No momento en que a poboación está inmersa no período vacacional é notorio o deterioro progresivo que experimentan os principais atractivos turísticos e históricos deste pobo.
O entorno natural de Aldea Vella e as piscinas do río Pedras é un dos lugares con máis encanto e personalidade do noso concello. Camiñando é posible encontrar recunchos singulares como a antiga Ponte Medieval onde se situaba o antigo Mosteiro da Misarela,
Este lugar de interese turístico destacable encóntrase na actualidade en situación de abandono. Nada máis chegar a Aldea Vella apreciamos numerosas bolsas de lixo acumuladas no chan, xa que carece dun contedor para depositalas, de tal maneira que se poida facilitar ós visitantes un comportamento cívico e de respecto ó medio ambiente; tendo en conta que o lixo é unha fonte de contaminación e un combustible acelerante do lume (sobre todo os plásticos, que acostuman a ser unha alta porcentaxe dos residuos producidos pola actividade humana) resulta un problema potencialmente moi grave cuxa solución para o Concello resulta sinxela e pouco custosa.
Nese mesmo lugar existe un barranco, (cun importante desnivel) sen protección. Da inspección visual resulta que faltan grandes pedras tiradas no barranco podendo dar lugar a un desafortunado accidente e a unha posible concorrencia de responsabilidade patrimonial do Concello, que é coñecedor tanto da perigosidade do terraplén -de aí a presenza da barreira- como da situación actual de conservación da mesma (debería selo con anterioridade, pero xa o é formalmente dende a recepción deste documento).
.
Camiñando en dirección a Ponte Medieval e Mosteiro da Misarela vemos o abandono que sufre toda a área, esquecéndose este Goberno Municipal do enorme potencial turístico que pode ser a forma de preservación dos recursos, a vez de ser unha fonte de coñecemento, desenvolvemento e dinamización do pobo.
Por outra banda, a contención da vexetación nos camiños e dos espazos públicos é unha das labores que compete ao Concello ben sexa acometendo as labores de broza e limpeza directamente, ou ben por requirimento ao titular dos predios cuxa vexetación se estende sobre eles, en exercicio das competencias propias en materia de conservación de camiños e prevención de incendios, de conformidade cos artigos 25.2.b), c) e d) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (LBRL), en concordancia co disposto nos artigos 80.2.b), c) e d) da Lei autonómica 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia (LALGA).
Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS
1º.- Que se dote o lugar de Aldea Vella de contedores de lixo.
2º.- Que se adopten medidas de seguridade e repare o muro de pedra de protección do barranco.
3º.- Que se acondicione e limpe periodicamente a ruta que vai desde Aldea Vella a Misarela retirando os restos da maleza do entorno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario