Onte vivimos
un novo capitulo máis do esperpento no que se está convertendo a vida política
pobrense. Unha vez máis, o Goberno de Nos Pobra deunos mostras do seu estilo político, a nova
política segundo eles, que unicamente está baseado na falta de diálogo, nos
incumprimentos dos compromisos alcanzados e na volatilidade das súas opinións.
Onte non nos
quedou máis remedio, a todos os partidos políticos que compoñemos a oposición,
que marcharnos do Pleno. Fómonos porque, unha vez máis, Nos Pobra volveunos a
enganar traendo unha proposta para os plans de Deputación que non fora acordada
coa oposición, tal e como se comprometeron desde Nos Pobra.
Hai xa
algunhas semanas, o Alcalde convocou unhas reunións co resto dos partidos co
obxectivo de realizar unha proposta común para os Plans de Obras e Servizos
(POS) e ao Plan de Acción Social (PAS). Todos presentamos as nosas propostas,
como eran moitas e o seu custo seguramente superaba o que establecían os plans
se comprometeu o Alcalde para convocar unha terceira reunión na cal xa se
terían valorados as propostas e así se elixirían as máis apropiadas.
Cal foi nosa
sorpresa cando o que recibimos foi a convocatoria do pleno cunha documentación
que consideramos errónea ou polo menos incompleta. Unha vez máis, vemos que
lles colleu o touro. Unha vez máis vemos a improvisación e a chapuza na
tramitación dos proxectos. Unha vez máis, vemos que non podemos xulgar ou valorar
adecuadamente os proxectos. Unha vez máis vemos que o Concello quere pagar os
gastos que corresponden a outras administracións como pode ser a Xunta de
Galicia. Unha vez máis, tropezámonos coa falta de diálogo, coa nula vontade de
negociar, coa imposición baseándose na falta de tempo porque hoxe é o último
día para presentar os proxectos.
Isto está a
ocorrer constantemente, este é o sello deste Goberno que pretende gobernar coma
se tivese maioría absoluta e non a teñen. Son sordos por que non escoitan a
quen quere falar con eles, son mudos porque se negan ao diálogo e ao acordo,
son cegos por que non ven que nos están levando á paralización do Concello.
Onte
levantámonos porque estamos fartos desta forma de facer política, porque nos
enganaron e volvemos por responsabilidade, porque os cidadáns non deben de
pagar a ineptitude destes que nos están gobernando.
Hoxe veremos
como saen nas redes sociais dándose golpes no peito e dicindo que malos somos a
Oposición deste pobo, volverán tentar polarizar á poboación, pero a
responsabilidade é do goberno e de quen quere gobernar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario