martes, 20 de enero de 2015

MOCIÓN PAGAMENTO SANCIÓNS POR VERTIDO


Mª Teresa García Guillán, concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción co obxecto de impulsar o control dos vertidos industriais no Concello.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os socialistas consideramos necesario impulsar o control dos vertidos industriais no noso Concello e afrontar dun xeito decidido un  mal endémico que vimos padecendo dende fai moitos anos.
Os veciños da Pobra do Caramiñal estamos sufrindo un ataque permanente á saúde dos ríos e da ría de Arousa pola pasividade do goberno municipal, o que ten consecuencias indesexables para a poboación, ademais do custe económico que supón pagar entre todos os veciños as sancións a Consellería de Medio Ambiente e Territorio, concretamente a Augas de Galicia.
Na relación contable de facturas do 30 de setembro do 2014 procedeuse ao abono de 5.000 € a entidade Augas de Galicia por sanción. Na resolución nº 558/2014 pagouse outra sanción por vertido por importe de 2.625 €. É dicir, en menos de un mes pagamos 7.625 € en sancións por vertidos a Augas de Galicia, importe que procede dos impostos de tódolos Pobrenses por non facer cumprir a lexislación aos que contaminan. Como mínimo é INDECENTE esta actitude do goberno municipal cando se deixa sen axudas de escolarización e comedor escolar, por falta de presuposto,  a varias familias  que carecen dos ingresos necesarios para poder costear a manutención, o material escolar, ...
Desde abril do ano 2009 presentamos 19 denuncias por vertidos incontrolados do polígono industrial da Tomada. Desde o equipo de goberno mirouse sempre para outro lado, non se fixo cumprir a ordenanza municipal e en vez de pagar o que contamina, ao final pagamos todos os veciños pola complicidade cos empresarios que contaminan.
As denuncias foron as seguintes: nº de rexistro 463/09, 612/09, 611/09, 610/09, 659/09, 479/09,860/09, 878/09, 911/09, 1056/09, 900/09, 135/10,  189/10, 195/10, 198/10, 47/2011, 46/11, 84/12, 100/13, 130/13. Aínda que non continuaramos denunciando debido a que se nos facía caso omiso, os vertidos seguen sendo periódicos, continuos e permanentes.
A tubería que atravesa a estrada autonómica AC-302 e que verte sen control algún é unha boa mostra da situación de falta de control sobre os vertidos que existe no termo municipal.
Por outra banda os vertidos continuados están ameazando permanentemente a saúde do río Morto de A Pobra. Non se trata de unha cuestión puntual, senón que se teñen detectado todo tipo de produtos químicos que incluso queiman as colleitas.
Os olores que desprenden estas augas falan de vertidos. Si observamos a inmensa erosión que a auga ten feita no chan, podemos incluso deducir que se verten grandes cantidades de vertidos por este canle que en diferentes ocasións se tingue de branco, vermello ou incluso negro, e o olor da zona vólvese nauseabundo.
Existe un falta de conciencia absoluta por parte das autoridades ó non ter en conta o dano irreparable que se lle causa ao medio ambiente, ademais dos prexuízos económicos que pode ter para os mariscadores e mariscadoras.
O pasado mes de decembro 11 confrarías (entre elas a da Pobra), e seis asociacións de produtores de mexillón denunciaron o deterioro progresivo da actividade, derivado dos graves problemas medioambientais nas zonas de extracción que ameazan o desmantelamento dos recursos dos que viven miles de familias.
Nun manifesto dirixido ao Presidente da Xunta, a conselleira de Medio Rural e do Mar e a titular da Consellería de Medio Ambiente, o sector esixe información sobre o contido de tódolos estudios e investigacións ambientais que obran en poder da Administración desde 2002 e que afectan a ría de Arousa e aos ríos que desembocan nela.
Expoñen a critica situación xeral na que viven os sectores produtivos do mar e comproban o deterioro progresivo da súa actividade que é o sustento de miles de familias. Estes sectores constitúen a columna vertebral da ría, o seu motor económico e factor moi importante de cohesión social. Os asinantes continúan dicindo que senten indignación e impotencia ao comprobar cómo a situación ambiental da ría vaise deteriorando ante o abandono das Administracións. Os problemas que sofren son numerosos e importantes e debuxan un panorama moi ameazante para o futuro das xentes do mar e para a propia viabilidade da ría tal e como a coñecemos ata agora: a máis produtiva e a que máis tecido social sostén.
É preciso actuar de xeito decidido para preservar a ría de Arousa e a saúde dos ríos e canles fluviais existentes, e neste caso o Concello e a Xunta de Galicia deben activar con urxencia os mecanismos necesarios para poder frear esta desfeita ambiental.
As Administracións deben traballar para facer compatible o desenvolvemento económico, a través das industrias asentadas na zona, co respecto ó medio ambiente e ó cumprimento da lexislación ambiental.


O Grupo Socialista propón un incremento dos programas de concienciación ambiental e un estrito cumprimento das directivas europeas de carácter ambiental, que ademais permita potenciar o enorme patrimonio cultural e económico que teñen os ríos e rías de Galicia.


Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes


ACORDOS:

1.- Que polo Sr. Alcalde se proceda a adoptar as medidas necesarias para proceder a erradicación de Vertidos, co obxecto de evitar o evidente dano que se lle está causando as arcas do Concello, ó medio ambiente e á economía da zona, principalmente a relacionada co sector pesqueiro-marisqueiro   e  co turismo.

2.-Cumprir e facer cumprir a lexislación ambiental en materia de vertidos industriais e precisamente o Regulamento Municipal,  para favorecer un desenvolvemento económico sostible e onde convivan a produción industrial e a protección ambiental.


A Pobra do Caramiñal, 07 de xaneiro de 2015.

No hay comentarios: