martes, 17 de noviembre de 2015

MOCIÓN PARA INSTAR A XUNTA DE GALICIA A INCLUÍR A VACINA DA MENINXITE-B


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción para instar aos Gobernos de España e da Xunta de Galicia a incluír a vacina contra a Meninxite –B no calendario vacinal.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A invención da primeira vacina, a da varíola, realizada por Edwuard Jenner aló polo ano 1796 supuxo un fito na loita contra a enfermidade. A partir dese momento, foron xurdindo vacinas para as enfermidades mortais ou con graves secuelas tales como tifo, tétanos, difteria, tosferina, tuberculose, poliomelite, etc …, o que proporcionou unha batería de ferramentas moi valiosas para poder loitar contra estas enfermidades e as súas devastadoras consecuencias. Estas novas armas á disposición dos médicos, deron como consecuencia unha importante diminución da mortalidade infantil e un aumento da esperanza e calidade de vida, pero só estaban dispoñibles para un pequeno sector da poboación, aquel que tiña os recursos suficientes para sufragar o gasto económico destas vacinas.

Co transcorrer do tempo, en España iniciáronse campañas de vacinación que non foron de carácter obrigatorio ate os anos 20 por mor dunha epidemia de varíola, despois desta etapa de campañas, nos anos 70 implementanse os calendarios vacinais, incidíndose na prevención temperá ao realizala naqueles grupos de maior risco como son os nenos/as dende case o nacemento. En España, estas vacinacións sufragadas polo erario público, supuxeron un gran avance non só en saúde e diminución drástica da mortalidade infantil, senón en igualdade de oportunidades, posto que calquera familia tiña ao seu dispor, de xeito gratuíto, a oportunidade de inmunización ou polo menos de minimizalos riscos e secuelas de moitas enfermidades.

A Constitución Española, no artigo 43 de protección da saúde, no seu punto primeiro recoñécelle aos cidadáns españois o dereito á protección da saúde e no segundo, establece que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

O Convenio sobre os Dereitos do Neno, aprobado pola ONU e ratificado por España, establece no artigo 6, que os Estados asinantes recoñecen que tódolos nenos teñen dereito intrínseco á vida e garantirán na máxima medida posible a supervivencia e o desenvolvemento do neno.

Existe dende fai meses un colectivo denominado “Plataforma de Cidadáns pola Saúde - Vacina XA”, que se mobiliza para recordarlle aos poderes públicos os deberes de protección que teñen coa cidadanía e en especial na protección da saúde e a prevención da enfermidade e esixen destes poderes, que introduzan a vacina contra a meninxite B de xeito universal e gratuíto para tódolos cidadáns, tendo en conta que neste ano xa morreron dous veciños de Arteixo e outro en Boiro. Dende esta plataforma son conscientes de que o eido municipal non ten case competencias a nivel sanitario e que a Xunta de Galicia non é quen de modificar unilateralmente o calendario vacinal, pero recórdannos que os Grupos Municipais dos concellos, están formados por veciños e veciñas, e son os representantes políticos da administración máis próxima á cidadanía, por iso nos piden que sexamos os valedores da súa causa ante os Gobernos da Xunta de Galicia e o Goberno de España, propoñendo, para aprobar polo pleno municipal, os seguintes ACORDOS:

·        Instar ao Goberno de España para que curse orde ao Ministerio de Sanidade para que a vacina da Meninxite B, sexa incluída de xeito inmediato no calendario vacinal.

·        Instar á Xunta de Galicia para que, no caso de que o Ministerio de Sanidade non acepte a inclusión inmediata da vacina contra a Meninxite B, instaure unha nova experiencia piloto coa implantación da vacina da Meninxite B.
A Pobra do Caramiñal, 09 de novembro de 2015.


No hay comentarios: