Mª Teresa García Guillán,
concelleira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, integrada no Grupo Mixto, ao
abeiro do disposto no art. 97.3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión
plenaria, presenta ó Pleno unha moción contra a pobreza enerxética e pola
protección dos consumidores vulnerables.
EXPOSICIÓN DE
MOTIVOS
A pobreza enerxética é unha consecuencia máis da grave
crise social e económica que estamos a padecer. Defínese como aquela situación
que sofren os fogares cuxos membros son incapaces de pagar unha cantidade de
servizos da enerxía suficientes para a satisfacción das súas necesidades
domésticas e/ou vense obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus
ingresos ao pago da factura enerxética das súas vivendas.
Segundo diferentes estudos socio - económicos son xa máis
de 300.000 persoas en Galicia as que teñen graves dificultades para facer
fronte ao recibo da luz ao final de mes, debendo dar prioridade ou elixir entre
que cuestións básicas de subsistencia, moi unidas ao desenvolvemento dunha vida
digna, poden permitirse e cales non.
A este dato hai que engadir o que facilita o INE e o IGE
nas enquisas de condicións de vida que sinalan que en torno aos 100.000 fogares
en Galicia non poden manter a súa casa a unha temperatura adecuada, cos riscos
que iso comporta especialmente para as persoas con factores de risco máis alto,
como nenos, anciáns ou enfermos.
Fronte a este grave problema existen diferentes
posicionamentos: mirar a outro lado, expor unha solución de conxuntura, ou
adoptar medidas estruturais que remedien situacións dramáticas que poden ser
evitadas con solidariedade e tamén coa lexislación. Lamentablemente, a dereita,
como en outros moitos temas está na conxuntural.
Así mentres a Unión Europea ten instado aos diversos
Estados membros a adoptar medidas para protexer aos consumidores máis
vulnerables e a loitar contra a pobreza enerxética, en Galicia tense actuado
tarde, pouco e mal.
As normas europeas foron elaboradas cun dobre obxectivo:
primeiro, garantir unha subministración de gas e electricidade imprescindible
para garantir unha vida digna asociada á
vivenda habitual, a un custo alcanzable para o consumidor vulnerable; e
segundo, prohibir a desconexión en períodos críticos.
Mentres distintos países teñen aprobado normas que
protexen aos consumidores máis vulnerables, prohibindo durante o inverno
interromper a subministración que lles poida deixar sen calefacción, a
lexislación española limitouse a desenvolvementos absolutamente insuficientes.
Cremos imprescindible ser sensibles á situación que
moitos dos nosos veciños e veciñas padecen, e por tanto, estimamos a
oportunidade de que a Xunta de Galicia utilice todos os resortes que ten ao seu
alcance, e ademais inste ao Goberno de España a aprobar unha lei para
solucionar os problemas máis urxentes e prexudiciais de pobreza enerxética, e
que marque a orientación prioritaria das administracións á hora de afrontar as
principais causas polas que esa pobreza enerxética se produce.
Estimamos preciso que se considere e se lexisle para que
a subministración de enerxía sexa un dereito social básico, que os consumidores
vulnerables accedan a unha tarifa social en función dos seus ingresos e non do
mercado, e o máis importante, que non haxa cortes de subministración no inverno
para aquelas persoas que se atopen en situación de pobreza enerxética,
financiando a diferenza entre a tarifa social e o consumo real a través dos
orzamentos xerais do Estado.
Entendemos que é preciso abordar a pobreza enerxética
dentro dun contexto de ampliación de medidas estruturais, como son a mellora da
eficiencia enerxética das vivendas vinculadas ás familias con máis
dificultades, así como o apoio público á rehabilitación das vivendas que ocupan, coa finalidade de conseguir unha
maior optimización dos recursos enerxéticos.
Ante todo cremos que o Goberno Galego debe recoñecer que
se trata dunha medida de política social, co propósito de garantir os
principios de progresividade, solidariedade e cohesión respecto dos
consumidores máis vulnerables, e por iso entendemos que o custo desta
iniciativa débese sufragar polo conxunto do sistema.
Por todo
iso, este grupo que represento solicita a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1.
Habilitar unha liña
de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e
gas), que garanta que ningún fogar poda ser privado dun mínimo de cobertura
enerxética de subsistencia entre o 1 de novembro e o 31 de marzo de cada ano,
que permita garantir o subministro enerxético ás familias que estean en
situación de pobreza enerxética.
1.a. Esta
liña de axudas desenvolverase no ámbito das políticas de benestar social, mais
alá da colaboración coa Consellería de Economía e Industria, e arbitraranse
medidas que faciliten a súa solicitude a aquelas familias afectadas por este
problema.
2.
Demandar ao Goberno
de España a que de forma inmediata presente no Congreso dos Deputados para o
seu debate e aprobación un proxecto de lei de protección dos consumidores
vulnerables e contra a pobreza enerxética.
No hay comentarios:
Publicar un comentario