lunes, 23 de septiembre de 2013

O ABANDONO DO LAGAR

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para mellorar o entorno da Urbanización do Lagar.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1.- O eixo exterior da zona sur da Urbanización do Lagar, composto polas rúas Godello (onde radica a seda da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Autónomos da Pobra do Caramiñal), a rúa Ulla e a rúa Condado, están nun estado deplorable de conservación.

2.- Ademais da falta de sinalización viaria horizontal e mobiliario urbano, defectos dos que adoece a práctica totalidade da Urbanización (que carece de papeleiras e pasos de peóns en proporción acorde coa súa densidade de poboación), o pavimento está absolutamente deteriorado, a maleza crece alí onde hai un anaco de terra que lle sirva de soporte, onde xorden puntos de vertedura de lixo e escombros que non son atallados polos servizos de limpeza municipal.

As sucesivas obras de instalación de canalizacións de gas cidade e rede de fibra óptica, para as que foi precisa a apertura de zanxas, en lugar de dar pe á esixencia por parte do Goberno Local da reposición completa do aglomerado asfáltico -como sí se fixo na rúa Venecia-, deron lugar a unha serie de "parches" no pavimento, que co seu rápido deterioro viñeron a agravar os graves problemas existentes; así mesmo, tras as obras depositáronse os restos nunha parcela lindante que carece de peche perimetral, co conseguinte perigo para os nenos que xogan polo barrio.

3.- Nesta zona hai tamén unha gatería (colonia felina), que está a acadar dimensións considerables dada a proliferación de ratos e insectos de todo tipo, que xunto cos restos de lixo e a boa vontade dos veciños constitúen a súa fonte de alimento. Ademais da incomodidade e sensación de abandono que confiren ao barrio, estes animais -a aqueles dos que se alimentan- supoñen un risco de saúde pública, en particular para as mulleres embarazadas (Toxoplasmose).

4.- No momento actual, no eixo indicado no parágrafo primeiro existen baches de gran profundidade, susceptibles de causar danos en vehículos -imputables ao Concello, responsable da pavimentación das vías públicas consonte o art. 26.1.a da Lei 7/1985-, e que xeran riscos para os peóns ante previsibles cambios bruscos de dirección dos condutores ao realizar manobras evasivas para esquivar os buratos e parches.

Neste punto, cómpre salientar que os peóns circulan a cotío pola calzada ante as reducidas dimensións das beirarrúas, e ao non estar ordenadas as zonas de cruce peonil por medio de pasos de peóns, os veciños cruzan por onde boamente poden para depositar o lixo doméstico nos contedores.

Este risco de colisión ou atropelo vese incrementado no tramo de dobre sentido de circulación que entronca coa rúa Atalaia, porque a inexistencia dunha correcta sinalización das zonas aptas para o aparcamento provoca que se acumulen vehículos no lado da calzada oposto aos edificios, o que impide o uso simultáneo do dobre sentido e dificulta a entrada e saída dos garaxes (todos eles con vado permanente, gravado cunha taxa municipal).

5.- Este mesmo lado da rúa Godello está cheo de maleza e lixo, o que ademais do evidente problema de salubridade provoca un patente risco de incendio no verán ao secarse a vexetación; por estar situada alí unha das "illas" de contedores de residuos domésticos -obxectivo en demasiadas ocasións de actos vandálicos-, e ao aparcar moitos vehículos ao seu carón, a obriga do propietario de conter a vexetación (xa sexan os terreos de titularidade pública ou privada, cousa que se descoñece) cobra especial relevancia ante o incremento dun risco xa de por si importante.
6.- Ao remate da rúa Godello existe un terraplén cheo de maleza, sen ningún tipo de protección co risco que isto conleva de caídas para nenos e adultos

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS

Que a urbanización do Lagar:

1.     Se dote dunha correcta sinalización viaria  e mobiliario urbano.
2.     Se arranxe o pavimento totalmente deteriorado.
3.     Se limpe a maleza e escombros.
4.     Se proceda ó cerre da parcela na que hai un terraplén no remate da rúa Godello.
5.     Se proceda a ter unha adecuada seguridade e hixiene medioambiental para evitar a proliferación de animais e insectos.


No hay comentarios: