sábado, 16 de marzo de 2013

HAI 18 ANOS ISSAC XA SOLICITABA DESPACHO NO CONCELLO

Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción solicitando a habilitación na Casa Consistorial de despachos para os grupos municipais.
  
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O artigo 79.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALGA), dispón de forma concordante co artigo 27 do ROF e do artigo 10 do Regulamento Orgánico Municipal, que sempre que sexa posible, os diversos grupos políticos disporán, na sede da Entidade Local, dun despacho ou local para reunirse de maneira independente e recibir visitas dos cidadáns, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais. Na actualidade, na Casa Consistorial da Pobra ningún grupo dispón de despacho ou local no que poder realizar as actividades anteriormente sinaladas.

O pazo onde está a sede do Concello da Pobra, pese á súa fermosura e valor histórico, ten unhas dimensións que non permitían até fai pouco a habilitación de despachos para os grupos municipais, dada a ocupación de todos os espazos por oficinas e despachos de tramitación administrativa ocupados por persoal ao servizo do Concello.

A día de hoxe, a superficie útil da Casa do Concello aumentou considerablemente debido á ampliación da sede municipal, así como o traslado de certos servizos a outros inmobles de titularidade municipal, motivo polo que xa non existiría impedimento á dotación de despachos para os grupos municipais.

No Pleno ordinario do día 28 de xullo de 2011, o alcalde afirmou que había espazo na casa consistorial para poder habilitar os despachos para os distintos grupos políticos.

Ademais era unha queixa reiterada que facía hai máis de 18 anos o actual alcalde a prensa. En abril de 1997 afirmaba nun medio comunicación o seguinte: “Quejas por el agravio que supone atender fuera a los vecinos. El PP de A Pobra demanda un despacho en el ayuntamiento”, e xa dous anos antes se lamentaba da discriminación que supoñía o non contar con dito despacho.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte
  
ACORDO

Que no orzamento do ano 2013 figure unha partida orzamentaria para poder dotar aos grupos municipais dun despacho ou local na sede do Concello da Pobra do Caramiñal, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais, en cumprimento do disposto no artigo 79.1 da LALGA, do artigo 27 do ROF, e do artigo 10 do Regulamento Orgánico municipal, en relación co artigo 23 da Constitución Española.

A Pobra do Caramiñal, 06 de marzo de 2013.

No hay comentarios: