martes, 29 de enero de 2013

EXPOLIO AOS PENSIONISTAS


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno esta MOCIÓN SOBRE AS PENSIÓNS,  en base a seguinte

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Goberno de España aprobou non actualizar co IPC as pensións de 2012 cando as persoas pensionistas xa adquiriran este dereito,  para manter o seu poder adquisitivo,  por lei dende primeiros de ano. Ademais suspende o dereito á revalorización das pensións no 2013.

Na notificación feita en xaneiro de 2012 ao conxunto das persoas pensionistas de España, o goberno comprometíase e garantía a compensación pola desviación que puidera producirse con respecto á evolución real da inflación.

Declaracións públicas de varios responsables políticos do Partido Popular e do Goberno de Mariano Rajoy garantían este dereito reflectido na lexislación sobre a Seguridade Social.

Así mesmo, os orzamentos do Estado para 2012 incluían a previsión de revalorización anual das pensións.

Unha vez coñecido o IPC de novembro o Goberno tiña que poñer en marcha unha “paga compensatoria” pola diferenza acumulada no ano 2012 entre o incremento do 1% das pensións en xaneiro e a desviación de 1,9 puntos polo dato do IPC de novembro de 2,9%.

Ademais a partir de xaneiro de 2013 debía incrementar as pensións actuais nun 1,9% para evitar a perda de poder adquisitivo e sumarlle a previsión de inflación do ano 2013 que o goberno sitúa no 1%.

O Goberno, unha vez pasados os procesos electorais en Galicia e Cataluña, decide que, primeiro, os pensionistas non van percibir a paga de desviación da inflación de 2012 e segundo, que esa actualización do IPC tampouco se consolide no ano 2013.

Unha perda por tanto de poder adquisitivo que, en Galicia sacude ás familias de xeito notorio, debido a que temos as pensións máis baixas de España pola prevaleza de pensionistas do Réxime Especial Agrario e do Réxime Especial do Mar.

Moito máis nas provincias do interior que teñen un comportamento do IPC superior ao promedio galego, como é o caso de Lugo cun IPC do 3,1% .

Reputados economistas cifran a perda por pensionista/ano para o caso galego en 950 euros de media sumando outros conceptos incluídos no “poder adquisitivo”.

Si só temos en conta as cifras da NON revalorización e da NON paga da desviación do IPC podemos calcular que para os pensionistas galegos a perda é neste primeiro momento de máis de 260 millóns de euros, a espera da discrecionalidade que vai presidir o incremento das pensións no ano 2013, si é que se produce.

Ademais, é preciso ter en conta o copago farmacéutico, impostos (IRPF, IBI) e taxas e canons como o da auga, que xuntos conforman unha importante perda de poder adquisitivo próxima aos 405 millóns de euros.

Diante disto o Goberno da Xunta permanece indecentemente mudo, cando na recente campaña electoral toda a teima de Núñez Feijoo foi negar que o Goberno de Rajoy fose a conxelar as pensións, algo que resultou certo, porque finalmente optou por rebaixalas de certo e aventurar esta rebaixa a futuros anos.

Por todo o exposto, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes

ACORDOS:

PRIMEIRO.- Instar ao Goberno Central á revogación do acordo do Consello de Ministros de 30 de novembro de 2012, para non actualizar co IPC as pensións de 2012 e suspender o dereito á revalorización das pensións en 2013.

SEGUNDO.- Instar á Xunta de Galicia á defensa dos dereitos dos e das galegas pensionistas, a través das medidas necesarias, políticas ou xurídicas, diante do Goberno Central, antepoñendo os intereses da cidadanía galega fronte a intereses partidarios.

TERCEIRO. Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de Galicia, así como ao Congreso e ao Senado de España.
 

No hay comentarios: