionalizar o consumo nin serve como instrumento de financiamento adicional.

Este copagamento carece de efecto disuasorio, xa que non ten sentido modular a demanda destes medicamentos, debido ás estritas indicacións e control hospitalario da dispensa destes para gravísimas patoloxías como SIDA, hepatite C, esclerose múltiple ou diversos tipos de cancro.

Por outra parte, a outra xustificación do copagamento, o aforro económico, non é tal. Cálculos do sector da farmacia hospitalaria sinalan que en Galicia o aforro anual será de pouco mais de 300.000 euros.

O aforro económico será ínfimo para as arcas da Xunta de Galicia pero non sucede igual para os pacientes, con gastos que poden significar, por exemplo, para un enfermo de hepatite C mais de 40 euros/mensuais (480 euros anuais) por unha medicación imprescindible para a súa supervivencia (lembremos que o custe máximo deste copagamento é de 4,20 euros por envase).

Distintas doenzas crónicas e moi graves teñan que pagar o Xeloda®, o Tyverb®, o Afinitor® e o Nabelvine® no caso do cancro de mama e outros fármacos para os tumores cerebrais, para a leucemia, a artrite reumatoide, etc.
De novo un inxusto e cruel imposto para as persoas que máis sofren e que se suma á crecente lista que o goberno do Partido Popular ven implantando: próteses, transporte sanitario e produtos diéteticos. Afecta, por exemplo, ás próteses de mama e ás prendas de comprensión.
Compre lembrar, posto que nos estamos a referir a doentes con enfermidades especialmente graves, que simultaneamente á introdución dos copagos para os pensionistas e o incremento para os activos en xeral, xa se tiña aumentado o tope de pago para as aportacións reducidas incidindo en varios medicamentos para o tratamento do cancro: antieméticos como granisetrón (Kitryl®) ou ondansetrón (Zofran®), axentes cetoxificantes para tratamentos antineoplásicos como ácido folínico (Lederfolin® ou Isovorin®), axentes antineoplásicos e inmunomoduladores, incluídos tratamentos hormonais; e analxésicos como o fentanilo e a morfina por vía oral.
No mes de agosto de 2012 máis de 400 fármacos foron  retirados do financiamento público. Antidiarreicos, preparados para a tose, hemorroides, varices, herpes e, entre eles, os protectores de estómago para alivio dos efectos da quimio saíron fóra da carteira pública de medicamentos.
A vista que tanto o Goberno Central presidido por Rajoy e a súa Ministra Mato non dan marcha atrás con este atropelo aos cidadáns, e que o Presidente da Xunta o Sr. Feijoo como a Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, corroboran que se vai cobrar en Galicia, o Grupo Socialista vai a solicitar que parte de este copagamento o asuman as arcas municipais tendo en conta que o custe non sería moi elevado para o Concello, xa que vendo as estatísticas a medida podería afectar a poucas persoas, pero en cambio si que melloraría moito a calidade de vida destes veciños e veciñas.
Uns veciños e veciñas que, en todo caso, terían que dispoñer dun informe favorable dos Servizos Sociais, de xeito que esta medida beneficie a aquelas persoas que non dispoñen de moitos recursos e que están perdendo calidade de vida debido aos distintos copagamentos, repagamentos, subida de impostos ou perda adquisitiva das súas pensións por culpa da política de recortes aplicada polo Partido Popular.
É habitual que o equipo de goberno vote en contra sistematicamente ás iniciativas presentadas por esta concelleira, sempre o fai con argumentos nimios pero neste caso deben escoller entre saúde e vida para os seus veciños/as ou festa e propaganda para a gloria deste goberno local. É certo que os orzamentos non contemplan unha partida específica para este fin, sen embargo existen gastos que poden suprimir, como por exemplo as facturas que pasou José Fajardo (Chicolino) pola comida da terceira idade por importe de 9.995,70€, ou outra factura que di “resto da factura da comida da 3ª idade” por importe de 4.418,70€, pinchos cabaleiros das cunchas 480€, pinchos encontro música 675€,  pinchos 1.400€, máis pinchos 400€, banda de música 2.154,59€, ... entre innumerables gastos deste tipo, todos eles prescindibles. Para poder pagar as facturas previamente se recadou a través de impostos que pagamos todos/as. Máis que nunca deben racionalizar e priorizar os gastos porque a crise está cebándose cas persoas máis débiles dunha maneira inxusta e incomprensible. Estamos vivindo nun contexto económico especialmente cruel e difícil e, por elo, hai que adoptar medidas especiais.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

Que o Concello de a Pobra do Caramiñal asuma o COPAGO dos medicamentos dispensados nas Farmacias Hospitalarias do SERGAS dos seus veciños e veciñas, contando ca previa valoración dos Servizos Sociais municipais para que as persoas mais necesitadas non se vexan prexudicadas.   

A Pobra do Caramiñal, 20 de outubro de 2013.

No hay comentarios: