O artigo 79.1 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALGA), dispón de forma concordante co artigo 27 do ROF e do artigo 10 do Regulamento Orgánico Municipal, que sempre que sexa posible, os diversos grupos políticos disporán, na sede da Entidade Local, dun despacho ou local para reunirse de maneira independente e recibir visitas dos cidadáns, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais. Na actualidade, na Casa Consistorial da Pobra ningún grupo dispón de despacho ou local no que poder realizar as actividades anteriormente sinaladas.
O pazo onde está a sede do Concello da Pobra, pese á súa fermosura e valor histórico, ten unhas dimensións que non permitían até fai pouco a habilitación de despachos para os grupos municipais, dada a ocupación de todos os espazos por oficinas e despachos de tramitación administrativa ocupados por persoal ao servizo do Concello.
A día de hoxe, a superficie útil da Casa do Concello aumentou considerablemente debido ás ampliacións da sede municipal, así como o traslado de certos servizos a outros inmobles de titularidade municipal, motivo polo que xa non existiría impedimento á dotación de despachos para os grupos municipais.
Esta dotación que se solicita vai dirixida, nomeadamente, aos grupos que exercemos labores de oposición, dado que o Grupo Municipal Popular xa dispón das dependencias municipais na súa dobre calidade como grupo político e grupo de goberno.
Tal é así, que o Concello se negou a recibir as invitacións a un acto convocado para o 14 de xullo pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca do Barbanza dirixidas aos concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG, pero si recolleron as invitacións dirixidas as concelleiros do PP (sendo, segundo nos manifestou a Plataforma, o único concello do Barbanza que actuou deste modo), polo que a falta de disposición de despachos está a xerar un agravio comparativo entre os distintos grupos, cando as dependencias municipais son públicas e deben estar á disposición das distintas sensibilidades políticas da cidadanía, e non só ás do grupo de goberno, en virtude do principio de neutralidade institucional.
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte
ACORDO
Que se acorde dotar aos grupos municipais da oposición dun despacho ou local na sede do Concello da Pobra do Caramiñal, dotado dunha infraestrutura mínima de medios materiais, en cumprimento do disposto no artigo 79.1 da LALGA, do artigo 27 do ROF, e do artigo 10 do Regulamento Orgánico municipal, en relación co artigo 23 da Constitución Española.
No hay comentarios:
Publicar un comentario