Durante anos o ministro Gallardón
preocupouse de coidar con esmero a súa imaxe de moderado e dialogante, incluso
de progresista, (dentro do que cabe no PP), agora vai ser o artífice da máis
retrógada das contrareformas: a lei do aborto.
Este debate a sociedade española xa o
superara e agora o pretende abrir unha minoría radicalizada da igrexa católica
que ten secuestrado ó goberno de España porque non esquezan que a lei do aborto
non obriga a ninguén a abortar. Alegar que responde á necesidade de reforzar o
dereito á maternidade supón un sarcasmo que insulta a intelixencia. A actual
normativa protexe tanto ás mulleres que queren abortar como ás que desexan
continuar co embarazo.
Isto significa que corren malos tempos
para as mulleres e para a liberdade. Non somos libres si non podemos decidir
sobre a nosa intimidade, sobre os nosos corpos e as nosas vidas. As mulleres,
eses seres que algúns consideran desprezables, que fan todo o posible para
quedarse embarazadas para logo desfacerse do fillo que levan dentro, non son
maduras nin responsables para decidir. Así pois, os fundamentalismos relixiosos
e os sectores ultraconservadores, decidiran por nós.
Nunca entenderei porque sempre son os
homes os que acaban decidindo en nome da muller este tipo de decisións. Nin
tampouco entendo porque van a favor dun segmento da poboación e non do outro. A
modernidade está en deixar que a muller decida qué facer. Non manda ninguén
sobre o noso corpo noutras cuestións, e sí en estas historias, ten que decidir
un cura e un ministro.
Con esta contrareforma de Gallardón,
España volverá a unha situación máis próxima ao franquismo que a do resto de
Europa, retrocederemos máis alá do previsto na lei de 1985. Soamente un
reducido número de mulleres podería abortar de forma legal, o resto seguiría
abortando fora do país ou fora da lei. A evidencia demostra que con leis máis
restritivas non diminúen o número de abortos senón que os fan máis inseguros.
As mulleres con mellor posición económica (incluídas as católicas),irían
abortar ao estranxeiro, o resto abortaría igualmente pero en condicións de
grave risco sanitario e penal.
No ano 2011 abortaron no noso país
118.359 mulleres, que si non se lles da unha solución legal terán que buscar
unha saída clandestina, ilegal, arriscada e se poden segura noutro país
avanzado.
Elimínase o suposto de interromper o
embarazo cando exista malformación fetal. Impedir o aborto nestes casos supón
condenar á familia e ao embrión a desenrolar unha vida sabendo que será un
sufrimento continuo, en ocasións insoportable, tanto para o que nace como para
os seus proxenitores. ¿De qué serven en España os avances médicos que permiten
un diagnóstico precoz de anomalías xenéticas graves?
Como nai, non imaxino maior traxedia
que ser obrigada a xestar e parir a un ser sen posibilidades de ser feliz, a un
bebé con malformacións ou a un fillo dunha violación. É aberrante. Soamente as
mulleres debemos decidir algo tan traumático e nin a extrema dereita nin a
igrexa máis radical poden criminalizar á muller que se vexa en semellante
trance.
O ministro de xustiza e o goberno de
España, elixen poñerse ao lado da “caverna” antes de recoñecer que ningún
profesional poda ter máis coñecemento, responsabilidade, madurez, sensibilidade
e criterio para decidir sobre algo que atinxe fundamentalmente ás mulleres.
MOCIÓN PARA O PLENO
Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal,
integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o
seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción en relación á defensa do dereito
á libre decisión das mulleres.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Ministro de Xustiza anunciou que o Goberno de España presentará pronto
unha nova regulación sobre a Interrupción Voluntaria do Embarazo(IVE). Segundo
as propias declaracións efectuadas por Alberto Ruiz Gallardón, esta nova
regulación terá os seus puntos crave en:
·
A volta a unha
Lei de indicacións moito máis restritiva que a lei de 1985, na que as mulleres
non poderán decidir, senón que serán os médicos quen decidan por elas.
·
Eliminación da
posibilidade de interromper o embarazo cando exista malformación fetal.
·
Fiscalización
intolerable respecto ao suposto de risco para a saúde da nai, mostrando un
claro desprezo e desconfianza cara ás mulleres, ás cales non as deixa decidir e
en cambio serán profesionais externos os que decidan por ela.
O Goberno está a preparar unha das leis de aborto máis restritivas do mundo
occidental e, así, España será o primeiro país que cando lexisla sobre o aborto
retrocede. Isto supón unha volta ao pasado, mesmo máis aló da primeira lei do
ano 1985, e que as mulleres españolas teñan dúas opcións, abortar fóra de
España se teñen recursos para iso, ou
ben abortar en España en condicións de clandestinidade co consecuente
risco para a súa saúde e a súa vida.
Gustaríanos lembrar que tal e como é coñecido, o Tribunal Constitucional en
1985, deixou claro que, en relación ao aborto, non estamos ante un conflito
entre dous dereitos fundamentais, porque os únicos dereitos fundamentais
implicados aquí son os dereitos das mulleres, sendo o non nacido un ben
xurídico que queda debidamente protexido pola lexislación actual.
Así mesmo, é importante ter presente
que a actual Lei, aprobada no ano 2010, foi avalada plenamente polo Consello de
Estado, que naquel momento, argumentaba que era necesario reformar a regulación
para adecuala á realidade e ademais destacaba a plena constitucionalidade do
seu articulado.
A pesar de todo iso, o Partido Popular presentou un recurso de inconstitucionalidade
contra a actual lei - tal e como xa fixo
en relación aos matrimonios homosexuais -, que aínda non foi resolto polo
Tribunal Constitucional. Aínda así, Gallardón prefire non esperar ao ditame do Tribunal Constitucional
e con iso, se pliega, unha vez máis, ás demandas dos sectores máis
ultraconservadores da nosa sociedade.
Porque do que está a falar Gallardón, de acordo coa Conferencia Episcopal,
é en realidade , eliminar o dereito a
decidir das mulleres, e que esa eliminación se faga á conta de pór en risco a
saúde e a vida das mulleres.
As leis restritivas de aborto non reducen o número de abortos, soamente
incrementan o número de mulleres mortas ou que perden a súa saúde porque
abortan na clandestinidade e en condicións insalubres. Se esta anunciadísima
reforma sae adiante é seguro que se estarán quitando dous dereitos ás mulleres:
o da libre decisión e o da saúde.
A proposta do Goberno sobre o aborto levaríanos á cola de Europa, á
clandestinidade, a unha regulación que estará á altura de Malta, Andorra ou
Polonia, os países máis restritivos e conservadores nas súas normativas.
Colócanos na clandestinidade ou no estranxeiro. E máis, nos últimos 28 anos, 36 países han liberalizado
as súas leis de aborto pero ningún retrocedeu.
A inmensa maioría dos países europeos permiten a interrupción voluntaria do
embarazo sen xustificación até a semana 14, oscilando entre a semana 10 de
Portugal e as 24 semanas de Holanda.
No ano 2008 xa o Consello de Europa aprobou unha recomendación onde
consagra o dereito ao aborto legal e sen riscos garantido polo Estado que
converta esta práctica en accesible e segura. E ademais convida a despenalizar
o aborto, alá onde sexa delito. E o máis
importante para a nosa situación actual: móstrase a favor dunha lei de prazos e
reclama clases de educación sexual obrigatorias para os mozos.
A Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da
interrupción voluntaria do embarazo recoñece ás mulleres o dereito a unha
maternidade libremente decidido. O que implica, entre outras cousas, que as
mulleres decidan sobre o seu embarazo e que esa decisión -consciente e
responsable- sexa respectada; ademais, esta Lei garante o dereito á educación e
á saúde sexual. Porque só cunha
educación sexual adecuada e coa mellora no acceso aos métodos anticonceptivos,
poderemos previr de maneira máis efectiva, especialmente en persoas novas, as
infeccións de transmisión sexual e os embarazos non desexados e, por tanto, o
número de IVES; así mesmo, a actual Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e IVE
garante a igualdade no acceso, en todas as Comunidades Autónomas, ás
prestacións en materia de saúde sexual e reprodutiva, así como o acceso a
métodos anticonceptivos e de interrupción
voluntaria do embarazo.
Os e as Socialistas entendemos que non se pode lexislar ás costas da
realidade, e a maior realidade é que as mulleres en todas partes do mundo teñen
abortos, estean legalizados ou non.
A mellor forma de reducir o número de abortos non é negar o acceso a
procedementos legais e seguros ás mulleres, senón darlles o poder de controlar
a súa fecundidade e de previr os embarazos non desexados.
Por todo iso, este grupo que
represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal, recoñece o dereito a unha
maternidade libremente decidido, o que implica, entre outras cousas, que as
mulleres decidan sobre o seu embarazo e que esa decisión consciente e
responsable sexa respectada.
2.- O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal lembra ao Goberno de España a
aconfesionalidade proclamada na Constitución e, neste sentido, rexeita calquera
inxerencia no dereito a unha maternidade libremente decidido ao ditado de
ningunha moral relixiosa.
3.- O Pleno do Concello da Pobra do Caramiñal móstrase contrario á
reforma anunciada da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e
reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo anunciada polo ministro
Gallardón e rexeita a regresión que iso suporía.
A Pobra do Caramiñal, 06
de maio de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario