Mª Teresa García Guillán, Concelleira polo PSdeG-PSOE, no que no seu
nome e representación comparezo, e como mellor proceda en Dereito, EXPOÑO:
Como vostede sabe, Fernando Casanova Fernández
escribiu o libro "Victoriano García Martí. Paisajes literarios de una vida" publicado polo propio Concello da Pobra do
Caramiñal en 2003 e Ramiro Villoch Herrera (conocido como Don Ramiro) publicou
o libro "Tempos de vela",
sobre a implantación de familias e negocios cataláns na Pobra e dedica un dos
seus capítulos á familia de don Victoriano García Martí. Tratábase de
emprendedores e industriais asentados no Barrio dos Cataláns no derradeiro
cuarto do século XIX.
Hai tres meses, o Concello editou un terceiro
libro "Cronoloxía histórica da Pobra do Caramiñal", cuxo autor é
Xoán Pastor Rodríguez, ilustrativo da importancia da Familia de don Victoriano na
Pobra, en Santiago e en Madrid.
Don Victoriano
García Martí é Fillo Ilustre de A Pobra do Caramiñal.
Con bolsa pola École
de Hautes Etudies e en La Sorbonne (Francia), introdutor do pensamento de
Henry Bergson en España, secretario do Ateneo de Madrid co Conde de Romanones e
Valle-Inclán, entre outros. Foi tamén Académico de la RAJ e da RAG, distinguido
co Orde Española de Alfonso X o Sabio (precedente dos actuais Príncipe de
Asturias), autor de máis de 50 libros, miles de colaboracións periodísticas en
Galicia, Madrid e Iberoamérica. Promotor do rescate da Obra literaria de
Rosalía de Castro, amigo persoal de dona Emilia Pardo Bazán, de Gala Murguía de
Castro, de Valle-Inclán, de Miguel de Unamuno, de Manuel Azaña, de Azorín, de Jacinto
Benavente, de Joan Maragall, de Castelao, de Vicente Risco, de Blanco Amor ou
de Otero Pedrayo, entre outros, que COMPARTÍAN TERTULIA na CASA do Paseo do
Areal, nº 5.
Como Alcalde ten a responsabilidade, perante a
historia, de salvagardar o Patrimonio, tanto o material como o inmaterial. Ten
a responsabilidade de protexer e poñer en valor o legado, neste caso, de
Victoriano García Martí. E non é outorgarlle o seu nome a unha praza ou nomealo
fillo predilecto da Vila, senón de loitar polo mantemento da súa casa, tal e
como se fixo coa doutros autores como Castelao, Rosalía de Castro ou
Valle-Inclán.
Non protexelo e mesmo potenciar a súa destrución é
faltar á memoria e ao respecto, non so do Ilustre, senón do pobo pobrense en
xeral, do que a imaxe que se proxecta aos nosos visitantes é dun pobo que non
ama aos seus literatos, á xente que a fixo famosa.
O día catro de setembro asistimos estupefactos ao
comezo do derribo da Casa de Victoriano García Martí, Fillo Ilustre do
Concello, co fin de destinar a finca a aparcadoiro adicional para un
supermercado, coa desaparición do xardín interior e levantamento das árbores,
para deixalo liso, horizontal e asfaltado.
Resulta unha AUTÉNTICA BANALIDADE, case INSULTANTE
ao pobo da Vila e á memoria do seu Fillo Ilustre CONVERTER A SÚA CASA nun
APARCADOIRO PARA O SÚPER.
Todo isto, con licenza municipal amparada en
Proxecto redactado polo enxeñeiro de camiños Ismael Óscar Caamaño Vilas
(colexiado 29.125, titulación non competente para redactar proxectos que
afecten ao Patrimonio) e Lino García Beiro, Arquitecto T. (supostamente
técnico, é dicir Aparellador) sen número de Colexiado.
O proxecto carece de Memoria Urbanística, tal e como o
entende o Artigo 14 do Regulamento de Disciplina Urbanística de Galicia, como documento específico e independente na
que se indique a súa finalidade e uso da construción ou actuación proxectada,
razoándose a súa adecuación á ordenación vixente e incluíndo a ordenanza que
sexa de aplicación.
Convenlle REPASAR os contidos do Planeamento e das
Leis, que “son para cumprilas”:
O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)
do Concello de A Pobra do Caramiñal foi aprobado definitivamente o día 3 de
xullo de 2008, e publicado no Diario Oficial de Galicia do día 1 de setembro de 2008. No documento “Estudo de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico”
contido no PXOM reflíctese que o casco antigo, resultado da fusión espacial
das dúas antigas pobras medievais, está bastante ben conservado, malia ás
desafortunadas intervencións pouco sensibles que se produciron durante un longo
período de tempo, e malia a unhas Normas Subsidiarias Municipais e un Estudo de
Detalle das Prazas que contiñan a especulación inmobiliaria e consecuente
desaparición do valor histórico e patrimonial de este conxunto histórico,
manténdose no seu espírito a trama urbana inicial e evitando a desaparición do
parcelario orixinal.
Na Memoria do PXOM, o epígrafe 2.f)
relativo a “normas urbanísticas” fai mención a que “o casco antigo da Pobra do
Caramiñal, pola súa particular configuración e problemática urbanística
específicas, é remitido a un Plan Especial de Protección, para o que se
delimita o seu ámbito e se establece unha normativa transitoria que haberá de
rexe-las actuacións sobre el en tanto non se aprobe o correspondente
planeamento de carácter xeral. A seguir indícase que sobre ese recinto o Plan
Xeral ven a confirmar a imposibilidade de abordar calquera tipo de regulación
que non teña un alcance específico e pormenorizado, con nivel de detalle que
excede o tratamento asumido polo planeamento de carácter xeral.
O propio Catálogo do PXOM, de xeito transitorio
e preventivo, incorpora unha grande cantidade de edificacións que polo seu
carácter morfolóxico e histórico, revelador do espírito construtivo dos séculos
XVIII e XIX, convén manter para futuras xeracións. Pero resulta insuficiente,
en tanto en canto non é suficiente manter casos puntuais senón o conxunto.
A propia Normativa
do Plan Xeral establece unha ordenanza específica que no seu capítulo 7 define
como “Ordenanza 5ª. Casco antigo.
Normativa transitoria”, grafada nos planos de ordenación na cor específica
e abranguendo unha contorna perfectamente definida que coincide co que o PXOM
define como Casco Antigo da Pobra do Caramiñal. O apartado “Plan Especial de
Protección e Reforma Interior do Casco Antigo” di textualmente:
“O ámbito do casco
antigo da Pobra do Caramiñal presenta uns valores ambientais notables, tanto polas características da súa
estrutura urbana de orixe histórica como pola presenza de edificacións
singulares, entre as que destaca a Torre de Bermúdez, declarada Monumento Histórico-artístico,
conformando un conxunto cunha particular
problemática urbanística que esixe unha ordenación pormenorizada que garanta a
súa protección e recuperación. Conforme a estas circunstancias deberase
proceder á elaboración dun Plan Especial de Protección e Reforna Interior para
o ámbito do Casco Antigo que se delimita neste Plan Xeral”.
Continúa o texto, a
seguir:
“O mencionado Plan Especial deberá ser sometido á súa aprobación no prazo de dous anos a partir
da aprobación definitiva do presente Plan Xeral, recomendándose pola urxencia das súas finalidades, que a súa
elaboración se desenvolva en paralelo á propia tramitación do Plan Xeral”.
TRANSCORRERON CINCO ANOS, dous anos dende a PRESCRICIÓN DO PLAN XERAL
DENTRO DO CASCO ANTIGO. Polo que significa demostrar o nulo interese polo
Patrimonio e polo Urbanismo da nosa Vila (o cal lle quita total Autoridade na
materia).
Non se trata, pois, dun Casco Histórico Declarado como tal, pero si de un
CASCO ANTIGO con PRIORIDADE PROTECTORA, a xulgar polo propio texto do Plan..
Ao estar PRESCRITA a Acción do Plan Xeral, a través das súas NORMAS
provisionais, por ter transcorrido sobradamente o PRAZO DE DOUS ANOS, está
OBRIGADO a someter a toda obra, previo á concesión da licenza municipal, á
Autorización Vinculante do Departamento Territorial de Patrimonio de A Coruña.
Por
outra banda, o propio Plan Xeral, no apartado "modificacións introducidas no Catálogo en relación co
Informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña"
indícase o texto "engádense así mesmo outros exemplos arquitectónicos
significativos e un grupo de construcións do Paseo do Areal (Barrio dos
Cataláns) onde se sitúa un conxunto de edificacións que manteñen a referencia
respecto da arquitectura protoindustrial da vila, relativa ás instalacións de
salgado e primeiras conserveiras".
Nos propios planos do Plan Xeral, a edificación
está situada dentro do perímetro cuxo interior, grafado en cor gris, lle
atribúe o título de Casco Antigo da Pobra do Caramiñal, remitindo a un Plan
Especial de Protección, indicándose unhas normas provisionais para o período
transitorio desde a aprobación definitiva do planeamento xeral e do plan
especial, incluíndo expresamente o
Barrio dos Cataláns, "singular conxunto de edificacións
residenciais e de carácter fabril situadas ao longo do Paseo do Areal, lugar de
asentamento a finais do século XVIII e principios do XIX dos empresarios
adicados ao salgado da sardiña que promoveron o desenvolvemento e modernización
da Vida da Pobra".
O propio CATÁLOGO de protección do Plan Xeral contén o apartado “Listado de bens e edificacións a protexer”,
indicando expresamente o Paseo do Areal,
5-6 (Casa de José Barreras), recollido na Ficha nº 86.
A edificación definida como “Paseo do Areal 5-6, Casa de José Barreras”
define unha finca única na que hai dúas edificacións principais: a denominada
“Casa de José Barreras” e a “casa de Victoriano García Martí”.
Ámbalas dúas edificacións FORMAN UN TODO, UNHA ÚNICA FINCA, tal e como se
reflicte no propio Catastro e no Rexistro, e que vostede RATIFICOU na prensa
recentemente.
Por algunha razón a ficha recolle unha finca con numeración dobre (5-6), e
é a única do Paseo do Areal, xa que o resto teñen número único. O PERÍMETRO
PROTEXIDO comprende as dúas edificacións principais ao Paseo, todo o muro
perimetral ata a Rúa Gavoteira e todo o que se contén no interior.
Por
algo no Catálogo do Plan Xeral especifícase expresamente que os
espazos libres de edificación e anexos aos edificios suxeitos a protección
quedarán afectos polos mesmos niveis de protección que eles, incluíndo todo o
conxunto da súa implantación.
No apartado "Ámbito de protección de bens e
edificacións catalogados" volve a incidir en que a Zona de
Protección queda definida polos terreos comprendidos dentro do perímetro máis
externo do ben que se protexe", algo que ven doutras normas de
protección. Conforme ao disposto na lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de
Galicia, calquera obra que se pretenda levar a cabo nun ben que figure no
catálogo ou no seu contorno, deberá contar co informe previo e vinculante do
organismo correspondente da Consellería de Cultura.
Dado que a finca denominada 5-6 é unha FINCA ÚNICA, TODA ELA ESTÁ
PROTEXIDA, incluída a Casa de Victoriano García Martí.
Se lle queda algunha dúbida sobre a numeración,
pode investigalo e ver que o Edificio que linda coa Casa de Victoriano García
Martí ten a súa entrada pola Rúa Luís Seoane, sendo o NÚMERO SETE a Casa da
Esquina, restaurada en pedra, do outro lugar da Rúa Luís Seoane. Teno gravado
na propia pedra da fachada.
A protección de todas estas edificacións é de
Protección Ambiental, que permite obras de Conservación, Restauración, Rehabilitación
ou Reestruturación.. O apartado "Prohibición de Demolición" indica
que os edificios afectados non poderán ser demolidos baixo ningún concepto,
debendo manterse as fachadas obxecto de protección durante a execución das
obras ou calquera sistema de consolidación.
O propio Plan Xeral indica que as aliñacións son
obrigadas mantelas, non podendo modificarse agás a redacción dunha figura
urbanística de modificación. O Paseo do Areal, ao estar dentro do ámbito de
protección da Lei de Costas, debe contar cos permisos preceptivos na materia.
¿ QUÉ MÁIS PROTECCIÓN QUERE PARA A CASA DERRUBADA ?
Tendo en conta todo o antedito, comparezo e SOLICITO:
1) A
inmediata paralización das obras, por ser a licenza NULA de pleno dereito,
podendo responder o Concello das consecuencias do seu incumprimento.
2) A
incoación dun Expediente de Reposición da Legalidade Urbanística, ao abeiro de
toda a lexislación na materia.
3) Téñase
en conta que na hora de solicitar documentos técnicos sexan redactados por
profesionais competentes na materia, e visados polo seu Colexio Profesional
No hay comentarios:
Publicar un comentario