Mª Teresa García
Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo
Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na
vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa aos fondos do Plan Concertado e o programa de
teleasistencia.
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
O risco de exclusión
social é cada día maior no noso país. O aumento do desemprego provocou un
aumento do número de fogares sen ningún tipo de ingresos. A este proceso hai
que engadir a consolidación da redución e o esgotamento das axudas de
protección social, como a prestación por desemprego ou as rendas mínimas de
inserción.
Efectivamente, a día
de hoxe, un 21% da poboación en España vive por baixo do umbral da pobreza (INE
2012) e a infancia converteuse no colectivo máis afectado pola pobreza no noso
país (2 millóns de nenos viven nesta situación).
Sen dúbida, a crise
e os recortes están a afectar gravemente á cohesión social. A pobreza esténdese
alcanzando tamén a clases medias, súbitamente empobrecidas; intensifícase
porque hai máis pobres, e estes teñen menos que antes. E o peor é que ao non
producirse ningún indicio de mellora esta situación está a facerse crónica.
A pesar desta
dramática situación, o PP non só non foi capaz de articular unha resposta senón
todo o contrario, desde o mesmo momento en que tomaron posesión, o Goberno de
Rajoy puxo en marcha unha política descontrolada de recortes e axustes que está
a provocar o desmantelamento dos servizos públicos básicos, agravando aínda
máis a situación de moitos cidadáns.
Así, os fondos para
programas que xestiona o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade
para menores infractores e para menores en situación de dificultade social e
malos tratos (2 millóns), o Plan de Acción para persoas con Discapacidade (1,3
millóns) e os fondos para a Teleasistencia (30 millóns) suprimíronse
directamente dos Orzamentos Xerais do Estado. Outros programas, como o Plan
Concertado, sufriron recortes brutais: 30 millóns de euros para 2013, o que
supón unha diminución do 40% respecto de 2012 (entón destináronse ao redor de
50 millóns), e do 65% respecto do último orzamento do Goberno socialista
(2011).
O Plan Concertado é
un instrumento estatal fundamental para o desenvolvemento de prestacións
básicas de servizos sociais. Co fin de manter e desenvolver unha Rede de
Servizos Sociais de atención primaria, xestionada polas corporacións locais,
así como apoialas tanto no desenvolvemento das competencias que lle son
atribuídas pola Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local
como nas respectivas leis autonómicas de servizos sociais, o Estado cofinancia
proxectos que teñen os seguintes obxectivos:
1.
Proporcionar á cidadanía servizos
sociais adecuados que permitan a cobertura das súas necesidades básicas.
2.
Dotar de apoio económico e asistencia
técnica ás corporacións locais para o desenvolvemento das súas competencias.
3.
Consolidar e ampliar a rede básica de
servizos sociais municipais, para desenvolver as prestacións de servizos
sociais de atención primaria, entre as que se atopan a axuda a domicilio e a teleasistencia,
previstas no catálogo de servizos da “Lei 39/2006, de 14 de decembro, de
Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en situación de
dependencia”.
Coñecemos a través
dos medios de comunicación que o Goberno central decidiu retirar do todo a súa achega para
financiar os servizos sociais dos concellos. Trátase dunha decisión que pon en
perigo o futuro dos servizos sociais municipais no momento en que as familias
necesitan máis axuda, cando houbo un aumento grandísimo da demanda, un aumento
da pobreza e dispáranse problemas sociais como os desafiuzamentos (as peticións
de axuda por emerxencia social incrementáronse un 200%). Xusto neste momento, o
Goberno de Rajoy abandona o Plan e deixa nunha situación moi difícil a
administracións locais e autonómicas para soster estes servizos básicos cando
ademais se lles prohibiu endebedarse
para cumprir o obxectivo de déficit.
Por todo iso, este grupo que represento solicita
a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. O
Pleno da Corporación mostra o seu rexeitamento aos recortes realizados polo
Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para sufragar a rede de
Servizos Sociais Comunitarios no Orzamento de 2012 e de Orzamento de 2013.
2.
Instar ó Goberno de España a manter e
soster un sistema público de servizos sociais de nivel primario que permita
atender a toda a cidadanía e dar resposta á esixencia da Constitución Española
de garantir unha serie de dereitos sociais e, por tanto, o exercicio da
igualdade de oportunidades.
3.
Esixir ao Goberno de España que repoña
os fondos do Plan Concertado e do programa de Teleasistencia, como mínimo aos
niveis de 2011, ademais dun compromiso financeiro estable para garantir a viabilidade dos servizos sociais
básicos.
4.
Dar traslado dos presentes acordos ao
Presidente do Goberno, á Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade,
aos Presidentes das Comunidades Autónomas, aos representantes dos axentes
sociais e á Federación Española de Municipios e Provincias.
A Pobra do Caramiñal, 12 de marzo de 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario